Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 28 de outubro de 2020 Páx. 42871

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se adía a celebración de eleccións para a renovación dos membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, establece que as administracións educativas garantirán a intervención da comunidade educativa no control e xestión dos centros sostidos con fondos públicos a través do Consello Escolar.

Por corresponder no curso 2020/21 a renovación dos consellos escolares dos centros docentes sostidos con fondos públicos, publicouse no Diario Oficial de Galicia en data do 8 de outubro de 2020 a Resolución do 30 de setembro de 2020, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos, fixando as datas para a elección dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar e ditando instrucións para o seu desenvolvemento.

A situación derivada do empeoramento da crise sanitaria xerada pola pandemia do COVID-19 levou ás autoridades sanitarias a ditar a Orde do 21 outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste contexto, coa finalidade de preservar a saúde das persoas e evitar aglomeracións faise necesario o adiamento da convocatoria de eleccións a consello escolar de centros docentes sostidos con fondos públicos.

En consonancia con todo o anterior, esta Secretaría Xeral,

RESOLVE:

Primeiro

O obxecto desta resolución é adiar a celebración das eleccións para a renovación de membros do consello escolar dos centros docentes sostidos con fondos públicos e flexibilizar as datas para a primeira constitución do consello escolar no novo centro que iniciou o seu funcionamento no curso 2020/21.

Segundo

Adiase a celebración das eleccións para a renovación dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar dos centros sostidos con fondos públicos.

Terceiro

Flexibilízanse as datas de realización das eleccións para a primeira constitución do consello escolar do CEIP Novo Mesoiro (15033228) co fin de garantir a seguridade dos participantes no proceso e evitar posibles aglomeracións de personas. As datas serán as que determine a Xefatura Territorial.

Durante todo o procedemento respectaranse as medidas de prevención e hixiene recollidas no protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020/21, ou calquera outra medida establecida para os centros educativos.

Cuarto

Para dar cobertura ás vacantes que se puidesen ter producido ata a celebración das eleccións para a renovación dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar seguirase o establecido no artigo 55 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, polo que se regulan os órganos do goberno dos centros públicos de ensino non universitario.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2020

José Luís Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional