Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Luns, 31 de agosto de 2020 Páx. 34569

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2020 pola que se convocan cursos para o persoal empregado público das entidades locais e do sector público autonómico de Galicia.

De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Consello Consultivo de Galicia para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar os cursos que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

Poderán participar nas accións formativas convocadas nesta resolución os/as empregados/as públicos/as do sector público autonómico de Galicia con responsabilidades en materia de contratación pública da Xunta de Galicia, entidades locais, universidades e administración institucional dependente das anteriores que se encontren en situación de servizo activo, permiso por maternidade ou paternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para estas actividades se indique na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal> en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas).

Cuarta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse automaticamente os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección das actividades formativas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

Quinta. Criterios de selección

Os criterios que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da EGAP do 4 de xaneiro de 2008 (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro), e darase preferencia ao persoal habilitado nacional e funcionario da Administración local dos subgrupos A1 e A2 que teña responsabilidades en materia de tramitación e instrución relacionados coas materias dos cursos.

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo o que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo). Para o ano 2020, segundo a Resolución da Consellería de Facenda do 30 de xaneiro (DOG núm. 27, do 10 de febreiro) comezarase pola letra S.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar no dito curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez (10) días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun (1) mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro) o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá en primeiro lugar, realizar todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar na proba de avaliación presencial final. En segundo lugar, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final dela.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o Consello Consultivo de Galicia poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Consello Consultivo de Galicia reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Consello Consultivo de Galicia garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV20033.

A intervención do Consello Consultivo de Galicia na nova Lei de contratos do sector público.

1. Obxectivos.

A Lei 9/2017, do 9 de novembro, de contratos do sector público (LCSP), supuxo unha innovación que persegue modernizar os procedementos de contratación, mellorar a eficiencia e simplificar os procedementos de contratación pública.

Ao tradicional elenco de competencias outorgadas aos órganos consultivos das administracións públicas (Consello de Estado ou órganos consultivos autonómicos) a lei engade outras novas.

Este curso pretende analizar as competencias substantivas outorgadas pola LCSP aos órganos consultivos, e os trámites e procedementos a través dos cales se exercen estas competencias.

2. Destinatarios/as.

Funcionarios/as con responsabilidades en materia de contratación pública da Xunta de Galicia, entidades locais, universidades e Administración institucional dependente das anteriores. Preferentemente, TAG dos subgrupos A1, A2, grupo I e II de persoal laboral e habilitados/as nacionais.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 21 horas.

Edicións: unha.

Datas: do 9 ao 30 de novembro de 2020.

Proba final en liña: o día 3 de decembro ás 11.30 horas.

Prazas: 50.

4. Contido.

Tema 1. O Consello Consultivo de Galicia: composición, competencias, organización e funcionamento.

Tema 2. Interpretación dos contratos administrativos e concesións administrativas. Caso práctico.

Tema 3. Modificación dos contratos administrativos e concesións administrativas. Caso práctico.

Tema 4. Resolución de contratos e extinción de concesións administrativas. Caso práctico.

Tema 5. Revisión de oficio de actos en materia de contratación pública. Caso práctico.

Tema 6. Responsabilidade patrimonial derivada da contratación pública. Caso práctico.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, e corrección DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.

Código: CV20032.

Responsabilidade patrimonial das entidades locais.

1. Obxectivos.

A análise da normativa sobre a responsabilidade patrimonial, dos procedementos administrativos para a súa efectividade e das súas diferentes dimensións (polo funcionamento anormal do servizo público, de autoridades e persoal ao servizo das administracións, do Estado lexislador, por actos de concesionarios e contratistas).

A materia presenta especial interese científico e técnico para aquel persoal funcionario que tramite calquera tipo de expediente relativo á exixencia de responsabilidade patrimonial perante o órgano ou dependencia en que prestan servizos.

Por outra banda, na regulación do procedemento de exixencia de responsabilidade patrimonial existen múltiples aspectos non resoltos na normativa, tales como as causas e os prazos de prescrición, a caducidade, a lexitimación, a función dos órganos consultivos, a cuantificación dos danos, o concepto de nexo causal, os propios requisitos para apreciar un funcionamento anormal dun servizo, o caso fortuíto ou forza maior... e que dan lugar a unha intensa actividade xurisprudencial de interpretación e integración das leis que necesariamente ten que coñecer aquel persoal funcionario que, ordinaria ou eventualmente, participa na tramitación deste tipo de expedientes. Neste curso realízase unha análise práctica dos diferentes supostos, partindo dos máis recentes pronunciamentos xurisprudenciais na materia e estudo de criterios específicos de órganos consultivos: Consello de Estado e Consello Consultivo de Galicia.

2. Destinatarios/as.

Empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia e do sector público autonómico.

Preferentemente, habilitados/as nacionais e funcionarios/as da Administración local dos subgrupos A1 e A2 que teñan responsabilidades en materia de tramitación e instrución deste tipo de expedientes.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 30 horas.

Edicións: unha.

Datas: do 15 de outubro ao 19 de novembro de 2020.

Proba final en liña: o día 19 de novembro ás 9.30 horas.

Prazas: 50.

4. Contido.

Tema 1. O Consello Consultivo de Galicia e as entidades locais: relacións e colaboración institucional.

Tema 2. Regulación actual, características e presupostos da responsabilidade da Administración.

Tema 3. Procedementos en materia de responsabilidade patrimonial:

– Procedemento ordinario.

– Procedemento abreviado.

Tema 4. A responsabilidade de autoridades e persoal ao servizo das administracións públicas.

Tema 5. A responsabilidade de contratistas e concesionarios.

Tema 6. A responsabilidade por actos de natureza lexislativa.

Tema 7. A responsabilidade patrimonial por actuacións urbanísticas I.

Tema 8. A responsabilidade patrimonial por actuacións urbanísticas II.

Tema 9. A responsabilidade patrimonial sanitaria: especialidades.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,45 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, corrección DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.

Código: CV20031.

Os recursos administrativos na nova Lei 39/2015.

1. Obxectivos.

A análise da normativa sobre a revisión de actos firmes e os recursos administrativos, ordinarios ou extraordinarios, que se poden interpor fronte a todo tipo de resolucións administrativas. A materia presenta especial interese científico e técnico para aquel persoal funcionario que tramite todo tipo de procedementos administrativos.

O coñecemento desta materia redunda no mellor exercicio profesional da súa función, na medida en que a materia presenta múltiples dimensións e en que absolutamente todos os servizos públicos e, polo tanto, todas as actuacións, incluídas as puramente materiais ou de xestión, están suxeitas a eventual recurso administrativo. Por outra banda, este curso é unha oportunidade para afianzar o coñecemento da normativa en aspectos tan esenciais e decisivos á hora de resolver un recurso, tales como as causas e os prazos de prescrición, a caducidade, a lexitimación ou a función dos órganos consultivos.

Ademais, a resolución de recursos administrativos dá lugar a unha intensa actividade xurisprudencial de interpretación e integración das leis que necesariamente ten que coñecer aquel persoal funcionario que, ordinaria ou eventualmente, participa na tramitación deste tipo de expedientes.

Así mesmo, trátase dunha materia de grande interese xurídico e doutrinal, polo que no curso se fará pausada referencia ás novidades xurisprudenciais na materia, facendo especial fincapé na doutrina do Tribunal Supremo e Tribunal Constitucional, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como tamén do Consello Consultivo de Galicia.

2. Destinatarios/as.

Empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia e do sector público autonómico.

Preferentemente, habilitados/as nacionais e funcionarios/as da Administración local dos subgrupos A1 e A2 que teñan responsabilidades en materia de tramitación e instrución deste tipo de expedientes..

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 21 horas.

Edicións: unha.

Datas: do 28 de setembro ao 20 de outubro de 2020.

Proba final en liña: o día 23 de outubro ás 11.30 horas.

Prazas: 50.

4. Contido.

Tema 1. A resolución dos procedementos administrativos.

Tema 2. Revisión dos actos en vía administrativa: revisión de oficio.

Tema 3. Revisión dos actos en vía administrativa: declaración de lesividade.

Tema 4. Revogación de actos e rectificación de erros.

Tema 5. Recursos ordinarios: recurso de alzada e recurso de reposición.

Tema 6. Recurso extraordinario de revisión.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,40 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, e corrección DOG núm. 77, do 22 de abril) sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.