Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Xoves, 17 de setembro de 2020 Páx. 36448

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ACORDO do 4 de setembro de 2020, da Xefatura Territorial da Coruña, de levantamento das actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados por unha instalación eléctrica no concello da Laracha (expediente IN407A 2019/219-1).

Outorgada a declaración de utilidade pública que leva implícita a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica denominada reforma LMT Entrerríos, no concello da Laracha (expediente IN407A 2019/219-1), por resolución desta xefatura territorial, do 6 de agosto de 2020, a favor da entidade beneficiaria Hidroeléctrica de Laracha, S.L., con enderezo na avenida de Arteixo, 19-1º dereita, 15004 A Coruña.

Esta xefatura territorial, de conformidade cos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 do seu regulamento, do 26 de abril de 1957, acorda sinalar os días 27 e 28 de outubro de 2020, para o levantamento das actas previas á ocupación, en que se describirán os bens ou dereitos expropiables e de imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica, contidos na relación de predios que se exporán xunto con esta resolución no taboleiro de edictos do concello da Laracha, deducida da que se someteu a información pública no DOG do 3.4.2020, no BOP do 13.3.2020 e no xornal La Voz de Galicia do 14.3.2020, acto ao cal deberán concorrer as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios propostos como afectados, ás cales se lles practicará notificación individual sinalándoselles os horarios de toma de datos sobre o terreo e do levantamento efectivo das actas nas oficinas da casa do concello.

Cando as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios afectados sexan descoñecidas ou se ignore o lugar de notificación, dirixiranse ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan destas, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa. Neste caso, igualmente, publicarase un anuncio no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado (BOE).

A Coruña, 4 de setembro de 2020

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña