Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 14 de outubro de 2020 Páx. 39773

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade da convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de oficial maior do Concello de Ourense.

O Concello de Ourense aprobou a convocatoria e as bases para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de oficial maior, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que remitiu á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior envío ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública para os efectos da publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa proposta da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Local e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 15.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e polo artigo 22 do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

RESOLVO:

Dar publicidade á convocatoria e ás bases que a rexerán, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional que se indica a seguir:

Corporación: Concello de Ourense.

Posto: oficial maior.

Subescala: secretaría.

Categoría: superior.

Nivel complemento destino: 30.

Complemento específico anual: 43.945,83 euros.

Requisitos: os recollidos nas bases que figuran como anexo.

Coñecemento da lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2020

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Bases que rexen a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de oficial maior do Concello de Ourense

1. Obxecto.

As presentes bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para prover o posto de oficial maior do Concello de Ourense que, segundo o artigo 114.2 do Regulamento orgánico de goberno e organización do Pleno e a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións do Concello de Ourense, está reservado a funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría, categoría superior. O sistema de provisión será o de libre designación no marco da excepcionalidade fixado no Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

2. Corporación.

Concello de Ourense.

3. Denominación e clase do posto.

O posto de oficial maior do Concello de Ourense (definido no artigo 114 do regulamento), reservado a funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencente á subescala de secretaría, categoría superior.

4. Características do posto.

4.1. O posto que se deberá prover está incluído no cadro de persoal do Concello de Ourense publicada no Boletín Oficial da provincia de Ourense do 10 de xaneiro de 2015 e na relación de postos de traballo vixente.

4.2. O complemento de destino asignado ao posto é o correspondente ao nivel 30 e o seu sistema de provisión o de libre designación.

4.3. O complemento específico anual fixado para o posto é de 43.945,83 € brutos.

5. Requisitos para o seu desempeño.

Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria e poder desempeñar o posto, no caso de ser nomeado:

5.1. Estar integrado/a na subescala de secretaría, categoría superior. Non poderán concorrer á convocatoria os/as funcionarios/as que se encontren nas circunstancias establecidas nas letras a) e b) do artigo 36.2 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo.

5.2. Acreditar o coñecemento do idioma galego mediante a presentación do certificado de lingua galega (Celga 4) ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia. Na súa falta, o interesado deberá realizar unha proba de carácter eliminatorio, que se valorará como apto ou non apto, destinada a avaliar un grao de coñecemento equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente (artigo 2 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia).

6. Solicitudes.

As solicitudes dirixiranse á Alcaldía dentro do prazo dos quince días hábiles seguintes ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado (BOE), e deberá indicarse nelas, ademais do contido mínimo establecido no artigo 66.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 38 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, o número de rexistro persoal, a situación administrativa en que se encontre o/a solicitante e o seu destino. A elas deberá axustarse a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados na base 5.

Xunto coas solicitudes, os/as aspirantes achegarán o seu curriculum vitae, no cal constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudos e cursos realizados e outros méritos que consideren oportuno pór de manifesto, coa correspondente documentación acreditativa.

7. Nomeamento.

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a Alcaldía procederá, no prazo dun mes, de ser o caso, tras verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nestas bases, a ditar a resolución correspondente, que deberá ser motivada con respecto ao cumprimento dos requisitos, á observancia do procedemento e á competencia para o nomeamento de conformidade co establecido no artigo 46 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo. Dela dará conta ao Pleno da Corporación, así como traslado á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública, para a publicación no Boletín Oficial de Estado.

En consideración co sistema de provisión, o nomeamento realizarao discrecionalmente a Alcaldía, en atención aos méritos achegados polos aspirantes. A convocatoria non poderá quedar deserta no caso de que exista un/unha aspirante que reúna os requisitos necesarios e exixidos.

8. Toma de posesión.

O prazo para a toma de posesión será de tres días hábiles se se trata de postos de traballo na mesma localidade ou dun mes se se trata de primeiro destino ou de postos de traballo en localidade distinta. Os ditos prazos contarán a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse no prazo dos tres días hábiles seguintes ou da publicación da resolución sobre o nomeamento no Boletín Oficial del Estado, de conformidade co establecido no artigo 41 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo.

9. Impugnación.

Contra a presente resolución os interesados poderán interpor potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes contado desde a súa publicación, ante o mesmo órgano que ditou o acto, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contado desde a súa publicación, ante os órganos competentes da xurisdición contencioso-administrativa.

Todo iso de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, do contencioso-administrativo.