Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 19 de outubro de 2020 Páx. 40246

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 23 de setembro de 2020 pola que se modifica a Orde de 20 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación, e Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

Durante a execución do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, sobreveu a crise ocasionada pola COVID-19.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada pola COVID-19 á categoría de pandemia internacional.

A nivel estatal, publicouse o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declaraba o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19.

Así mesmo, en Galicia, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da COVID-19 (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo).

O Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 de decembro, recentemente modificado polo Regulamento (UE) 2020/460, do 30 de marzo, e polo Regulamento (UE) 2020/558, do 23 de abril, considera o brote da COVID-19 como causa de forza maior.

No caso particular do procedemento de subvencións, de conformidade co disposto no artigo 54 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de maio, poderanse ampliar os prazos de execución da actividade subvencionada e, se for o caso, de xustificación e comprobación da devandita execución aínda que non se tivese en conta nas correspondentes bases reguladoras, nos procedementos de subvencións, as ordes e resolucións de convocatoria e concesión de subvencións e axudas públicas previstas no artigo 22.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que xa fosen outorgadas no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020. Neste sentido, o órgano competente deberá xustificar a imposibilidade de realizar a actividade subvencionada durante o estado de alarma ou a insuficiencia do prazo que reste tras a súa finalización para a realización da actividade subvencionada ou a súa xustificación ou comprobación.

Dadas as características das empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, que recibiron axuda na convocatoria da orde que se pretende modificar, empresas de recente creación, xa que para recibir as axudas as empresas deben de constituirse e iniciar a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda, lévanos a deducir que a situación de forza maior que provocou o estado de alarma e o confinamento e o peche de actividades económicas non esenciais tivo un efecto moi negativo para a supervivencia destes novas empresas, debido ás tipoloxías de actividades nas cales se desenvolven e a data de finalización do período de mantemento.

Así, neste senso cómpre destacar que moitas das actividades subvencionadas polo programa de incentivos ás empresas cualificadas como iebts se refiren a actividades non esenciais que, por tanto, tiveron que estar pechadas durante un longo período de tempo. A crise sanitaria motivada pola COVID-19 e a declaración do estado de alarma é unha causa de forza maior que afecta a actividade destas empresas beneficiarias destas axudas e, por tanto, é necesario modificar o artigo onde se regula o mantemento da actividade.

Por isto, conclúese que o confinamento do estado de alarma tivo un importante efecto negativo sobre os beneficiarios deste programa, que xustifican a necesidade, con base na forza maior orixinada pola crise da COVID-19, de modificar as bases reguladoras ao abeiro da Orde do 20 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e a consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación, e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 20 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación, e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

A Orde do 20 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación, e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, queda modificada nos seguintes termos:

Un. Modifícase a letra a) do punto 1 do artigo 47, que terá a seguinte redacción:

a) Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de dous anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberán acreditar de maneira que faga fe.

Este mantemento da actividade só será exixible ata a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 (BOE do 14 de marzo) dado que é unha causa de forza maior e, por tanto, resulta preciso modificar o requisito de mantemento establecido no parágrafo anterior.

Dous. Modifícase o punto 2 do artigo 47, que terá a seguinte redacción:

As empresas beneficiarias das subvencións previstas nos artigos 38 e 40 cando no período de dous (2) anos ou ata a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 (BOE do 14 de marzo), desde a data da incorporación á empresa, se produza o cesamento dalgunha persoa traballadora pola cal se concedeu a subvención, están obrigadas no prazo de dous (2) meses, a cubrir a vacante, cun tempo de dedicación igual ou superior ao anterior, o que deberá ser comunicado ao órgano que concedeu a axuda, debendo a nova persoa traballadora pertencer a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa polos que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa e cumprir as demais condicións impostas no artigo 38 desta orde para poder ser contratada.

O órgano concedente resolverá e notificará ao interesado sobre a validez desta substitución nun prazo non superior a tres (3) meses desde a recepción da comunicación. A falta de validez da substitución considerarase incumprimento desde a data da súa realización nos termos establecidos no artigo 49.3.1.

Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

Transcorridos dous (2) anos ou ata a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 (BOE do 14 de marzo) desde a data de inicio da súa actividade as empresas beneficiarias, co fin de garantiren o mantemento dos postos de traballo estables creados que fosen obxecto de subvención, presentarán dentro dos tres (3) meses seguintes a vida laboral da empresa desde o inicio da actividade, incluíndo todas as contas de cotización (informe de vida laboral dun código conta de cotización) e as nóminas das persoas traballadoras subvencionadas correspondentes ás mensualidades nas cales a persoa traballadora estea obrigada a permanecer en situación de alta na empresa.

Tres. Modifícase o punto 3 do artigo 47, que terá a seguinte redacción:

As empresas beneficiarias deberán manter no seu cadro de persoal a persoa técnica de alta cualificación contratada, como mínimo, polo tempo subvencionado ou ata a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 (BOE do 14 de marzo) e, se se produce o cesamento do traballador ou traballadora, a empresa beneficiaria está obrigada, no prazo de dous (2) meses, a cubrir a vacante, e a nova persoa deberá ser contratada cun tempo de dedicación igual ou superior ao anterior e cumprir as demais condicións impostas no artigo 38 desta orde. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda. Neste suposto de substitución, a obriga de mantemento estenderase ao período subvencionado máis ao período vacante.

O órgano concedente resolverá e notificará ao interesado sobre a validez desta substitución nun prazo non superior a tres (3) meses desde a recepción da comunicación. A falta de validez da substitución considerarase incumprimento desde a data da súa realización nos termos establecidos no artigo 49.3.3.

Ademais, deberán presentar no prazo de dous (2) meses desde a finalización do período subvencionado ou desde a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 (BOE do 14 de marzo) unha memoria das actividades realizadas polas persoas técnicas de alta cualificación asinada pola persoa contratada e pola persoa responsable da empresa.

Cuatro. Modifícase o punto 5 do artigo 49, que terá a seguinte redacción:

Salvo que se acrediten causas alleas á vontade do beneficiario, no caso de incumprimento respecto da obriga de manter a actividade empresarial durante dous (2) anos ou ata a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 (BOE do 14 de marzo), e sempre que o cumprimento se aproxime de forma significativa ao cumprimento total, entendendo como tal ter mantido a actividade como mínimo doce meses e a persoa ou a entidade beneficiaria acrediten unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, procederá o reintegro parcial das subvencións percibidas de forma proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos prazos establecidos neste artigo.

Disposición derradeira primeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2020

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade