Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 29 de setembro de 2020 Páx. 37636

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2020 sobre ampliación do prazo de execución e xustificación dos investimentos establecido no artigo 5 da Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, se anuncia a convocatoria anticipada para o ano 2020 e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (Diario Oficial de Galicia número 15, do 23 de xaneiro).

Mediante a publicación no DOG núm. 15, do 23 de xaneiro de 2020, da Resolución do 18 de decembro de 2019, o Inega estableceu as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, anunciou a convocatoria anticipada para o ano 2020 e procedeu a seleccionar as entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións.

Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras. O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos será o 30 de setembro de 2020. O feito de non xustificar correctamente estes investimentos devirá en perda do dereito ao cobramento da axuda concedida (artigo 5 da resolución).

Durante a tramitación do procedemento de concesión destas axudas entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49-bis, do 12 de marzo). Así mesmo, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo) e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo).

O Consello da Xunta de Galicia acordou, o 24 de abril de 2020, a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico. Así, o órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar mediante resolución debidamente motivada a continuación dos procedementos de concesión de subvencións cuxas bases e convocatoria se aprobasen e publicasen no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, pero que non se tivese ditado a resolución de concesión.

Mediante a Resolución do 4 de maio de 2020 amplíase o prazo de presentación de solicitudes de axuda establecido no artigo 3.3 da Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) e ínstase a continuación da tramitación do procedemento de concesión destas subvencións; así, o prazo de presentación das solicitudes de axudas amplíase en 5 días hábiles contados a partir do día seguinte ao levantamento do estado de alarma.

Estanse a recibir moitas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios das axudas, debido ao confinamento derivado do COVID-19, que levou as empresas instaladoras a un atraso na realización das obras e instalacións e tamén as empresas instaladoras a sufrir un atraso na subministración de material por parte das empresas subministradoras, polo que resulta indispensable a ampliación do prazo de xustificación destas axudas para que se poida rematar a execución dos proxectos e presentar a documentación xustificativa.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades do meu cargo e das que me foron conferidas en virtude das atribucións que me confire a Resolución do 10 de marzo de 2017 pola que se delegan competencias atribuídas á persoa titular da Presidencia da axencia Inega,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 5 da Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares, e queda a redacción do artigo do seguinte xeito:

«Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras. O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos será o 15 de outubro de 2020. O feito de non xustificar correctamente estes investimentos devirá en perda do dereito ao cobramento da axuda concedida».

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na página web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia