Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Luns, 2 de novembro de 2020 Páx. 43554

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

EXTRACTO da Orde do 22 de outubro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas a centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2020/21 (código de procedemento ED301I).

BDNS (Identif.): 530369.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Os centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia. Os centros con unidades concertadas de educación especial unicamente poderán optar as axudas para a finalidade prevista no artigo 11.2 da orde. Quedan excluídos, destas axudas, os centros concertados específicos de educación especial.

Segundo. Obxecto

As axudas teñen como obxecto atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nas correspondentes unidades concertadas, entendendo por este aquel alumnado que requira determinados apoios e atencións específicas derivadas de discapacidade motora, sensorial, intelectual ou trastornos xeneralizados do desenvolvemento e da conduta, naqueles aspectos que non estean xa cubertos polo concerto educativo, ao longo do curso escolar 2020/21.

As axudas poderán empregarse para os fins de contratación de persoal complementario, reparacións, mantemento e obras ou instalacións menores de contía non superior ao 15 por cento da axuda, compra de material específico ordinario non inventariable e adquisición de material específico inventariable.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 22 de outubro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas a centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2020/21 (código de procedemento ED301I).

Cuarto. Importe

As axudas económicas para os niveis de educación infantil, de primaria e de educación secundaria obrigatoria tramitaranse con cargo á partida orzamentaria 10.30.422A.482.3, por unha contía total máxima de 95.845 euros para o período setembro-decembro do ano 2020 e de 191.689 euros para o período xaneiro-xuño de 2021.

Para o nivel de formación profesional, incluída a formación profesional básica, tramitaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.30.422M.482.3, por unha contía total máxima de 4.155 euros para o período setembro-decembro do ano 2020 e de 8.311 euros para o período xaneiro-xuño de 2021.

Ambas as partidas irán destinadas a:

– Contratación de persoal complementario: logopeda, fisioterapeuta, axudante/a técnico/a educativo/a, psicólogo/a, pedagogo/a, traballador/a social, educador/a social, intérprete de lingua de signos e coidador/a.

– Reparacións, mantemento e obras ou instalacións menores, de contía non superior ao 15 por cento da axuda.

– Compra de material específico ordinario non inventariable.

A adquisición de material inventariable específico para a atención de alumnado con necesidades de apoio educativo tramitarase con cargo ás partidas orzamentarias:

– 10.30.422A.780.0, para os niveis de educación infantil, de primaria e de educación secundaria obrigatoria, por unha contía total máxima de 19.169 euros para o período setembro-decembro do ano 2020 e de 38.338 euros para o período xaneiro-xuño de 2021.

– 10.30.422M.780.0, para o nivel de formación profesional, incluída a formación profesional básica, unha contía total máxima de 831 euros para o período setembro-decembro do ano 2020 e de 1.662 euros para o período xaneiro-xuño de 2021.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade