Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 21 de outubro de 2020 Páx. 41903

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 16 de outubro de 2020 pola que se modifica a Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2020 e 2021 das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MT814A), modificada pola Orde do 17 de agosto de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 169, do 21 de agosto).

O día 14 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2020 e 2021 das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

No seu artigo 1 disponse que a orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas dirixidas a restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nas zonas Natura 2000, os sistemas agrarios de alto valor natural, así como mellorar o estado das paisaxes agrarias galegas dentro dos espazos da Rede Natura 2000 ou nas súas áreas de influencia socioeconómica por medio de proxectos que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos e para o mantemento das condicións ambientais necesarias dirixidas á conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats. Incluiranse axudas destinadas a investimentos non produtivos necesarios para conseguir obxectivos ambientais, é dicir, investimentos que non dean lugar a un aumento significativo do valor ou a rendibilidade das explotacións agrícolas e que contribúan á mellora do carácter de utilidade pública das zonas Rede Natura 2000.

O artigo 21.7 establece que a notificación do remate das accións correspondentes á anualidade 2020, xunto coa solicitude de pagamento da axuda, deberá xustificarse con data límite do 1 de setembro.

O 21 de agosto de 2020 ampliouse este prazo ata o 30 de outubro mediante a Orde do 17 de agosto de 2020 (DOG núm. 169, do 21 de agosto).

As actuacións obxecto desta orde implican, na gran maioría dos casos, a súa execución mediante a contratación de pequenas ou medianas empresas, segundo as directrices recollidas no seu artigo 9.

Os problemas operativos que está a ocasionar a actual situación de pandemia nestas empresas, ampliando ou demorando os prazos de execución, así como o reducido prazo para a realización do procedemento de contratación por parte das entidades beneficiarias pertencentes á Administración pública, fai indispensable unha nova ampliación con que se pretende facer viables e executables os proxectos presentados, así como dar cumprimento ao obxectivo último da orde de restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nas zonas Natura 2000, os sistemas agrarios de alto valor natural e o estado das paisaxes agrarias galegas.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificación do artigo 21.7 da Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2020 e 2021 das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, modificada en última instancia pola Orde do 17 de agosto de 2020 (DOG núm. 169, do 21 de agosto), nos seguintes termos:

1. Modifícase o artigo 21.7 que queda redactado como segue: «A notificación do remate das accións (total ou parcial) e a solicitude de pagamento das axudas deberá xustificarse con data límite do 16 de novembro do 2020 para a anualidade do ano 2020 e do 31 de marzo de 2021 para a anualidade do ano 2021. Estes prazos serán, en todo caso, improrrogables. Para estes efectos considérase gasto realizado o que foi efectivamente aboado con anterioridade á finalización do período de xustificación».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda