Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 26 de agosto de 2020 Páx. 33881

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 21 de agosto de 2020 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a realización de funcións de artes escénicas e música durante o ano 2020 (código de procedemento CT406A).

BDNS (Identif.): 520931.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poden solicitar as distintas modalidades de subvención as persoas que a continuación se sinalan:

Artes escénicas.

Modalidade A.1: subvencións para a realización de funcións de artes escénicas fóra de Galicia.

Persoas beneficiarias: persoas físicas (autónomas) e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á realización de funcións de espectáculos de artes escénicas que desenvolvan a maior parte da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Modalidade A.2: subvencións para a realización de funcións de artes escénicas en Galicia.

Persoas beneficiarias: persoas físicas (autónomas) e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á realización de funcións de espectáculos de artes escénicas que desenvolvan a maior parte da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

B. Música.

Modalidade B.1: subvencións para a realización de funcións musicais fóra de Galicia.

Persoas beneficiarias: persoas físicas (autónomas) e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á realización de funcións de espectáculos musicais que desenvolvan a maior parte da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Finalidade

Fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para promover a representación de funcións de artes escénicas e música producidas e realizadas por empresas e/ou compañías ou grupos profesionais que desenvolvan a maior parte da súa actividade en territorio galego, coa excepción das asociacións e entidades sen fins de lucro (código de procedemento CT406A).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 21 de agosto de 2020 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a realización de funcións de artes escénicas e música durante o ano 2020 (código de procedemento CT406A).

Cuarto. Importe

O importe máximo para o financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria é de 160.000 euros da partida orzamentaria 2020.11.A1.432.B.470.0 para o ano 2020, dos cales corresponderán 80.000 euros para funcións de artes escénicas e 80.000 para funcións musicais.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2020

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais