Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Xoves, 27 de agosto de 2020 Páx. 34084

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 19 de agosto de 2020 pola que se modifica a Resolución do 10 de decembro de 2018 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

No DOG núm. 4, do 7 de xaneiro de 2019, publicouse a Resolución do 10 de decembro de 2018 polo que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

De conformidade co punto 4 do artigo 16 de Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas, establecíase:

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro co seguinte criterio:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e deben, de ser o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable, entenderase que o dito incumprimento é total, e deben reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

Tendo en conta que a situación mundial provocada pola emerxencia sanitaria COVID-19 motivou a cancelación a nivel internacional de numerosos eventos promocionais e viaxes de prospección, o que afectou considerablemente a execución normal dos programas de internacionalización das empresas e impediu en ocasións a súa realización, que quedaron noutras ocasións pospostos para datas futuras aínda incertas e dependentes da evolución internacional da pandemia, e isto ten unha repercusión directa no desenvolvemento do programa Galicia Exporta Empresas.

O día 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado e entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta decretábase a suspensión de prazos administrativos. O Decreto 465/2020, do 17 de marzo (BOE nº 73, do 18 de marzo) dá nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira e establece que as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 24 de abril de 2020, sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións cuxas bases e convocatoria se tivesen aprobado e publicado no momento da entrada en vigor do devandito Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, pero que non se tivese ditado a resolución de concesión, entre os cales se atopa o programa Galicia Exporta Empresas, e aspectos relativos á modificación das bases reguladoras para ampliar os prazos de execución da actividade subvencionada e, se for o caso, de xustificación e comprobación da dita execución.

O día 23 de maio de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se continúa, ou se reinicia, o cómputo dos prazos administrativos que tiveren sido suspendidos en virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, con efectos desde o 1 de xuño de 2020.

Coa intención de mitigar os prexuízos ocasionados polo impacto da covid-19 nas accións de promoción do programa Galicia Exporta Empresas 2019 e apoiar os esforzos realizados polas empresas no eido da internacionalización, o Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 18 de maio de 2020, acordou a modificación das bases reguladoras das axudas do Igape para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas 2019) cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Artigo 1

Modificar a Resolución do 10 de decembro 2018 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, no seguinte sentido:

O punto 4 do artigo 16 de Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas, queda redactado do seguinte xeito:

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e debe resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro co seguinte criterio:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, e deben, de ser o caso reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Artigo 2

Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica