Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Martes, 8 de setembro de 2020 Páx. 35340

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 2020 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 14 de decembro de 2017 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2018 (código de procedemento CT207A).

O 29 de decembro 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 246 a Resolución do 14 de decembro de 2017 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego e se convocan para o ano 2018 (código de procedemento CT207A).

A base décimo sexta, punto 5, establece que o prazo de xustificación rematará o 15 de xullo de 2019 para a modalidade de curtametraxes (modalidade D), e o 15 setembro de 2020, para o resto das modalidades.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

O artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

En consecuencia, tendo en conta a data de xustificación é o día 15 de setembro de 2020 para todas as modalidades salvo a modalidade D, a existencia de numerosas solicitudes de ampliación deste prazo por parte de beneficiarios, polas das dificultades que están atopando para presentar a súa xustificación como consecuencia da declaración do estado de alarma polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, por mor do COVID-19, o que provocou unha suspensión dos prazos administrativos, unha parálise total da actividade económica e un novo escenario social.

Polas razóns antes expostas,

RESOLVO:

Modificar a data límite de xustificación establecida no mes de setembro de 2020 da base décimo sexta, punto 5, da Resolución do 14 de decembro de 2017 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2018 (código de procedemento CT207A), ampliando o prazo para presentar a documentación xustificativa ata o 15 de novembro de 2020.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2020

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais