Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Martes, 1 de decembro de 2020 Páx. 47328

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 27 de novembro de 2020 pola que se aproba e publica o Plan de continxencia en materia de recursos humanos (COVID-19) pactado na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario.

Coa data do 25 de novembro de 2020, na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, foi pactado entre a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CC.OO., CSI-F e SATSE o Plan de continxencia en materia de recursos humanos (COVID-19).

A negociación foi realizada de conformidade coas previsións que ao respecto conteñen o artigo 38 da Lei do Estatuto básico do empregado público (texto refundido aprobado polo Real decreto legislativo 5/2015, do 30 de octubre), o artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e os artigos 79 e 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco de persoal estatutario dos servizos de saúde.

Con base na normativa citada

DISPOÑO:

Aprobar e publicar, para xeral coñecemento e efectividade, o Plan de continxencia en materia de recursos humanos (COVID-19) pactado na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Plan de continxencia en materia de recursos humanos (COVID-19)

I

A situación de emerxencia e crise sanitaria deste ano 2020 obrigou a adoptar con urxencia determinadas medidas de carácter excepcional en materia, por unha parte, de reforzo de efectivos. Trátase dun colectivo de persoal especificamente incorporado, nunha contía moi relevante, para atender necesidades emerxentes derivadas da pandemia.

Xunto a estas medidas de reforzo do número de efectivos, houbo que contar con otras medidas extraordinarias de ordenación de recursos humanos (ademais doutras incardinadas no ámbito da prevención de riscos laborais), moitas delas amparadas na declaración do estado de alarma do pasado mes de marzo (Real decreto 463/2020, do 14 de marzo) e en sucesivas ordes do Ministerio de Sanidade (Orde SND/232/2020, do 15 de marzo, e aquelas que a modificaron posteriormente).

Todas estas medidas foron ou están a ser utilizadas ou non, e en diferente medida, en cada área sanitaria, en exercicio da súa autonomía de xestión e en función das súas propias necesidades asistenciais e territoriais.

Por outra parte, o Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 acometeu unha serie de modificacións da lexislación sanitaria xustificándoas, dun lado, «na pervivencia actual da situación de crise derivada da pandemia oficialmente declarada como tal», e doutro, «na natureza e evolución imprevisible desta». Todo iso co fin de garantir unha maior eficacia e coordinación na adopción de medidas para afrontala, ante a continxencia dos eventuais (agora xa presentes) rebrotes de transmisión comunitaria do COVID-19.

En concreto, dentro das medidas para garantir as capacidades do sistema sanitario previstas no real decreto lei, o artigo 28 determina que «as administracións competentes velarán por garantir a suficiente dispoñibilidade de profesionais sanitarios con capacidade de reorganización destes de acordo coas prioridades en cada momento. En particular, garantirán un número suficiente de profesionais involucrados na prevención e control da enfermidade, o seu diagnóstico temperán, a atención aos casos e a vixilancia epidemiolóxica».

En idéntico sentido pronunciáronse as disposicións autonómicas, nomeadamente a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se deu publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

A normativa emitida está presidida, pois, pola consciencia respecto da imprevisibilidade da evolución da pandemia e a necesidade de manter a capacidade reforzada do sistema sanitario. Por iso faise fincapé na correlativa necesidade de dispoñer dos recursos suficientes para dar a axeitada resposta asistencial ante os abrochos e novas ondas epidémicas, de xeito que o esforzo sanitario realizado ata agora se consolide e se garanta, así mesmo, a posibilidade de despregar recursos adicionais operativos nun breve espazo de tempo.

II

Neste momento está a iniciar os seus traballos unha Mesa Sectorial cunha recente nova composición e, polo tanto, procedería concretar as materias que serán obxecto de negociación, nomeadamente aquelas que neste intre se consideran prioritarias.

Obviamente, a persistencia da situación de crise sanitaria, evidenciada cunha nova declaración do estado de alarma (Real decreto 926/2020, do 25 de outubro) e a autorización da súa prórroga (ata as 00.00 horas do día 9 de maio de 2021) polo Congreso dos Deputados, obriga a considerar prioritaria a negociación dun marco de medidas de ordenación de recursos humanos que, dun modo conxunto, coadxuven a facer fronte a esa situación; marco de medidas que, en correspondencia coa realidade cambiante e flutuante propia das emerxencias sanitarias, só pode deseñarse para ser aplicado, adaptado e interpretado dun xeito áxil e flexible, en atención á evolución futura da situación epidemiolóxica e dos recursos asistenciais.

Para estes efectos óptase pola presentación e negociación dun «Plan de continxencia en materia de recursos humanos (COVID-19)». Aténdese así a petición formulada polas cinco organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial na reunión do pasado 31 de xullo. En calquera caso debe precisarse que se trata dun documento que se limita a incorporar, de forma ordenada, un abano de medidas extraordinarias en materia de persoal que, polo seu alcance, se considera preciso presentar e negociar na Mesa Sectorial pero que, evidentemente, é independente tanto dos múltiples protocolos organizativos e asistenciais de continxencia xa existentes como, no ámbito dos recursos humanos, dos protocolos específicos elaborados en materia de prevención de riscos laborais ou, sobre materias diversas, nas diferentes institucións.

Igualmente, e xa no eido das relacións laborais, a negociación deste plan na Mesa Sectorial non desvirtúa o traballo permanente de comunicación e participación residenciado en órganos periféricos de participación.

No elenco de medidas que incorpora o plan teñen especial relevancia aquelas dirixidas a impulsar o número de profesionais dispoñibles para o desempeño de vínculos temporais, cuxo déficit se ve agravado non só polo incremento da presión asistencial nos centros sanitarios, senón tamén pola existencia de novas actividades e novos ámbitos de actuación (apoio en centros sociosanitarios, rastrexo, COVID-auto ...).

Nesta liña de impulsar o número de profesionais dispoñibles actúase en dúas direccións.

Por unha parte, introdúcense novas modalidades de nomeamento eventual máis estables pola súa duración –coa previsión de 1.250 vínculos de entre seis meses e un ano– e polo tanto máis favorables para as persoas aspirantes.

Trátase así de garantir o funcionamento permanente e continuado dos centros, promovendo ao mesmo tempo a estabilidade e continuidade na prestación de servizos, polo menos durante a situación de crise sanitaria, das persoas dispoñibles incorporadas como persoal eventual. Desta forma redúcese o número de chamamentos/nomeamentos, confórmanse equipos de traballo máis estables dentro das unidades e posibilítase unha mellor organización e planificación do traballo.

Por outra parte, actúase dentro do sistema de selección de persoal temporal con varias medidas que fomentan a dispoñibilidade real de aspirantes nas categorías e ámbitos deficitarios: puntuación adicional específica que premia a dispoñibilidade real e permanente, publicación anticipada de listas definitivas, flexibilización en materia de requisitos...

III

Desde o inicio da emerxencia sanitaria implantáronse medidas de carácter transitorio e excepcional para fomentar, perante supostos xustificados, alternativas de traballo non presencial (teletraballo) e de flexibilización da xornada co obxecto de facilitar o desempeño das correspondentes funcións polos profesionais afectados.

Recentemente, e neste mesmo contexto de crise, o Real decreto lei 29/2020, do 29 de setembro, vén de modificar o actual texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (EBEP), introducindo un novo artigo 47 bis no capítulo V do título III, relativo á xornada de traballo, permisos e vacacións. Este novo precepto, titulado Teletraballo e dedicado especificamente á devandita modalidade de prestación de servizos, resulta aplicable ao conxunto do persoal das administracións públicas, incluído o dos servizos de saúde.

Con todo, e malia a súa vocación universal de aplicación e de norma de referencia, o mesmo EBEP recolle e ampara a existencia de normativa propia que regule as particularidades de determinados sectores das administracións e do seu persoal, citando nomeadamente o persoal estatutario dos servizos de saúde; cuxas características organizativas e de prestación de servizos requiren da necesaria adaptación dos postulados comúns do EBEP ao seu réxime específico, logo da preceptiva negociación colectiva. O que atinxe ineludiblemente, neste caso, o denominado teletraballo.

O momento actual e a evolución da pandemia requiren darlle pulo e normativizar coa maior brevidade, a xeito de bases uniformes e cun contido mínimo común para o conxunto de institucións, certas pautas de réxime de teletraballo e medidas concretas de flexibilidade horaria do persoal do Servizo Galego de Saúde e as entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade. Máxime, tendo en conta que na actual crise epidemiolóxica as actuacións emprendidas neste eido se teñen revelado como un instrumento organizativo eficaz para manter a actividade e a prestación do servizo público, garantindo asemade a prevención fronte aos contaxios.

Por iso inclúese neste plan o compromiso de negociar de modo inmediato na Mesa Sectorial unhas «bases para a implantación dun réxime de teletraballo e medidas de flexibilidade horaria nas institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia» que, obviamente, non poderán ir en detrimento das expectativas e dereitos relativos á formación, promoción e carreira profesional do persoal afectado. Antes ao contrario, deberían contribuír segundo parámetros obxectivos (e na medida do posible) á conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral; así como ao fomento do emprego das novas tecnoloxías da información e o desenvolvemento da administración dixital, o que redunda así mesmo no interese dos centros, desde o punto de vista da modernización e organización da xestión sanitaria.

Porén, por razóns de urxencia, xa se anticipan no plan certas medidas de teletraballo e flexibilidade horaria para situacións especiais de emerxencia sanitaria.

IV

A medidas xa expostas constitúen o núcleo esencial deste plan. No entanto, incorpóranse outras medidas de carácter xeral e relevante, como uns criterios xerais que serían de aplicación no caso de que sexan precisas medidas de mobilidade entre centros e niveis asistenciais (de ser o caso, tamén entre áreas sanitarias).

Finalmente, no punto IV incorpórase un grupo de medidas que, polo seu contido, non teñen acomodo nos puntos anteriores.

Desta forma, o Plan conta coa seguinte estrutura:

I. Medidas en materia de selección e vinculación de persoal temporal.

1. Medidas para incrementar a dispoñibilidade real de aspirantes.

2. Novo nomeamento eventual por emerxencia sanitaria.

3. Modalidades de formalización dos nomeamentos temporais.

II. Criterios para a mobilidade do persoal (cando resulte precisa).

1. Entre centros e niveis asistenciais (na mesma área sanitaria).

2. Entre áreas sanitarias.

III. Teletraballo e flexibilidade horaria.

IV. Outras medidas.

1. Permisos/libranzas adicionais de carácter extraordinario.

2. Pausa adicional durante a xornada laboral.

3. Apoio psicolóxico e emocional aos/ás profesionais.

4. Formación COVID.

5. Profesionais dispensados da prestación de servizos polo exercicio de funcións sindicais.

6. Carreira profesional.

V

Non pode prescindirse neste plan dun recoñecemento explícito ao extraordinario e meritorio esforzo de dedicación, responsabilidade e compromiso por parte do persoal das institucións sanitarias que desenvolveu o seu traballo nesta difícil situación, nomeadamente aquel cunha atención continuada a pacientes, que comporte un uso continuado de EPI completo, en plantas de hospitalización COVID, unidades de críticos, circuítos COVID (urxencias, centros de saúde e PAC), COVID-auto e 061.

Merece así mesmo un especial recoñecemento o persoal das listas de contratación que, sen ter un vínculo de fixeza, pero consciente da súa pertenza a unha categoría de especial relevancia neste contexto de crise sanitaria, fixo e está a facer evidente cos feitos a súa profesionalidade e colaboración, mantendo a súa prestación de servizos e atendendo ao longo dos meses os chamamentos de incorporación realizados desde as institucións sanitarias, co conseguinte beneficio para os pacientes e compañeiros/as de profesión.

Para un e otro colectivo incorpóranse neste plan medidas de recoñecemento.

I. Medidas en materia de selección e vinculación de persoal temporal.

Primeiro. Medidas para incrementar a dispoñibilidade real de aspirantes

Acórdanse as seguintes medidas tendentes a incrementar o número de aspirantes realmente dispoñibles nas listas elaboradas en execución do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal, nomeadamente nas categorías deficitarias, co obxecto de dar adecuada resposta ás necesidades asistenciais:

1. Concesión dunha puntuación adicional específica que valore a dispoñibilidade daqueles/as aspirantes que se incorporan á prestación de servizos durante a situación de emerxencia sanitaria, cada vez que son demandados polo Servizo Galego de Saúde, nos seguintes termos:

a) Será de aplicación nas listas de categorías deficitarias (inicialmente, médico/a de familia, pediatra AP, médico/a de urxencias hospitalarias, enfermeiro/a, matrón/a e TCAE). Por acordo da Comisión Central de Seguimento do antedito pacto poderá estenderse a outras categorías nas que se aprecie, durante o transcurso da situación de emerxencia sanitaria, unha situación de efectiva indispoñibilidade.

b) Sen que en ningún caso se poida superar a puntuación total máxima do baremo fixada en 100 puntos, asignarase unha puntuación adicional a aqueles/as aspirantes admitidos/as nas listas de categorías deficitarias que non teñan solicitado unha suspensión de chamamentos, con independencia de que estean ou non vinculados, así como aos novos inscritos que, aínda non constando admitidos nas listas vixentes, en virtude do acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto que se recolle no seu anexo, fosen chamados para a formalización de nomeamentos e acepten estes.

c) A puntuación será a seguinte: por cada mes completo de dispoñibilidade no período comprendido entre o 1 de marzo de 2020 e o 15 de outubro de 2021: 0,15 puntos/mes.

Os meses serán computados por días naturais. Para iso, calcularase o número total de días de dispoñibilidade no período indicado e dividirase entre 30, de tal xeito que o que se valorará será o cociente enteiro, desprezándose os decimais.

d) Esta puntuación aplicarase exclusivamente nos baremos de selección temporal e farase efectiva a partir das listas definitivas correspondentes ao seguinte proceso de actualización (31 de outubro de 2021).

e) Non interromperán a dispoñibilidade continuada para os efectos da asignación desta puntuación os seguintes supostos:

1º. Os supostos de suspensión de chamamento previstos nas letras a), c) e e) do punto III.4.1.1 do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal.

2º. Os supostos de suspensión de reactivación automática agás o motivado por asuntos propios sen xustificación.

3º. A suspensión de chamamentos que teña como causa a realización do período de formación especializada polo sistema de residencia.

Os demais supostos de suspensión que se soliciten durante o período de vixencia dunha lista concreta non darán dereito á asignación de puntuación adicional por este punto.

2. Na categoría de enfermeiro/a, para o acceso á área especial de UCI-Reanimación-Queimados, equipárase a formación universitaria de máster, experto ou especialización en coidados críticos, enfermería intensiva ou equivalente, realizada nos últimos 10 anos, á formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde, prevista no vixente Pacto de selección temporal.

Así mesmo, e en idénticos termos, para o acceso ás áreas especiais de Quirófanos e Urxencias Hospitalarias equipárase á formación impartida polo Servizo Galego de Saúde, a formación universitaria de máster, experto ou especialización nos respectivos ámbitos.

3. As xerencias/direccións poderán ofertar aos/ás profesionais cun nomeamento de interinidade, que dispoñan ademais da titulación académica que lles habilite para o acceso ás funcións doutra categoría do mesmo ou superior nivel de titulación na que exista unha indispoñibilidade de aspirantes, nomeamentos temporais correspondentes a esta última categoría, sen que resulte afectada, por este motivo, a vixencia do nomeamento da categoría de orixe. A aceptación do nomeamento será voluntaria para o/a aspirante.

4. No suposto de indispoñibilidade de aspirantes, as xerencias/direccións poderán ofertar, aos/ás profesionais cun nomeamento a tempo parcial, a prestación de servizos a xornada completa por un período mínimo de 15 días. Tras ese período con xornada completa retomarase o réxime ordinario de xornada a tempo parcial. A aceptación do vínculo a xornada completa terá carácter voluntario para o/a aspirante.

5. Anticiparase a publicación dos resultados definitivos do proceso de actualización de listas das distintas categorías, priorizando as deficitarias.

Segundo. Novo nomeamento eventual por emerxencia sanitaria

O «reforzo por emerxencia sanitaria» será unha nova causa específica dos nomeamentos eventuais, e como tal figurará no correspondente nomeamento.

Ese nomeamento permitirá atender necesidades de persoal que se produzan, en centros de atención primaria e hospitalaria, e centros sociosanitarios, durante a situación de emerxencia sanitaria: atención directamente vinculada á causa da emerxencia sanitaria (COVID-19), cobertura de ausencias, reforzo de unidades, novas actividades vinculadas a COVID-19...

A súa duración inicial será de seis meses (con inicio no próximo mes de decembro) e estará posteriormente vinculada á evolución da situación de emerxencia; polo tanto, poderá prorrogarse e superar os seis meses (180 días) no período de un ano, cando así o requira a duración da emerxencia. En todo caso, este nomeamento computará de forma independente, con respecto ás outras causas de acumulación de tarefas, para os efectos desa duración límite.

Este nomeamento, como novo suposto a engadir ao punto III.2 do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal, ofertarase como mellora de vinculación aos/ás aspirantes que acrediten maior puntuación na lista e non estean vinculados por un nomeamento de longa duración.

Se a persoa aspirante a que se lle oferta este nomeamento está vinculada por un nomeamento de curta duración, a aceptación do vínculo será voluntaria e, en consecuencia, non penalizable. Se non mantén ningún vínculo, o seu rexeitamento será penalizado consonte as normas xerais do pacto.

A persona aspirante que acepte este nomeamento permanecerá como dispoñible para vínculos de duración igual ou superior a un ano, de conformidade co procedemento xeral que se establece na citada regulación.

Estes nomeamentos eventuais por emerxencia sanitaria expediranse en función das necesidades. En atención a un primeiro estudio de necesidades, realizaranse o seguinte número aproximado de nomeamentos (distribuídos entre as sete áreas sanitarias):

– Enfermeiro/a: 600 nomeamentos (á marxe dos xa anticipados nomeamentos, nun número aproximado a 150, con 12 meses de duración).

– Outras categorías (técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, celador/a, técnico/a superior sanitario/a, persoal de servizos xerais, auxiliar administrativo/a, enfermeiro/a especialista en familiar e comunitaria, enfermeiro/a especialista en pediátrica, técnico/a superior en prevención de riscos laborais): 500 nomeamentos.

Terceiro. Modalidades de formalización dos nomeamentos temporais

Retomarase con urxencia a negociación na Mesa Sectorial dunha nova orde pola que se regulamenten as modalidades de formalización dos nomeamentos temporais de persoal estatutario.

II. Criterios para a mobilidade do persoal (cando resulte precisa).

Estas medidas son de mobilidade. Polo tanto, afectarían, de ser o caso, o persoal cunha vinculación vixente e son, xa que logo, independentes das normas de selección temporal aplicables en supostos de indispoñibilidade transitoria de aspirantes.

Primeiro. Entre centros e niveis asistenciais (na mesma área sanitaria)

Á marxe de calquera normativa excepcional, a normativa ordinaria xa adscribe o persoal á área sanitaria, o que outorga ás xerencias amplas facultades de reordenación e mobilidade, con independencia do destino adxudicado nos procesos de selección e provisión, fixa ou temporal, e do ámbito de prestación que figure no nomeamento.

Unha situación de crise sanitaria incrementa a posibilidade de que sexa preciso utilizar esas facultades de ordenación.

No caso de que sexa precisa esa mobilidade, aplicarase inicialmente un criterio de voluntariedade. En segundo lugar, procurarase que o persoal temporalmente trasladado sexa aquel que pola súa traxectoria profesional -experiencia profesional, principalmente recente, e formación- sexa idóneo para atender as necesidades nas unidades de destino.

O previsto no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo dos acordos que se teñan adoptado ou se adopten no seo das xuntas de persoal, os cales serán de aplicación preferente.

A resolución pola que se acorde a mobilidade será individual, debidamente motivada e indicará a duración da medida.

En ningún caso a mobilidade suporá prexuízo económico para o/a profesional, que manterá as retribucións correspondentes ao posto de traballo de orixe. No caso de que realice atención continuada no centro de destino, percibirá as contías correspondentes conforme a orde de confección de nóminas.

Segundo. Entre áreas sanitarias

No suposto de que chegue a ser precisa a mobilidade de persoal entre áreas sanitarias, aplicarase inicialmente un criterio de voluntariedade.

Subsidiariamente recorrerase ao persoal eventual das áreas limítrofes (entendidas nos termos aplicados no pacto sobre selección de persoal estatutario temporal) en atención á seguinte orde de prelación:

– Persoal eventual non incluído nas listaxes de aspirantes (por orde inversa á súa prelación para os chamamentos).

– De menor a maior puntuación na listaxe vixente de aspirantes.

– De non existiren listaxes vixentes: orde crecente de menor a maior antigüidade.

En último termo, esta medida afectará o persoal interino e fixo (por esta orde) e en atención á súa menor antigüidade na área.

A resolución pola que se acorde a mobilidade entre áreas sanitarias será individual, debidamente motivada e indicará a duración da medida. A dita resolución será ditada pola Xerencia do Sergas, por proposta da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

No futuro baremo de carreira profesional incluirase unha puntuación pola mobilidade a que se refiren os puntos 1 e 2 anteriores, como un indicativo da implicación e compromiso coa organización e nos termos que resulten da negociación do baremo.

O persoal afectado por estas medidas de mobilidade percibirá os gastos de desprazamento nos termos previstos na normativa reguladora das indemnizacións por razón de servizo.

III. Teletraballo e flexibilidade horaria.

Negociaranse inmediatamente na Mesa Sectorial unhas «bases para a implantación dun réxime de teletraballo e medidas de flexibilidade horaria nas institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia».

No entanto, por razóns de urxencia, acórdanse xa as seguintes medidas de teletraballo e flexibilidade horaria para situacións especiais de emerxencia sanitaria:

1. Nos supostos de confinamento domiciliario e/ou outras circunstancias de forza maior, poderán articularse procedementos de flexibilidade horaria e de teletraballo habilitados polas xerencias de área sanitaria e os órganos equivalentes das entidades adscritas á Consellería de Sanidade, baixo os criterios de prioridade seguintes:

a) Profesionais vítimas de violencia de xénero.

b) Persoal pertencente a grupos vulnerables para COVID-19 nos termos dos plans específicos para a prevención de riscos ante a exposición laboral ao novo coronavirus (SARS-CoV-2) no Servizo Galego de Saúde. Nomeadamente e consonte o último plan vixente no organismo (e nos termos do propio plan), trátase de persoas con:

• Diabetes mellitus.

• Enfermidade cardiovascular (incluída hipertensión).

• Enfermidade pulmonar crónica.

• Enfermidade hepática crónica severa.

• Enfermidade renal crónica.

• Inmunodeficiencia.

• Neoplasia en fase de tratamento activo.

• Embarazo.

• Maiores de 60 anos.

• Obesidade mórbida (ICM>40).

c) Profesionais con necesidades de conciliación da vida familiar e laboral, motivadas no coidado de fillos/as menores de 12 anos ou persoas maiores ao seu cargo (o que deberá acreditarse coa solicitude).

2. Se, unha vez aplicados os criterios de preferencia anteriores, varios solicitantes acreditasen circunstancias semellantes, tomarase como criterio de desempate a maior antigüidade na institución sanitaria.

Con todo, poderá prescindirse do criterio recollido na letra b) nos supostos de servizos e unidades sen atención directa a doentes.

3. Os aspectos básicos para abordar estas situacións especiais deberán ser tratados na respectiva xunta de persoal ou órgano de representación que corresponda.

4. As solicitudes de teletraballo ou flexibilidade horaria deberán presentarse por escrito acompañado da súa xustificación e autorizarse mediante unha resolución expresa da respectiva xerencia. A cal estará referenciada a un período de tempo concreto e deberá contar co informe da dirección correspondente, logo da proposta da persoa responsable da unidade a que pertenza o/a profesional solicitante.

5. Os profesionais que, malia non estaren nunha situación de incapacidade temporal conforme a normativa da seguridade social, resulten porén afectados por un illamento preventivo ou corentena propia ou dun fillo/a menor de 12 anos, por mor do contacto estreito con casos con patoloxía suxestiva ou confirmada de infección polo SARS-CoV-2, poderán solicitar á dirección da área a prestación transitoria de tarefas propias do seu posto e categoría profesional a través de teletraballo.

Esta solicitude realizarase por calquera medio que permita a súa debida constancia e será contestada no prazo máximo de 48 horas, pola mesma canle, pola dirección da área ou entidade sanitaria respectiva. De ser estimada a solicitude, con carácter xeral a prestación do servizo cinguirase a aquelas tarefas que poidan ser desenvolvidas polo/a profesional cos seus propios medios técnicos, sempre que se cumpran os requirimentos de seguridade e protección de datos establecidos.

IV. Outras medidas.

1. Permisos/libranzas adicionais de carácter extraordinario

O persoal con atención continuada a pacientes, que supoña un uso continuado de EPI completo, en plantas de hospitalización COVID, unidades de críticos, circuítos COVID (urxencias, centros de saúde e PAC), COVID-auto e 061 terá dereito a desfrutar de un día adicional de permiso retribuído (ou libranza) -cun máximo de tres- por cada 15 días consecutivos de carteleira (coas libranzas que correspondan) que fosen efectivamente traballados durante o estado de alarma.

Dado o carácter flutuante da demanda asistencial, con picos de actividade e períodos nos que se reduce a carga de traballo, estes permisos compensatorios faranse efectivos no momento oportuno polas necesidades do servizo. No caso de que sexa preciso incorporar persoal temporal para atender as funcións dos/as beneficiarios/as ausentes, recorrerase ao persoal xa contratado para a emerxencia sanitaria, sen que se xeren polo tanto novas vinculacións.

Atenderase, como período inicial de referencia para o desfrute, ao fixado para os días de libre disposición deste ano 2020 (ata o 31 de marzo do ano 2021).

Estes permisos/libranzas extraordinarios serán para o seu desfrute e non serán obxecto de compensación económica.

Por outra parte, estes permisos/libranzas extraordinarios non serán adicionais aos que, de ser o caso, xa se teñan atribuído pola mesma causa nas diversas institucións.

2. Pausa adicional durante a xornada laboral.

O persoal con atención continuada a pacientes, que supoña un uso continuado de EPI completo, en plantas de hospitalización COVID, unidades de críticos, circuítos COVID (urxencias, centros de saúde e PAC) e COVID-auto poderá realizar dúas pausas que sumen 45 minutos, nas quendas de 7 horas, ou 60 minutos nas quendas de 10 ou máis horas (nestes totais inclúese a pausa ordinaria). As xerencias habilitarán un espazo axeitado para a realización das pausas.

3. Apoio psicolóxico e emocional aos/ás profesionais.

Potenciaranse os programas orientados á atención e coidado do benestar emocional dos/as profesionais, coa finalidade de facilitarlles o apoio e axuda psicolóxica que precisen ante a situación da pandemia, priorizando o persoal que desenvolve as súas tarefas en zonas COVID, co obxecto de previr e mitigar as posibles dificultades psicolóxicas que poidan aparecer derivadas da súa práctica asistencial.

Elaboraranse materiais informativos e formativos para promover o autocuidado emocional dos profesionais.

Establecerase, mediante un procedemento unificado, un servizo de acompañamento para o persoal que considere que polo seu estado emocional require apoio. Este servizo será incluído dentro dos programas existentes nas áreas sanitarias de apoio e axuda psicolóxica a profesionais.

4. Formación COVID.

Co obxecto de fomentar a accesibilidade do persoal aos contidos formativos para a prevención de riscos ante a exposición laboral ao novo coronavirus (SARS-CoV-2), elaborarase material específico empregando os modelos de aprendizaxe que permite a nova plataforma de innovación tecnolóxica para a xestión do coñecemento-XARE/SHARE.

Estos contidos incidirán sobre os conceptos fundamentais respecto dos virus respiratorios en xeral e do SARS-CoV-2 en particular; medidas de prevención, protección e resposta fronte ao virus; e criterios para o estudo de casos e identificación de contactos do COVID-19.

Estas unidades formativas enmarcaranse na modalidade de autoformación para poder estar a disposición do persoal as 24 horas do día e os 365 días do ano. Estarán dirixidas a todos/as os/as profesionais do Servizo Galego de Saúde, así como ao persoal residente en formación e o alumnado de titulacións de Ciencias da Saúde que completan a súa formación nos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde.

A realización deste novo curso, completado correctamente e debidamente certificado e validado, terá a consideración de tres horas de xornada efectivamente realizadas.

Esta formación reforzarase de xeito presencial para o persoal que traballa en zonas COVID, así como naqueles contornos nos que así o determine a avaliación específica, facendo especial fincapé no adestramento respecto do uso correcto dos equipos de protección persoal.

Estas actuacións sumaranse a todas as medidas de carácter informativo e formativo que se veñen realizando durante a pandemia, conforme o Plan específico para a prevención de riscos ante a exposición laboral ao novo coronavirus (SARS-CoV-2).

5. Profesionais dispensados da prestación de servizos polo exercicio de funcións sindicais.

Como medida dirixida a garantir a dispoñibilidade de profesionais para facer fronte á carga asistencial crecente derivada do coronavirus SARS-CoV-2, posibilítase a reincorporación voluntaria do persoal que, pola realización de funcións sindicais, estea a gozar dun permiso específico que o exonera da prestación ordinaria de servizos.

Co dito fin, as direccións das áreas e entidades sanitarias facilitarán que o persoal con dispensa absoluta de prestación de servizos pola realización de funcións sindicais, poida desempeñar funcións asistenciais relacionadas coa atención sanitaria por mor da pandemia do COVID-19, ben con carácter definitivo ou circunstancial (e, neste suposto, por xornadas semanais ou períodos inferiores de tempo, se fose o caso).

Cada profesional poderá manifestar por escrito a súa vontade de prestar servizos ante o órgano competente en materia de persoal da correspondente xerencia ou entidade á que estea adscrito o seu posto de traballo, sen necesidade de empregar para tal efecto ningún modelo normalizado de solicitude.

Esta incorporación transitoria non suporá o cesamento do persoal con nomeamento de substitución que, de ser o caso, estea a ocupar actualmente a praza ou posto de traballo do/a solicitante.

6. Carreira profesional.

No ámbito da carreira profesional e para os efectos de valorar a prestación de servizos durante a situación de emerxencia sanitaria derivada do COVID-19, poderase negociar no futuro baremo de carreira profesional unha puntuación adicional no punto relativo á «implicación e compromiso coa organización».