Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 8 de outubro de 2020 Páx. 39211

IV. Oposicións e concursos

Consellería do Mar

ORDE do 29 de setembro de 2020 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante nesta consellería.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e en uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da mesma lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo que se indica no anexo I desta orde.

Segundo. Poderán concorrer a ela os funcionarios e as funcionarias que reúnan as condicións que para o posto de traballo se sinalan no anexo I.

Terceiro. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela), na súas xefaturas territoriais ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de quince (15) días, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo II.

Cuarto. Os/as aspirantes deberán presentar coa solicitude un curriculum vitae e xustificar, mediante certificación ou copia cotexada dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen.

Quinto. No caso de resultar seleccionado/a para ocupar o posto de traballo persoal funcionario doutras administracións públicas, requirirase o informe favorable do órgano competente da súa Administración de orixe, que se considerará favorable de non se emitir no prazo de quince (15) días, tal como dispón o artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

Unha vez autorizado o seu traslado a esta administración, procederase a adxudicarlle o posto para o cal foi seleccionado/a. Se no prazo de dous (2) meses a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia, o/a funcionario/a seleccionado/a non se pode incorporar á comunidade autónoma, considerarase deserto o posto e poderase proceder de novo á súa provisión.

Sexto. A resolución desta convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e poderase declarar deserta de considerarse oportuno.

Sétimo. O prazo de toma de posesión do novo destino será de tres (3) días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete (7) días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte (20) días hábiles.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar na data que se determine xustificadamente mediante orde da persoa titular da consellería convocante publicada no Diario Oficial de Galicia, agás no caso de procedencia doutras administracións, que se deberá efectuar dentro dos tres (3) días hábiles seguintes ao da comunicación da resolución de traslado á Comunidade Autónoma de Galicia, co límite dos dous (2) meses a que se fai referencia no punto quinto desta orde. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde a dita data.

A persoa titular da consellería onde preste servizos o/a funcionario/a poderá, non obstante, diferir o seu cesamento, por necesidades do servizo, ata vinte (20) días hábiles, o cal se lle debe comunicar á unidade a que sexa destinado o/a funcionaria/a.

Oitavo. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a conselleira do Mar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, ou poderán impugnala directamente, perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2020

A conselleira do Mar
P.D. (Orde do 8.9.2017; DOG do 21 de setembro)
Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar

ANEXO I

Denominación: xefe/a territorial.

Código: PE.C99.10.000.15001.001.

Nivel: 28.

Complemento específico: 20.415,08 €.

Grupo: A1/A2.

Corpo/escala: xeral/especial.

Adscr. admón. p.: A11.

Formación específica: 640.

Centro destino: Xefatura Territorial da Coruña.

Localidade: A Coruña.

Descrición códigos da adscrición ás administracións públicas:

– A11. Adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado e CC.AA.

Descricións códigos das formacións específicas:

– 640. Para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego (RI).

missing image file