Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 17 de agosto de 2020 Páx. 32759

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2020 pola que se modifica a Resolución do 19 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Programa Sinerxía da Internacionalización, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG423A).

No DOG núm. 145, do 1 de agosto de 2019, publicouse a Resolución do 19 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Programa Sinerxía da Internacionalización, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

De conformidade co artigo 20, punto 7, letra a) establecíase:

Artigo 22. Incumprimento, reintegro e sancións

(...)

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se e o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

Tendo en conta que a situación mundial provocada pola emerxencia sanitaria COVID-19 motivou a cancelación a nivel internacional de numerosos eventos promocionais e viaxes de prospección, afectando considerablemente a execución normal dos programas de internacionalización das empresas, impedindo en ocasións a súa realización e quedando noutras ocasións pospostos para datas futuras aínda incertas e dependentes da evolución internacional da pandemia. O que ten unha repercusión directa no desenvolvemento do mencionado Programa Sinerxía 2019-2020.

O día 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado e entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta decretábase a suspensión de prazos administrativos. O Decreto 465/2020, do 17 de marzo (BOE núm. 73, do 18 de marzo) dálle nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira e establece que as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 24 de abril de 2020, sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións cuxas bases e convocatoria se tivesen aprobado e publicado no momento da entrada en vigor do devandito Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, pero que non se tivese ditado a resolución de concesión, entre os que se atopa o Programa Sinerxía da Internacionalización, e aspectos relativos á modificación das bases reguladoras para ampliar os prazos de execución da actividade subvencionada e, se é o caso, de xustificación e comprobación da dita execución.

O día 23 de maio de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se reanuda, ou se reinicia, o cómputo dos prazos administrativos que tivesen suspendidos en virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, con efectos desde o 1 de xuño de 2020.

Coa intención de mitigar os prexuízos ocasionados polo impacto do COVID-19 nas accións de promoción do programa Sinerxía 19-20, e apoiar os esforzos realizados polas empresas na súa internacionalización, o Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 28 de maio de 2020, acordou a modificación das bases reguladoras das axudas para o desenvolvemento do Programa Sinerxía 2019-2020.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Artigo 1

Modificar a Resolución do 19 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Programa Sinerxía da Internacionalización, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva, no seguinte sentido:

A letra a) do punto 7 do artigo 20. Incumprimento, reintegro e sancións, queda redactada do seguinte xeito:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se e o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Artigo 2

Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica