Outorgada a declaración de utilidade pública que leva implícita a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica denominada LMTS punto fronteira a Vila de Abade, no concello de Tordoia (expediente IN407A 2019/89-1), por Resolución desta xefatura territorial, do 4 de agosto de 2020, a favor da entidade beneficiaria UFD Distribución Electricidad, S.A., con enderezo en avenida de Arteixo, 171, 15008 A Coruña.
Esta xefatura territorial, de conformidade cos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 do seu Regulamento, do 26 de abril de 1957, acorda sinalar o día 8 de outubro de 2020, para o levantamento das actas previas á ocupación, en que se describirán os bens ou dereitos expropiables e de imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica, contidos na relación de predios que se exporán xunto con esta resolución no taboleiro de edictos do Concello de Tordoia, deducida da que se someteu a información pública no DOG do 7.5.2020, no BOP do 24.4.2020 e no xornal La Voz de Galicia do 24.4.2020, acto ao que deberán concorrer as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios propostos como afectados, aos cales se lles practicará notificación individual sinalándoselles os horarios de toma de datos sobre o terreo e do levantamento efectivo das actas nas oficinas da casa consistorial do dito concello.
Cando as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios afectados sexan descoñecidas ou se ignore o lugar de notificación, dirixiranse ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan destas, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa. Neste caso, igualmente, publicarase un anuncio no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado (BOE).
A Coruña, 31 de agosto de 2020
Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña