Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 21 de outubro de 2020 Páx. 41919

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2014 de 2020 pola que se amplían o prazo máximo de execución e o de presentación da solicitude de cobramento establecidos na Resolución do 15 de xuño de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de empresas galegas para garantir a seguridade laboral e xerar confianza no consumidor, susceptibles de cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG524D).

Mediante a Resolución do 15 de xuño de 2020 publicouse o Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de empresas galegas para garantir a seguridade laboral e xerar confianza no consumidor, susceptibles de cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG524D) (DOG núm. 124, do 25 de xuño de 2020).

No punto cuarto da dita resolución establécese que o prazo para presentar a solicitude de cobramento e a xustificación de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de outubro de 2020.

Mediante a Resolución do 23 de xullo de 2020 ampliouse o prazo de presentación de solicitudes ata o 17 de agosto de 2020 (DOG núm. 152, do 30 de xullo).

O amplo número de expedientes recibidos está levando a unha prolongación do procedemento de resolución dos expedientes, o cal deixará un prazo extremadamente reducido para a execución dos proxectos nos expedientes resoltos en último lugar, polo que procede posibilitar un prazo o suficientemente longo para unha correcta execución dos proxectos.

De conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Artigo 1

Fixar no 15 de decembro de 2020 o prazo para presentar a solicitude de cobramento e a xustificación dos proxectos, establecidos ambos no parágrafo segundo do resolvo cuarto da Resolución do 15 de xuño de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de empresas galegas para garantir a seguridade laboral e xerar confianza no consumidor, susceptibles de cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2020

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica