Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 27 de outubro de 2020 Páx. 42652

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 15 de outubro de 2020 pola que se modifican a composición e o funcionamento da Comisión galega para a avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos.

Mediante a Orde do 25 de xaneiro de 2001, da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais, creouse a Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos como instrumento para asegurar que os casos de tuberculose resistentes a fármacos sexan controlados de maneira altamente eficaz, coa finalidade de evitar que sexan transmitidos a outras persoas e garantir o adecuado tratamento das persoas enfermas.

Mediante a Orde do 17 de decembro de 2013, da Consellería de Sanidade, reguláronse a composición e o funcionamento da dita comisión, orde que foi pola súa vez modificada pola Orde do 29 de maio de 2015.

Durante estes anos realizáronse en Galicia múltiples actividades, tanto no campo da vixilancia epidemiolóxica e da prevención coma no manexo dos casos de tuberculose con resistencias. Froito deste traballo colectivo son os importantes avances conseguidos en Galicia para afrontar esta infección e as súas consecuencias, entre os cales destaca o baixo nivel de resistencias fronte a este bacilo na nosa comunidade.

O esforzo realizado necesita continuidade e a adaptación da composición e o funcionamento da Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos á situación actual desta realidade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta orde tramitouse de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e foi obxecto de publicación no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia. Así mesmo, foi sometida a informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, informe da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, informe sobre impacto de xénero e informe da Asesoría Xurídica da Consellería de Sanidade.

Finalmente, a prol da mellora da calidade normativa, esta administración actuou de conformidade cos principios de boa regulación, fundamentalmente os de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade, eficacia e eficiencia recollidos no artigo 37.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, así como no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En consecuencia, de conformidade coas facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é regular a composición e o funcionamento da Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos como órgano encargado de asegurar que os casos de tuberculose resistente a fármacos sexan controlados de maneira altamente eficaz, coa finalidade de evitar que sexan transmitidos a outras persoas e garantir o adecuado tratamento das persoas enfermas, co fin de adaptala á situación actual da tuberculose en Galicia.

Artigo 2. Composición

1. A Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública ou persoa en quen delegue.

b) Secretaría: unha persoa técnica que sexa persoal funcionario do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles, proposta pola persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública.

c) Vogalías:

1º. Unha persoa proposta pola Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria.

2º. A persoa responsable do Laboratorio de Referencia de Micobacterias de Galicia.

3º. Ata un máximo de cinco (5) persoas representantes do colectivo médico das unidades funcionais de Prevención e Control da Tuberculose (UTB) de Galicia, propostas pola persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública, logo de consulta coas persoas responsables das ditas unidades.

4º. Unha/dúas persoa/s proposta/s pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

2. Nos casos de ausencia, enfermidade ou outra causa legal das persoas titulares da Presidencia e/ou da Secretaría, serán substituídas por outra persoa nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública.

3. Na composición da Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

4. As persoas integrantes da Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos non percibirán retribucións.

Artigo 3. Información á subdirección con competencias na materia

Será responsabilidade da Presidencia da comisión, a través da súa Secretaría, informar puntualmente das actividades e acordos da comisión a subdirección que, dentro da estrutura da Dirección Xeral de Saúde Pública, teña atribuídas as competencias nesta materia.

Artigo 4. Nomeamento e cesamento das persoas integrantes da comisión

1. As persoas que forman parte da comisión por razón do seu cargo adquirirán a dita condición co seu nomeamento e deixarán de pertencer a ela no momento do seu cesamento.

2. As persoas que sexan elixidas para formar parte da comisión serán nomeadas e apartadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública por un período de tres anos, transcorrido o cal se deberán confirmar ou renovar os ditos nomeamentos, sen prexuízo doutras causas de cesamento ou substitución establecidas no seguinte punto.

3. Serán causas de cesamento e substitución das persoas integrantes da comisión as seguintes:

a) Transcurso do tempo para o cal foron nomeadas.

b) Renuncia expresa presentada por escrito ante a Presidencia da comisión.

c) Incapacidade declarada xudicialmente.

d) Falecemento.

e) Acordo motivado adoptado pola Presidencia da comisión, baseado no incumprimento reiterado das súas obrigas.

f) Calquera outra causa prevista na lexislación vixente.

Artigo 5. Funcionamento da comisión

A comisión avaliará os casos con resistencias aos fármacos antituberculosos tomando como referencia os meses naturais, coa posibilidade preferente, sempre que os temas que se van discutir o permitan, de utilizar medios tecnolóxicos (audio e videoconferencias) que aseguren a participación das persoas integrantes da comisión e contribúan ao uso eficiente dos recursos.

Reunirase en sesión presencial ordinaria polo menos unha vez ao ano e con carácter extraordinario por solicitude da maioría das persoas integrantes da comisión e/ou cando sexa convocada pola persoa titular da Presidencia, quen avaliará a conveniencia de que sexa presencial ou non.

A Consellería de Sanidade promoverá o desenvolvemento das ferramentas de xestión da información que se consideren necesarias para facilitar a comunicación e posta en común dos contidos que sexan discutidos polos membros da comisión, de conformidade co previsto no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 6. Creación de grupos de traballo

1. Por proposta desta comisión asesora pódense crear grupos de traballo dependentes dela, coa finalidade de achegar respostas a obxectivos concretos, e poderán coincidir un ou máis grupos no tempo. Estes grupos disolveranse unha vez que acaden os obxectivos para os cales foron creados.

2. Cada un dos grupos de traballo que se constitúan estará formado polos/as profesionais das especialidades correspondentes aos temas específicos que se van valorar. A súa composición será a seguinte:

a) Persoa coordinadora: un membro da comisión.

b) Vogalías: un máximo de cinco profesionais relacionados/as co tema específico que se aborde.

Todas as persoas integrantes dos grupos de traballo serán designadas pola Presidencia da comisión por proposta dela.

3. As funcións destes grupos de traballo serán as seguintes:

a) Participar na confección, desenvolvemento e revisión dos informes que a comisión asesora considere oportuno.

b) Elaborar recomendacións e/ou documentos de consenso, obtidos a partir da evidencia científica dispoñible, do estado actual da técnica ou da realidade das unidades asistenciais.

c) Aqueloutras funcións da comisión que se consideren oportunas.

Artigo 7. Colaboración temporal de persoal técnico

Para o desenvolvemento das funcións da comisión, a persoa titular da Presidencia poderá solicitar a presenza das persoas responsables do diagnóstico, seguimento ou tratamento dalgún caso que se vaia analizar, así como a colaboración temporal de persoal técnico, que participará como persoal asesor mentres sexa preciso. Estes/as asesores/as poderán asistir ás reunións da comisión e participarán nelas con voz e sen voto.

Artigo 8. Réxime supletorio

En todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto nos artigos 14 ao 22 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional única. Crédito orzamentario

O funcionamento da Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos, de conformidade co regulado nesta orde, non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á Consellería de Sanidade nin ao Servizo Galego de Saúde.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas a Orde do 17 de decembro de 2013 pola que se regula a composición e o funcionamento da Comisión galega para avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos e todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade