Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 17 de agosto de 2020 Páx. 32586

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 109/2020, do 30 de xullo, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia.

Mediante a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, lévase a cabo a transferencia de competencias de titularidade estatal á Comunidade Autónoma de Galicia, utilizando a vía prevista no artigo 150.2 da Constitución. En concreto, no seu artigo 3 transfírense as competencias de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, no marco da lexislación básica do Estado.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandado constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo a estrutura establecida no Decreto 74/2018, do 5 de xullo).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da dita competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen mais límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de lle comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos da súa cualificación de legalidade, aprobación definitiva e inscrición no rexistro de colexios.

De conformidade co disposto nas disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 3/2015, do 12 de xuño, de creación do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia, a asemblea xeral constituínte acordou a designación do órgano de goberno e a aprobación dos estatutos do Colexio, que foron presentados ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para a súa aprobación definitiva.

En virtude do anterior, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trinta de xullo de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación dos estatutos

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia, que figuran como anexo ao presente decreto.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia

TÍTULO I

Do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia

Artigo 1. Normas xerais

1. Os presentes estatutos teñen por obxecto regular a organización do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia –en diante Codinugal– a teor do establecido nas disposicións legais sobre a súa creación e de conformidade coa lexislación vixente sobre colexios profesionais.

2. Son principios esenciais da súa estrutura a igualdade dos seus membros, a democracia na súa organización e funcionamento, que inclúe a elección democrática dos seus órganos de goberno, e a adopción dos acordos por maioría.

A vontade do Colexio é dotar os dietistas-nutricionistas dunha institución que, velando polo interese público, represente e defenda os seus intereses, así como representar o exercicio da profesión contribuíndo na sociedade á promoción do dereito á saúde e a unha asistencia sanitaria de maior calidade.

3. Co fin de asegurar un adecuado funcionamento colexial e facelo da maneira máis práctica posible, a Xunta de Goberno pode proporlle á Asemblea Xeral a aprobación dun regulamento de réxime interno.

Artigo 2. Natureza do Colexio

1. Codinugal é unha corporación de dereito público, amparada pola lei, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins e o exercicio das súas funcións. A representación legal do Colexio, tanto en xuízo como fóra del, recaerá na persoa que posúa a Presidencia, quen se achará lexitimada para outorgar poderes xerais ou especiais a procuradores e avogados ou avogadas ou a calquera clase de mandatario, logo de acordo da Xunta de Goberno.

2. O Colexio réxese polos presentes estatutos, pola Lei 3/2015, do 12 de xuño, de creación do Colexio Oficial de Dietistas e Nutricionistas de Galicia, pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia e por toda a lexislación que sexa aplicable, xeral ou supletoriamente.

Artigo 3. Ámbito do Colexio

1. O ámbito de actuación do Codinugal correspóndese co do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O Codinugal terá a súa sede en Lugo (Alfonso X O Sabio, s/n). A Asemblea Xeral terá a competencia para modificar a localización do concreto domicilio.

Artigo 4. Denominación e siglas

1. A denominación abreviada do Colexio Oficial de Dietistas e Nutricionistas de Galicia será Codinugal.

Artigo 5. Fins do Colexio

Son fins esenciais do Codinugal:

a) A protección dos consumidores e usuarios dos servizos dos colexiados.

b) A representación e a defensa da profesión do dietista-nutricionista e os intereses profesionais das persoas colexiadas, en congruencia cos intereses xerais da sociedade.

c) A formación profesional permanente dos e das profesionais da nutrición humana, dietética e alimentación.

d) A ordenación no ámbito da Comunidade galega do exercicio da profesión dentro do marco legal e colexial establecido.

O Codinugal asume no seu ámbito territorial todas as competencias e funcións que lle outorga a lexislación vixente, así como as que dunha maneira expresa lle poida delegar a Administración co fin de cumprir os seus obxectivos de cooperación na saúde pública, ordenación do exercicio profesional da nutrición humana, dietética e alimentación, e a garantía do exercicio ético e de calidade na profesión.

Artigo 6. Funcións do Colexio

1. Son funcións esenciais do Colexio:

a) Asumir a representación da profesión e dos seus profesionais en todos os aspectos concernentes a aquela.

b) Ordenar, no ámbito da súa competencia, o exercicio profesional velando para que se desempeñe conforme criterios deontolóxicos e exercendo a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

c) Colaborar coa Administración pública de ámbito territorial, estatal e europeo na regulamentación das condicións xerais do exercicio da profesión.

d) Representar e defender os intereses xerais dos e das dietistas-nutricionistas e da nutrición humana, dietética e alimentación, en especial as súas relacións coas administracións e as institucións sanitarias e/ou sociais, xa sexan de carácter público, privado ou mixto.

e) Promover, velar e vixiar par que a nutrición humana, dietética e alimentación sexan un medio adecuado para a atención e mellora da saúde e o benestar da cidadanía.

f) Promover, divulgar e potenciar a nutrición humana, dietética e alimentación, así como a súa integración e relevancia na estrutura sanitaria e social desde as perspectivas científica, cultural, laboral, investigadora e docente.

g) Promover e estender a profesión da nutrición humana, dietética e alimentación na prevención, valoración, diagnóstico, tratamento, seguimento e avaliación dietética e nutricional nas persoas sas e enfermas. Así, os diplomas universitarios en nutrición humana e dietética levarán a cabo actividades dirixidas á alimentación da persoa e grupos de persoas, adecuadas ás súas necesidades fisiolóxicas e, se é o caso, patolóxicas desta e de acordo cos principios de prevención e saúde pública.

h) Dispor dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presenten calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses. O Colexio, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

Artigo 7. Portelo único e facultades do Colexio

O Codinugal disporá dun servizo gratuíto de portelo único electrónico a través do cal os colexiados poderán obter:

1. Toda a información e formularios necesarios para acceder á actividade profesional e ao seu exercicio, presentando documentación e solicitudes, incluído a de colexiación, coñecer o estado da tramitación dos procedementos en que teñan a condición de interesados e recibir a notificación dos actos e resolucións colexiais que lles afecten, incluída a notificación de expedientes disciplinarios cando non sexa posible por outros medios; e recibir as convocatorias ás sesións da Asemblea, así como darlles a coñecer a actividade colexial. Igualmente, poderán realizar os trámites necesarios para darse de baixa como colexiados.

2. Facilitar o acceso gratuíto para os cidadáns, a través do portelo único electrónico, á información actualizada dos datos dos rexistros dos colexiados e das sociedades profesionais co contido e nos termos previstos na lexislación vixente. Incluirase a información acerca das vías de reclamación e recursos en caso de conflito entre consumidor ou usuario e un colexiado ou o Colexio profesional, os datos de asociacións e organizacións de consumidores e usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obter asistencia e o contido do código deontolóxico.

3. O portelo único adaptarase tecnicamente para garantir a interoperabilidade co resto da organización colexial e coas autoridades e, ademais, o acceso das persoas con discapacidade ben con medios propios ou ben a través dos mecanismos de coordinación e colaboración necesarios, inclusive coas corporacións doutras profesións.

4. O Colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios e tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presentasen calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses, xa sexa a través do portelo único ou de maneira presencial.

5. O Colexio disporá dun servizo de atención ás queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.

Facultades do Colexio:

1. Son facultades esenciais do Colexio:

a) Atender as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.

b) Poderá adquirir a título oneroso ou lucrativo, alienar, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens, contraer obrigacións e, en xeral, ser titular de toda clase de dereitos, executar ou soportar calquera acción xudicial, reclamación ou recurso en todas as vías e xurisdicións. Logo de acordo da Xunta de Goberno, correspóndelle á Presidencia do Colexio o exercicio das facultades establecidas anteriormente, excepto os actos de disposición dos bens do Colexio, para os cales se exixirá, ademais, ratificación da Asemblea Xeral.

c) Intervir, logo de solicitude, en vías de conciliación ou arbitraxe nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre as persoas colexiadas, ou entre estas e a cidadanía.

d) Exercer funcións de arbitraxe nos asuntos que lle sexan sometidos, así como promover ou participar en institucións de arbitraxe.

e) Cumprir e facer cumprir aos seus membros, en canto afecte a profesión, as disposicións legais e estatutarias, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

f) Exercer a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins, así como, no ámbito autonómico, a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten os intereses profesionais e exercer o dereito de petición conforme o disposto na lei.

g) Ordenar a actividade profesional dos colexiados e das colexiadas, velando pola formación, a ética e a dignidade profesional e polo respecto aos dereitos da cidadanía, aprobando un Código deontolóxico dela e coidando o seu acatamento e efectividade.

h) Exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial, elaborar os seus estatutos particulares e as modificacións destes, redactar e aprobar o seu propio Regulamento de réxime interno e demais acordos para o desenvolvemento das súas competencias.

i) Elaborar normas e estándares de actuación profesional necesarios para a ordenación do exercicio da profesión de dietista-nutricionista, así como a creación, desenvolvemento e implantación dos correspondentes sistemas de acreditación de profesionais, como vía cara á excelencia da práctica profesional da nutrición humana, dietética e alimentación.

j) Aprobar os seus orzamentos, regular e exixir as achegas económicas dos seus membros.

k) Procurar a harmonía e colaboración entre o colectivo colexial.

l) Organizar e promover actividades e servizos comúns de interese para os colexiados e as colexiadas, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial, de previsión e outros análogos.

m) Prestar, a través dos e das profesionais competentes, os servizos de asesoramento xurídico, laboral, administrativo e fiscal que se consideren oportunos.

n) Participar na elaboración dos plans de estudo. Informar das normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión. Manter permanente contacto con eles. Preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional das novas persoas tituladas no ámbito da Unión Europea. Organizar cursos e actividades para a formación, perfeccionamento e carreira profesional.

o) Procurar que o exercicio profesional responda, tanto en número de profesionais como en calidade, ás necesidades da sociedade.

p) Adoptar as medidas conducentes a evitar e perseguir o intrusionismo profesional. Neste sentido, vixiar que a utilización do nome e o exercicio das técnicas propias da nutrición humana, dietética e alimentación se ateñan ás normas reguladoras da profesión e o seu exercicio. Para ese efecto, poderase requirir o apoio das autoridades gobernativas e sanitarias, así como expor os casos ante os tribunais de xustiza.

q) Velar para que os medios de comunicación social divulguen a nutrición humana, dietética e alimentación con base científica contrastada, e combater toda propaganda ou publicidade incerta ou enganosa, ou a que con carácter xeral ameace contra os dereitos da poboación ou infrinxa os principios da lei correspondente.

r) Atender á formación das profesións sanitarias non tituladas e tituladas co obxecto de procurar a mellor atención das exixencias e necesidades sanitarias da poboación e do sistema sanitario.

s) Informar, nos respectivos ámbitos de competencia, de palabra ou por escrito, en cantos proxectos ou iniciativas do Parlamento de Galicia ou da Xunta de Galicia e de cantos organismos así o precisen.

t) Traballar e colaborar coa Administración pública (especialmente a Administración sanitaria) e cos demais poderes públicos mediante a realización de estudos, a emisión de informes, a elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que lles sexan solicitadas ou acorden por iniciativa propia.

u) Participar en materias propias da profesión nos órganos consultivos da Administración, así como nos organismos interprofesionais.

v) Asegurar a representación dos e das dietistas-nutricionistas nos consellos de saúde e nos termos establecidos nas normas que os regulen.

w) Informar as industrias relacionadas coa nutrición humana, dietética e alimentación das condicións desexables para o desenvolvemento de novos produtos e establecer, se as condicións técnicas o permiten, un control dietético-nutricional sobre os produtos alimentarios ofrecidos, por petición das ditas industrias.

x) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses da profesión, dos seus membros e demais fins da nutrición humana, dietética e alimentación, así como as que veñan dispostas pola normativa estatal ou autonómica.

TÍTULO II

Das persoas colexiadas

Artigo 8. Competencias dos e das dietistas-nutricionistas

Ao terminar a súa formación universitaria, como persoas tituladas universitarias en Nutrición Humana e Dietética, o perfil e as competencias profesionais propias serán as especificadas no «Perfil das competencias do titulado universitario en Nutrición Humana e Dietética. Documento de consenso febreiro 2003», documento elaborado pola Conferencia de Consenso composta por representantes das universidades españolas que imparten os estudos universitarios de Nutrición Humana e Dietética e a Asociación Española de Dietistas-Nutricionistas (AEDN).

Artigo 9. Adquisición da condición colexial

1. Para o exercicio da profesión de dietista-nutricionista de quen pretenda exercela única ou principalmente na Comunidade de Galicia, poderá atoparse colexiado no Colexio de Dietistas-Nutricionistas de Galicia, e será obrigatorio en tanto así o determine unha lei estatal.

Neste sentido, poderán integrarse no Codinugal:

a) Quen posúa a titulación oficial de diplomado en Nutrición Humana e Dietética segundo o Real decreto 433/1998, do 20 de marzo (BOE do 15 de abril), polo que se establecen o título universitario oficial de diplomado en Nutrición Humana e Dietética e as directrices xerais propias dos plans de estudos conducentes á obtención daquel.

b) Quen posúa os títulos de grao conforme a Orde CIN/730/2009, do 18 de marzo, BOE do 26 de marzo de 2009, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de dietista-nutricionista.

c) As persoas de nacionalidade estranxeira poderán incorporarse ao Colexio cando cumpran os requisitos para exercer a profesión en España, así como a homologación do seu título ao de diplomado en Nutrición Humana e Dietética ou ao grao resultante do proceso de converxencia europea, sempre e cando cumpran os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que lles permitan exercer a profesión de dietista-nutricionista. Neste sentido, aplícanse as disposicións do Real decreto 967/2014, do 21 de novembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para a homologación e declaración de equivalencia do título a nivel académico universitario oficial e para a convalidación dos estudos estranxeiros de ensino superior, e o procedemento para determinar a correspondencia aos niveis do Marco español de cualificación para o ensino superior dos títulos oficiais de arquitecto, enxeñeiro, licenciado, arquitecto técnico, enxeñeiro técnico e diplomado, desenvolvidos pola Orde ECD/2654/2015, do 3 de decembro.

2. Nestes supostos e para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que correspondan ao Colexio Oficial de Dietistas e Nutricionistas de Galicia en beneficio dos consumidores e usuarios, o Colexio deberá utilizar os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. As sancións impostas, de ser o caso, polo Colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional terán efectos en todo o territorio español.

Será suficiente a incorporación a un só dos colexios oficiais de dietistas e nutricionistas, que será o do domicilio profesional único ou principal, para exercer en todo o territorio español.

Artigo 10. Colexiación

1. Son condicións necesarias para obter a alta colexial:

a) Posuír a titulación legalmente requirida para o exercicio en España da profesión de dietista-nutricionista, indicada no artigo 9.1 dos presentes estatutos. Acreditarase mediante a achega de testemuño auténtico do correspondente título profesional orixinal. En caso de tratarse de título estranxeiro achegarase, ademais, a documentación acreditativa da súa validez en España para os efectos profesionais e, se se tratase de súbditos doutros países, cumprirán os demais requisitos legalmente exixidos para o establecemento e traballo das persoas estranxeiras en España.

b) Fotocopia do documento nacional de identidade, pasaporte ou NIE e presentación do orixinal.

c) Recibo acreditativo de satisfacer o pagamento da cota de ingreso.

d) Declaración xurada en que se afirme non estar inhabilitado ou inhabilitada, nin suspendido nin suspendida, para o exercicio profesional de dietista-nutricionista nin das súas especialidades, de ser o caso.

e) Autorización de domiciliación bancaria para o pagamento das cotas colexiais.

f) Acreditar o domicilio profesional no ámbito territorial de Galicia, mediante un documento válido en dereito.

h) A persoa solicitante fará constar, se se propón exercer a profesión, a localidade ou municipio en que o vai facer e a modalidade de exercicio colexiais.

i) Calquera outro que determine a Xunta de Goberno.

2. A Xunta de Goberno resolverá as solicitudes de colexiación, que se presentarán por escrito conforme o modelo aprobado, no prazo de tres meses, e poderán denegalas unicamente cando non se cumpran as condicións fixadas no artigo 9 e no artigo 10.1. A resolución poderase deixar en suspenso para emendar as comprobacións que sexan procedentes co fin de verificar a súa lexitimidade e suficiencia.

3. Transcorridos catro meses desde a presentación da solicitude de admisión sen que resolvese a Xunta de Goberno, entenderase non aceptada a admisión solicitada.

4. Se no prazo previsto a Xunta de Goberno acordase denegar a colexiación pretendida, comunicarallo á persoa interesada e sinalará a data do acordo denegatorio, fundamentos deste e os recursos dos cales é susceptible. No termo dun mes seguinte á recepción da notificación do acordo denegatorio, a persoa interesada poderá formular recurso de reposición ante a Xunta de Goberno do Colexio. Contra o acordo denegatorio definitivo desta poderase acudir á vía contencioso-administrativa.

Artigo 11. Perda e suspensión da condición colexial

1. A condición colexial perderase:

a) Automaticamente, por falta de pagamento dos importes correspondentes a un ano de colexiación.

b) Por sentenza condenatoria firme que comporte a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) Por expulsión do Colexio acordada en expediente disciplinario.

d) Por causar baixa voluntaria por cesamento de actividade profesional temporal ou definitiva.

e) Por incapacidade ou incompatibilidade legal.

f) Por defunción.

g) Por incumprir calquera outro requisito exixible legalmente.

2. En todo caso, a perda da condición colexial polas causas expresadas nos puntos 11.1.a), b) e c) deberá ser comunicada ao interesado nos termos establecidos no réxime xurídico destes estatutos, momento en que terá efecto, salvo o disposto nos casos de interposición de recursos.

3. Poderá solicitar de novo a alta, como colexiado ou colexiada aquela persoa que estivese implicada nalgunha das causas previstas nos puntos 11.1.b) e c), sempre que cumprise ou prescribise a falta, inhabilitación e/ou sanción disciplinaria.

4. Aquela persoa que, perdendo esta condición por falta de pagamento de cotas ao Colexio, desexe reincorporarse a el, deberá aboar previamente as cantidades debidas, incluídos os xuros, gastos e custos ocasionados ao Colexio.

5. O colexiado ou colexiada poderá ser suspendido ou suspendida provisionalmente nos seus dereitos como colexiado ou colexiada se se lle incoase expediente disciplinario por posible comisión de infracción moi grave, e tal medida fose expresamente adoptada polo órgano competente e por proposta da Comisión Instrutora.

6. A suspensión provisional na condición de colexiado ou colexiada non poderá durar máis dun ano.

Artigo 12. Tipos de persoas colexiadas

1. As persoas colexiadas poderán figurar inscritas como:

a) Exercentes: persoas físicas que, reunindo todas as condicións exixidas, obtivesen a incorporación ao Colexio e exerzan a profesión de dietista-nutricionista.

b) Non exercentes: persoas físicas que obtivesen a incorporación ao Colexio e non exerzan a profesión.

c) Colexiadas e colexiados honorarios: dietistas-nutricionistas xubilados ou xubiladas, voluntaria ou forzosamente e que acrediten non estar a exercer, dietistas-nutricionistas declarados ou declaradas en incapacidade total para o exercicio da profesión, invalidez permanente para todo tipo de traballo ou grande invalidez. Estarán exentos do pagamento das cotas colexiais e deberán solicitalo por escrito.

d) Colexiadas e colexiados de honra: persoas físicas ou xurídicas que realizasen un labor relevante e meritorio en favor da profesión. Esta categoría será puramente honorífica e acordada pola Asemblea Xeral.

Artigo 13. Sociedades profesionais

As sociedades profesionais de cuxo obxecto social resulte que exercen a actividade de dietista-nutricionista de forma exclusiva ou parcial e cuxo domicilio social radique na Comunidade de Galicia incorporaranse ao Colexio a través da inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais. Na inscrición da sociedade constarán polo menos os datos a que se refire o artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais. A información que debe constar no dito rexistro será pública nos termos previstos na lexislación vixente.

De conformidade co disposto na Lei 2/2007, do 15 de marzo, deben inscribirse no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio aquelas sociedades profesionais que o Rexistro Mercantil comunique que se constituíron ou adaptaron.

As sociedades profesionais só estarán sometidas ao réxime de dereitos e obrigas que se establecen nos presentes estatutos en canto lles sexa de aplicación debido á súa natureza xurídica. En ningún caso terán dereitos políticos no Colexio.

As sociedades inscritas quedan sometidas ao control deontolóxico e á potestade disciplinaria do Colexio, e seralles de aplicación o réxime previsto nestes estatutos.

As sociedades inscritas deberán pagar as cotas de inscrición e as mensuais na cantidade e forma que determine a Xunta de Goberno.

O Colexio comunicaralle ao rexistrador mercantil calquera incidencia que se produza despois da constitución da sociedade profesional e que impida o exercicio profesional a calquera dos seus socios profesionais.

A baixa no Rexistro Mercantil producirá a baixa da inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio.

A Xunta de Goberno poderá aprobar un regulamento de réxime interno para regular o Rexistro de Sociedades Profesionais, de acordo coas previsións legais e estatutarias

Artigo 14. Dereitos colexiais

1. As persoas colexiadas terán os dereitos que se detallan nos estatutos do Codinugal e na normativa estatal e autonómica sobre a materia.

2. O exercicio da nutrición humana, dietética e alimentación desenvolverase de conformidade coas previsións xerais e deontolóxicas contidas nas disposicións vixentes.

3. Son dereitos dos e das dietistas-nutricionistas colexiados:

a) Exercer libremente a nutrición humana, dietética e alimentación segundo os criterios deontolóxicos e profesionais recoñecidos.

b) Participar no goberno do Colexio formando parte das asembleas e exercendo o dereito para instar á súa convocatoria, a formularlles proposicións, emendas, mocións de censura e rogos e preguntas, e a elixir e ser elixido ou elixida para os cargos directivos, todo iso nas formas e condicións previstas nestes estatutos.

c) Utilizar as dependencias colexiais tal e como se regule, e beneficiarse do asesoramento dos servizos, programas e outras vantaxes que o Colexio poña á súa disposición.

d) Utilizar o anagrama ou logotipo do Colexio na súa identificación profesional baixo a autorización previa dos órganos de goberno do Colexio.

e) Ser asesorado ou asesorada e/ou defendido ou defendida polo Colexio en cantas cuestións se susciten relativas aos seus dereitos e intereses lexítimos consecuencia dun recto exercicio profesional. A Xunta de Goberno decidirá os asuntos en que as custas e gastos que o procedemento ocasione sexan asumidos polo Colexio.

f) Dirixirse aos órganos de goberno do Colexio formulando suxestións, propostas, peticións e queixas.

g) Acceder á documentación do Colexio, obter certificacións dos documentos e actos colexiais que lles afecten persoalmente e recibir información sobre cuestións de interese relacionadas coa nutrición humana, dietética e alimentación, sen prexuízo do disposto na normativa vixente en materia de protección de datos.

h) Pertencer aos programas de previsión e protección social que se poidan establecer.

i) Exercer o dereito de recurso contra acordos e resolucións dos órganos de Goberno colexiais.

j) Afirmar a súa condición colexial e dispor do carné que así o acredite.

k) Gozar da protección de datos segundo o establecido e determinado nas leis.

l) Exercer a moción de censura contra a Xunta de Goberno, en virtude do establecido no artigo 24 que regula esta materia.

m) Crear agrupacións representativas de intereses específicos no seo do Colexio, sometidas en todo caso aos seus órganos de goberno.

n) Calquera outro dereito que estea recoñecido pola lei ou sexa establecido polos órganos colexiais.

Artigo 15. Deberes colexiais

1. Son deberes dos e das dietistas-nutricionistas colexiados/as:

a) Cumprir as prescricións contidas nos presentes estatutos, nos regulamentos que os desenvolvan e nos acordos que o Colexio adopte, así como a normativa estatal ou autonómica sobre a materia.

b) Pagar nos prazos establecidos as cotas e dereitos tanto ordinarios como extraordinarios que fosen aprobados polo Colexio para o seu sostemento.

c) Observar a deontoloxía da profesión.

d) Informar o Colexio dos cambios nos seus datos persoais e profesionais nun período non superior a sesenta días desde o momento do cambio.

e) Comunicarlle ao Colexio calquera acto de intromisión ou actuación profesional irregular.

f) Pór en coñecemento do Colexio os feitos e as circunstancias que poidan incidir na vida colexial ou no exercicio da nutrición humana, dietética e alimentación.

h) Indicar de forma clara e visible o número de identificación colexial en todos os seus traballos e actuacións.

Título III

Dos órganos de Goberno

Artigo 16. Organización do Colexio

1. O Colexio está rexido polo presidente, a Asemblea Xeral e a Xunta de Goberno.

CAPÍTULO I

Da Asemblea Xeral

Artigo 17. A Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral está integrada polas colexiadas e colexiados reunidos en forma, logo de convocatoria para o efecto. As asembleas xerais poden ser ordinarias ou extraordinarias.

2. A Asemblea Xeral ordinaria reunirase unha vez ao ano, preferentemente no primeiro trimestre.

3. Ademais, a Asemblea Xeral poderase reunir de forma extraordinaria cantas veces sexa debidamente convocada por iniciativa da Presidencia, da Xunta de Goberno ou do número de persoas colexiadas que se establece nos presentes estatutos.

4. Os acordos adoptados pola Asemblea Xeral nas materias da súa competencia serán obrigatorios para todos os seus membros, sen prexuízo do réxime de recursos existente.

5. A Asemblea Xeral é o órgano soberano do Colexio e como tal, máximo órgano de expresión da vontade colexial. Rexerase polos principios de participación directa, igual e democrática de todos os seus asistentes. Para tomar parte na Asemblea Xeral é necesario estar colexiado ou colexiada cun mes de anterioridade á data da convocatoria da Asemblea Xeral que se celebre. Na Asemblea Xeral poden participar todas as persoas colexiadas que estean en plenitude dos seus dereitos.

Artigo 18. Convocatoria da Asemblea Xeral

1. A convocatoria da Asemblea Xeral ordinaria verificarase por acordo da Xunta de Goberno, con indicación do lugar, data e hora da reunión, tanto en primeira como segunda convocatorias e a orde do día dos asuntos, cunha antelación mínima de 30 días naturais, mediante convocatoria persoal por vía electrónica con confirmación da súa recepción por parte do destinatario ou por calquera outro medio que permita ter constancia da súa recepción.

2. Ata quince días naturais antes da realización da Asemblea Xeral, os colexiados e colexiadas poderán presentar as propostas que desexen someter a deliberación e acordo, pero só será obrigatorio para a Xunta de Goberno incluír na orde do día as propostas que veñan avaladas por un cinco por cento do censo colexial, e será necesario comunicar a súa inclusión o mesmo día da realización da Asemblea e antes do seu inicio.

3. Considerarase censo oficial o correspondente a trinta días naturais antes da convocatoria da asemblea. O dito censo deberá estar á disposición dos colexiados na sede do Colexio desde o mesmo día da convocatoria.

4. A orde do día das asembleas xerais ordinarias comprenderá, polo menos, os seguintes puntos:

a) Lectura da acta da sesión anterior e aprobación, se procede.

b) Informe de xestión por parte da Presidencia.

c) Aprobación das contas do exercicio anterior.

d) Aprobación dos orzamentos do exercicio en curso.

e) Rogos e preguntas.

5. A convocatoria da Asemblea Xeral extraordinaria realizarase por iniciativa do presidente, da Xunta de Goberno ou dun vinte por cento do censo colexial. A súa convocatoria non terá lugar máis alá do prazo de 30 días naturais nin menos de 5 días, contados desde a data da súa solicitude, e será facultade da Xunta de Goberno sinalar o día, hora e lugar da súa realización.

6. Nas asembleas xerais extraordinarias só poderán tratarse os asuntos fixados na orde do día da convocatoria. Nelas non se procederá á lectura nin aprobación de actas anteriores.

Artigo 19. Desenvolvemento da Asemblea Xeral

1. Considerarase constituída a Asemblea cando estean presentes en primeira convocatoria a metade máis un do numero de convocados ou, en segunda convocatoria, que terá lugar trinta minutos despois da hora en que fose convocada a primeira, calquera que fose o número de asistentes.

2. Aprobación de actas anteriores:

O primeiro punto da orde do día en toda Asemblea Xeral Ordinaria será a lectura e a aprobación da acta da sesión anterior.

Se unha parte ou a totalidade do acta fose impugnada, por estimar que non reflicte exactamente o acordado, o presidente abrirá debate para que se determine o que proceda en cada caso. Todas as observacións e rectificacións das actas lidas se consignarán na acta da asemblea en que se efectúan.

3. A Asemblea Xeral será presidida polo presidente do Colexio ou quen legalmente o substitúa, e será asistida como mínimo por dous membros da Xunta de Goberno, polo que quedará constituída a mesa desta maneira. Exercerá de secretario quen desempeñe o cargo de secretario da Xunta de Goberno ou quen legalmente o substitúa.

4. Tomarase nota por parte da Mesa de cada un dos asistentes mediante anotación de DNI ou número colexial.

5. As deliberacións serán dirixidas polo presidente, quen terá a facultade de sinalar as correspondentes quendas a favor ou en contra.

6. Os acordos tomaranse por maioría simple dos asistentes, aínda que se requirirá o voto favorable das dúas terceiras partes dos asistentes nas materias previstas nestes estatutos.

7. Non se poderán tomar acordos sobre asuntos que non estean incluídos na orde do día, excepto no caso en que estivesen presentes todos os colexiados e ningún manifestase a súa oposición.

8. As votacións realizaranse a man alzada, con excepción do previsto no voto de censura e naqueles casos en que acorde o presidente a votación secreta. En caso de empate nas votacións da Asemblea Xeral, o voto do presidente será dirimente.

9. Os colexiados e colexiadas poderán participar na Asemblea Xeral mediante representación:

A representación deberase conferir de forma expresa, para unha sesión determinada, por medio de escrito en modelo oficial elaborado polo Colexio, do cal se entregará un exemplar á persoa interesada que o solicite persoalmente ou a través de mandatario provisto de autorización individual, escrita e asinada para o efecto, acompañada de fotocopia de DNI ou do carné colexial da persoa delegante, en que se expresará claramente o nome e número de colexiado do representado e representante.

Só serán válidas as representacións en modelo oficial entregadas á Secretaría do Colexio antes de iniciarse a Asemblea Xeral.

Só se poderá exercer a representación de dous colexiados ou colexiadas como máximo.

10. No prazo máximo de quince días naturais desde a súa realización, a acta da Asemblea Xeral será asinada pola Presidencia, a Secretaría e as dúas persoas asistentes designadas, que darán fe do seu contido.

Artigo 20. Moción de censura

1. A moción de censura contra a Xunta de Goberno só poderá exporse en Asemblea Xeral extraordinaria convocada para ese efecto. Para que a moción de censura sexa lexítima, deberá ir avalada por polo menos o vinte por cento das persoas colexiadas, que deberá facelo mediante sinaturas lexitimadas notarialmente ou ante a Secretaría do Colexio, expresando con claridade as razóns en que se fundamenta.

2. Quen presentar unha moción de censura deberá presentar unha Xunta de Goberno alternativa, que deberá formar candidatura ás eleccións que se convocarán en caso de prosperar a moción.

Así mesmo, non poderán formular ningunha outra contra a mesma Xunta de Goberno no prazo dun ano.

3. A aprobación de moción de censura contra a Xunta de Goberno comportará a convocatoria de eleccións no prazo máximo dun mes.

Artigo 21. Modificación dos estatutos colexiais

1. A Xunta de Goberno, por iniciativa propia ou por petición dun vinte por cento do censo colexial, convocará Asemblea Xeral extraordinaria para debater e, de ser o caso, aprobar a reforma dos presentes estatutos, para o cal deberá acadarse o voto favorable de dous terzos dos votos emitidos na dita asemblea.

2. Coa convocatoria da citada asemblea deberá xuntarse unha copia da proposta de modificación dos estatutos, que deberá someterse á aprobación da Asemblea Xeral convocada para o efecto. Os estatutos modificados, xunto cun certificado do secretario do Colexio, onde conste a data de realización da Asemblea, a modificación dos artigos ou do texto íntegro aprobado e a taxa correspondente, así como as formalidades exixidas pola lexislación aplicable, serán remitidos á concellaría competente en materia de colexios profesionais de Galicia.

Artigo 22. Réxime documental e contable

1. Integrarán en todo caso o réxime documental e contable do Colexio:

a) Os libros de actas, que consignarán, respectiva e separadamente, as reunións que realicen a Asemblea Xeral e a Xunta de Goberno, con expresión da data, asistentes, contido da orde do día e acordos adoptados. As actas das reunións deberán ser asinadas polo presidente ou por quen nas súas funcións presidise a Xunta e polo secretario ou quen desempeñase as ditas funcións nela.

b) O libro de rexistro dos colexiados e colexiadas, onde deberán constar os nomes e apelidos, DNI, título ou títulos profesionais, número colexial, domicilio e a condición de exercente, non exercente, honorario e de honra. Neste libro, tamén se especificarán as datas de altas e baixas.

c) Os libros contables preceptivos, entre os cales figuran o de inventarios e balances, os cales se axustarán ao plan xeral contable en vigor.

O réxime documental e contable do Colexio poderá levarse en soporte informático, de acordo coa normativa reguladora que resulte de aplicación.

CAPÍTULO II

Da Xunta de Goberno

Artigo 23. A Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno é o órgano executivo, presidida polo presidente ou presidenta e constituída por un Pleno e unha Comisión Permanente.

2. O Pleno estará integrado por un presidente ou presidenta, polo menos un vicepresidente ou vicepresidenta, un tesoureiro ou tesoureira, un secretario ou secretaria e tantas vogalías como sexan necesarias.

3. A Comisión Permanente estará integrada polo presidente ou presidenta, o vicepresidente ou vicepresidenta primeiro, o secretario ou secretaria e o tesoureiro ou tesoureira. En caso de incluír puntos na orde do día que afecten vogalías da Xunta de Goberno, poderán asistir os membros afectados con dereito a voz pero sen voto.

4. A Xunta de Goberno estará facultada para designar unha persoa con funcións de coordinación e/ou xestión do Colexio con cargo remunerado. Este cargo recaerá preferentemente na persoa que exerza a presidencia ou nun membro da Xunta de Goberno ou, na súa falta, nun colexiado ou colexiada. Como última opción, poderá contratarse unha persoa allea ao Colexio. As funcións de coordinación ou xestión estarán designadas pola Xunta de Goberno.

Artigo 24. Requisitos e duración dos membros da Xunta de Goberno

1. Poderá ser membro da Xunta de Goberno calquera persoa colexiada que leve incorporada ao Codinugal polo menos un ano e que reúna os seguintes requisitos:

a) Non ser condenado ou condenada por sentenza firme que leve aparellada a inhabilitación para cargos públicos.

b) Non recibir sanción disciplinaria por falta grave ou moi grave que non fose cumprida e/ou prescrita e/ou cancelada na folla persoal do colexiado ou colexiada.

2. Todos os nomeamentos de cargos directivos terán unha duración de catro anos e deberán renovarse segundo o previsto nos estatutos.

Artigo 25. Funcións da Xunta de Goberno

As funcións da Xunta de Goberno son as seguintes:

a) Executar os acordos adoptados pola Asemblea Xeral. Xestionar, dirixir e administrar de forma ordinaria os intereses do Colexio.

b) Representar o Colexio ante os tribunais de xustiza e ante as administracións públicas, salvo cando corresponda ao presidente ou presidenta, tendo atribucións para efectuar delegacións e apoderamentos con carácter xeral ou para cada asunto.

c) Establecer e organizar os servizos necesarios para o mellor cumprimento das funcións colexiais, e podera constituírse ou participar en institucións ou sociedades mercantís ou de calquera tipo para ese efecto.

d) Aprobar ou denegar altas colexiais.

e) Levar o censo de profesionais e o rexistro de títulos dos seus membros.

f) Impor sancións de conformidade co establecido nestes estatutos.

g) Recadar e administrar os fondos do Colexio.

h) Redactar os orzamentos anuais e render contas da súa execución á Asemblea Xeral.

i) Convocar eleccións para cubrir os postos da Xunta de Goberno que correspondan.

j) Realizar e outorgar cantas escrituras públicas e contratos privados sexan necesarios, co fin de levar a cabo as facultades que outorguen cos pactos, cláusulas e condicións que a ben teñan establecer, así como subscribir pólizas de seguros.

k) Nomear con carácter provisional novos membros da Xunta de Goberno ata a súa provisión regulamentaria.

l) Proporlle ao presidente ou presidenta a convocatoria da Asemblea ordinaria ou extraordinaria; propor a orde do día desta; admitir as propostas das persoas colexiadas para a súa inclusión na orde do día, conforme o disposto nestes estatutos.

m) Resolver os asuntos gobernativos, económicos e administrativos do Colexio; contratar coas entidades bancarias; subscribir operacións de crédito; subscribir toda clase de contratos, tanto respecto de bens inmobles como de prestación de servizos, referidos ao desenvolvemento normal do Colexio.

n) Establecer novos servizos no Colexio, concertar a adquisición de bens ou a execución de obras cuxo orzamento non exceda o vinte por cento do orzamento total do Colexio e pedir orzamentos e proxectos técnicos para a realización daquelas.

o) Adquirir todo tipo de materiais e elementos relacionados coas actividades e servizos que se desenvolven ou se pretendan desenvolver no Colexio.

p) Redactar as modificacións dos estatutos e do Regulamento de réxime interno do Colexio, para sometelos á aprobación da Asemblea Xeral.

q) Conceder as distincións ao mérito colexial.

r) Establecer, organizar e xestionar servizos de asistencia, atención, formación e información relacionados tanto cos e coas profesionais da nutrición humana, dietética e alimentación como con outros profesionais que o requiran e coa poboación en xeral.

s) Cantas outras estiveren en relación co Colexio e cos seus fins, e a súa adopción sexa necesaria para a boa marcha deste e da propia Xunta de Goberno, e que non estean reservadas á Asemblea Xeral polos estatutos.

Artigo 26. Réxime de funcionamento

1. A Xunta de Goberno reunirase ordinariamente unha vez cada dous meses, sen prexuízo de que, cando os asuntos o requiran, o presidente ou presidenta dispoña que se realice con maior frecuencia.

2. As convocatorias para as reunións do Pleno da Xunta de Goberno faraas o secretario ou secretaria logo de mandado do presidente ou presidenta, polo menos con 10 días naturais de antelación. As convocatorias formularanse por escrito, irán acompañadas da orde do día correspondente e comunicaranse por calquera medio que permita constatar a súa recepción a todos os membros da Xunta de Goberno. Fóra da orde do día, non poderán tratarse outros asuntos distintos daqueles que figuren na orde do día, salvo que estean presentes todos os seus membros e acorden a inclusión doutros temas. O presidente ou presidenta poderá, con todo, convocar o Pleno, con carácter de urxencia, en calquera momento, cando as circunstancias o aconsellen.

3. O presidente ou presidenta dirixirá as discusións conforme a orde do día; determinará as quendas de intervención e, se o estimar conveniente ou necesario, dará por suficientemente debatido o asunto, que someterá a votación. Queda á discreción do presidente ou presidenta determinar se a votación debe ser nominal ou secreta.

4. A asistencia necesaria para a constitución da Xunta de Goberno e toma de acordos quedará fixada na metade máis un dos seus membros. Deberá estar presente o presidente ou presidenta, ou quen legalmente o/a substitúa e o secretario ou secretaria, ou quen legalmente o/a substitúa.

5. O voto será persoal e indelegable.

6. Os acordos tomaranse por maioría simple dos e das asistentes. En caso de empate, decidirá o voto de calidade da Presidencia. En cada sesión da Xunta de Goberno procederase a resolver os asuntos que figuren na orde do día, e deberá aparecer sempre nela como último punto o de «rogos e preguntas», no cal poderá acordarse a inclusión de calquera punto de debate na orde do día da seguinte reunión da Xunta de Goberno. Os acordos da Xunta de Goberno consignaranse nas oportunas actas por orde de datas no libro que se disporá para o efecto e serán asinadas polo presidente ou presidenta e polo secretario ou secretaria.

7. Ás sesións da Xunta de Goberno non poderán asistir máis que as persoas que integren a dita Xunta de Goberno ou as que expresamente sexan citadas por esta. Así, tamén poderían asistir puntualmente persoas que traballen en comisións de traballo ou empregados, se os hai.

8. É obrigatoria a asistencia ás reunións da Xunta de Goberno. A falta de asistencia non xustificada a tres sesións ordinarias nun ano estimarase como renuncia ao cargo, e serán substituídos do modo previsto nos estatutos, para cada un dos casos.

9. A Xunta de Goberno poderá acordar a constitución de comisións delegadas ou informativas que considere conveniente ou oportuno para o mellor funcionamento do Colexio.

10. As deliberacións da Xunta de Goberno serán secretas, polo que as decisións tomadas nela, así como a información sensible de que dispón, se transmitirán cando esta, logo de acordo da maioría máis un dos seus membros constituídos, así o decida.

11. Para aqueles asuntos en que se requira, ou sexa aconsellable, que todos os membros da Xunta de Goberno participen na discusión e toma de decisións poderase recorrer a canles telemáticas antes, durante ou despois das sesións da Xunta de Goberno. Consignaranse tales acordos na acta da sesión que teña lugar inmediatamente despois de levar a cabo a consulta.

O anteriormente exposto non exime os e as colexiados dos dereitos á información que se establecen no artigo 14 dos presentes estatutos, de modo que en ningún caso se reservará información que poida ocasionar deslealdade ou agravio da Xunta de Goberno para cos colexiados e colexiadas.

A figura encargada de transmitir a información será o presidente ou presidenta ou calquera membro da Xunta de Goberno en que este ou esta delegue esa función.

Artigo 27. Funcións do presidente ou da presidenta

1. O presidente ou presidenta exercerá a representación do Colexio ante toda clase de autoridades e organismos. Así mesmo, velará polo cumprimento das prescricións regulamentarias e estatutarias e dos acordos ou disposicións que diten as administracións competentes, a Asemblea Xeral e a Xunta de Goberno. Ademais, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Presidir todos os órganos colexiais.

b) Abrir, dirixir e levantar as sesións, con voto de calidade en caso de empate.

c) Autorizar os informes e comunicacións que se dirixan a calquera entidade ou persoa.

d) Autorizar a apertura de contas correntes bancarias, as imposicións que se fagan e os talóns ou cheques para retirar cantidades monetarias, conxuntamente co tesoureiro ou tesoureira.

e) Dar o visto e prace a todas as certificacións que expidan o secretario ou secretaria do Colexio.

f) Aprobar os libramentos e ordes de pagamento, conxuntamente co tesoureiro ou tesoureira.

g) Crear ou formar, no ámbito da Xunta de Goberno, seccións ou comisións a que se lles encomendarán misións, traballos ou servizos específicos, para a actividade ou mellor desenvolvemento do Colexio.

h) Outorgar e subscribir actos, contratos e pólizas; usar a sinatura do Colexio e todo canto afecte a orde representativa. Exercer as accións que correspondan en defensa dos dereitos das persoas colexiadas, do Colexio e da profesión ante os tribunais de xustiza e autoridades de toda clase, e outorgar e revogar os poderes que sexan necesarios para iso.

i) Adoptar as resolucións que procedan por razóns de urxencia, e dar conta ao órgano correspondente do Colexio das decisións adoptadas para a súa ratificación na sesión seguinte.

j) Todas estas facultades se entenderán exercidas sempre para o beneficio e a boa marcha do Colexio, as súas actividades, servizos e finalidades.

Artigo 28. Funcións do vicepresidente ou vicepresidenta

1. O vicepresidente ou vicepresidenta levará a cabo todas aquelas funcións que lle confira a Presidencia, e asumirá as desta no caso de enfermidade ou ausencia por calquera causa.

Artigo 29. Funcións do secretario ou secretaria

1. Corresponden ao secretario ou secretaria as seguintes funcións:

a) Redactar e dirixir os oficios de citación para todos os actos do Colexio, segundo as instrucións que reciba da Presidencia e coa antelación debida.

b) Redactar as actas das reunións das asembleas xerais e as que realice a Xunta de Goberno e a Comisión Permanente, e remitilas aos membros destas nun prazo máximo de 15 días naturais.

c) Levar os libros necesarios para o mellor e máis ordenado servizo e deberán existir obrigatoriamente: o libro de actas, o de inventarios e balances, o de sancións impostas ás persoas colexiadas, o de rexistro colexial e os de entrada e saída de documentos. Con carácter facultativo poderá levar tamén outros libros para o bo funcionamento do Colexio.

d) Recibir e dar conta ao presidente ou presidenta de todas as solicitudes e comunicacións que se remitan ao Colexio.

e) Expedir, co visto e prace do presidente ou presidenta, as certificacións solicitadas.

f) Coidar a organización administrativa e laboral das oficinas do Colexio, garantir o seu funcionamento e o cumprimento das obrigas legais respecto diso.

g) Facer un seguimento dos acordos adoptados pola Xunta de Goberno.

h) Redactar a memoria anual ao pechar o exercicio.

i) Ter ao seu cargo o arquivo e selo do Colexio.

j) Compulsar os documentos relacionados coa actividade colexial das persoas colexiadas.

k) Dar fe, durante os períodos electorais, da recepción e tramitación da documentación, ser depositario/a dos votos recibidos por correo e vixiar o cumprimento dos requisitos electorais.

Artigo 30. Funcións do tesoureiro ou tesoureira

1. Corresponden ao tesoureiro ou tesoureira as seguintes funcións:

a) Recadar, vixiar e administrar os fondos do Colexio.

b) Pagar os libramentos que expida a Presidencia.

c) Formular periodicamente a conta de ingresos e gastos e anualmente as contas do exercicio económico vencido.

d) Redactar os orzamentos anuais que a Xunta de Goberno deba presentar á aprobación da Asemblea Xeral.

e) Ingresar e retirar fondos das contas bancarias, conxuntamente coa Presidencia.

f) Levar inventario minucioso dos bens do Colexio, dos cales será administrador ou administradora.

g) Controlar a contabilidade e verificar a caixa.

h) Cobrar os xuros e rendas do capital do Colexio.

Artigo 31. Funcións das vogalías

1. As vogalías desempeñarán as funcións que a Xunta de Goberno e os estatutos lles encomenden.

2. Para ordenar as vogalías, terase en conta a antigüidade de colexiación e de pertenza á Xunta de Goberno.

Artigo 32. Remuneración dos cargos

1. O exercicio dos cargos do Colexio é gratuíto, aínda que poden ser reembolsados os gastos que comportan o seu exercicio.

CAPÍTULO III

Eleccións á Xunta de Goberno

Artigo 33. Procedemento electoral

1. Terán dereito a ser elixidas e a presentar candidatura todas as persoas colexiadas que estean ao día das súas obrigas colexiais e que cumpran os requisitos indicados nos presentes estatutos.

A elección dos membros da Xunta de Goberno farase por votación da Asemblea Xeral mediante sufraxio libre e secreto.

Cada candidatura presentarase mediante listaxe pechada e completa de candidatos. As listaxes deberán conter tantos nomes como cargos se vaian elixir numerados correlativamente do un ao número que corresponda.

Xunto co nome dos candidatos figurará o cargo a que optan, e poderán figurar, no caso das vogalías, as funcións que se van desenvolver acordadas pola candidatura.

2. A convocatoria de eleccións deberá efectuala a Xunta de Goberno con, polo menos, trinta días naturais de antelación á data de realización, e fará pública ao mesmo tempo a lista de persoas colexiadas con dereito a voto, que será fixada nos taboleiros de anuncios da sede do Colexio.

Os colexiados e as colexiadas que desexen formular algunha reclamación contra a lista de electores deberán formalizala no prazo de tres días despois de seren expostas. Estas reclamacións deberán ser resoltas pola Xunta de Goberno dentro dos tres días seguintes ao da expiración do prazo para formulalas, e a resolución deberá ser notificada a cada reclamante dentro dos dous días seguintes.

As listaxes que conteñan as candidaturas deberanse presentar na Secretaría do Colexio, debidamente asinadas polos seus integrantes, vinte e cinco días antes de que se teñan lugar as eleccións. A Xunta de Goberno deberá facer pública a relación das diferentes candidaturas dentro dos cinco días naturais seguintes e a partir dese día poderase emitir o voto por correo.

3. Se o elector ou electora decide exercer o seu dereito ao voto por correo, poderá facelo mediante o seguinte procedemento:

a) Deberá cubrir unha solicitude, interesado na documentación electoral: sobres e papeletas. Con esa solicitude xuntarase copia do DNI, do pasaporte ou NIE.

b) Unha vez recibida a solicitude, comprobarase a inclusión do colexiado no censo electoral e acto seguido enviarase por correo certificado a documentación electoral necesaria para votar por correo.

c) O secretario ou secretaria do Colexio confeccionará unha relación coa copia literal das listas presentadas e remitirállelas aos colexiados e colexiadas coas papeletas de voto correspondentes e os sobres e instrucións para a emisión do voto por correo.

d) O elector ou electora remitiralle á Mesa Electoral, por correo certificado, un sobre onde se indique «para as eleccións da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia» e votante: nome, apelidos, número de colexiado ou colexiada e sinatura, que conteña unha copia do documento de identificación e un sobre pechado coa papeleta de voto.

Admitiranse os sobres enviados á sede colexial nas corenta e oito horas anteriores ás votacións.

e) O secretario ou a secretaria do Colexio deberá custodiar os ditos sobres, sen abrilos, ata o día fixado para as eleccións, momento en que os entregará ao secretario ou secretaria da Mesa Electoral.

f) O voto persoal anulará o voto por correo, que será destruído pola Mesa Electoral.

4. No caso de que se presentase unha soa lista, os seus integrantes quedarían automaticamente proclamados electos sen necesidade de realizar ningunha votación.

5. No día e hora da convocatoria fixados para as eleccións, constituirase na sede do Colexio unha mesa electoral que dirixirá a votación e as súas circunstancias. Vinte e cinco días naturais antes das eleccións elixiranse por insaculación seis persoas colexiadas para cubrir a Presidencia, Secretaría, Vogalía e as súas correspondentes vacantes da Mesa Electoral, mediante sorteo ante a Presidencia e Secretaría do Colexio.

As persoas colexiadas deberán votar no lugar e local designado para o efecto, que se indicará xunto coa convocatoria. Na mesa electoral atoparase a urna, que ofrecerá suficientes garantías. Constituída a Mesa Electoral, a Presidencia indicará o inicio da votación, e á hora prevista para finalizar pecharanse as portas da sala e só poderán votar os que se encontren dentro dela.

Os e as votantes utilizarán exclusivamente unha papeleta. As papeletas serán de cor branca, en tamaño DIN A-5, con fonte maiúscula Arial 12, de cor negra (automático) con entreliñado dobre, e a súa confección irá a cargo do Colexio. Logo de identificación dos votantes, entregarase a papeleta ao presidente ou presidenta da Mesa, quen a depositará na urna, en presenza do votante. O secretario ou secretaria da mesa sinalará no censo electoral quen vaia depositando o seu voto.

A continuación, e logo de comprobación da non emisión do voto persoal, introduciranse dentro da urna os votos que chegasen por correo cos requisitos establecidos nos presentes estatutos.

6. Acabada a votación, realizarase o escrutinio. Serán declaradas nulas aquelas papeletas que conteñan raspaduras, riscadas ou anotacións. Unha vez finalizado o escrutinio, levantarase a acta do resultado, que será asinada por todos os membros da Mesa e o presidente ou presidenta da faraa pública.

Os membros elixidos para a Xunta de Goberno tomarán posesión dos cargos nun prazo máximo de quince días naturais desde a data da elección. A Xunta de Goberno saínte permanecerá en funcións ata este momento. O Colexio comunicaralle á consellería competente en materia de colexios profesionais de Galicia a composición e cargos que van desempeñar os electos tras a primeira reunión da nova Xunta, seguindo as formalidades legais correspondentes.

TÍTULO IV

Do réxime económico

Artigo 34. Réxime económico do Colexio

1. O Colexio ten capacidade para titular, xestionar e administrar bens e dereitos adecuados para o cumprimento das súas finalidades. A actividade económica realizarase de acordo co procedemento orzamentario.

Artigo 35. Recursos do Colexio

1. Os recursos do Colexio están constituídos por:

Recursos ordinarios:

a) As cotas e os dereitos de incorporación fixados pola Asemblea Xeral.

b) As cotas ordinarias periódicas que fixe a Asemblea Xeral.

c) Os dereitos e as cotas que, eventualmente, fixe a Xunta de Goberno polos servizos colexiais.

d) Os rendementos dos bens e dereitos que constitúan o patrimonio colexial, así como os rendementos dos fondos depositados nas súas contas ou carteiras.

e) Calquera outro legalmente posible de similares características.

Recursos extraordinarios:

a) As derramas ou achegas extraordinarias aprobadas pola Asemblea Xeral.

b) As subvencións ou doazóns de calquera tipo de procedencia pública ou privada.

c) En xeral, os incrementos patrimoniais lexitimamente adquiridos.

d) Calquera outro que legalmente proceder.

Artigo 36. Orzamento e administración do Colexio

A Xunta de Goberno presentará anualmente para a súa aprobación á Asemblea Xeral:

a) A liquidación do orzamento do exercicio anterior, o inventario, o balance e a conta de resultados, xunto coa memoria detallada da actividade colexial e a memoria de xestión económica.

b) O informe de auditoría externa, cando corresponda.

c) O orzamento para o exercicio seguinte. Unha vez aprobadas as partidas deste orzamento, só poderán ser modificadas por circunstancias excepcionais por acordo da Asemblea Xeral reunida en sesión extraordinaria convocada para ese efecto.

d) Todas as persoas colexiadas poderán examinar as contas do Colexio durante os quince días naturais anteriores á data de raelización da Asemblea Xeral que deba aprobalas.

e) Os ditos documentos deberanse presentar anualmente ao Rexistro de Colexios Profesionais de Galicia para o seu depósito.

Artigo 37. Disolución ou reestruturación do Colexio

1. A fusión, absorción ou disolución do Colexio deberá acordarse por maioría cualificada de dous terzos da Asemblea Xeral, reunida en sesión extraordinaria. O acordo de fusión, absorción ou disolución deberá remitírselle á concellaría competente en materia de colexios profesionais da Xunta de Galicia para a súa tramitación conforme a normativa aplicable.

2. O Codinugal ten vontade de permanencia e está constituído indefinidamente para o cumprimento dos seus fins.

No obstante, a Asemblea Xeral poderá decidir a súa disolución, sempre que concorran algunha das circunstancias previstas na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia, así como polas leis ou regulamentos autonómicos que se encontren en vigor, ou se acredite a imposibilidade permanente de cumprir os seus fins, decisión que se adoptará por maioría de dous terzos do censo colexial.

TÍTULO V

Da facultade disciplinaria e do réxime de distincións e premios

Artigo 38. Réxime disciplinario

1. Os colexiados que infrinxan os seus deberes profesionais, o Código deontolóxico español da profesión de dietista-nutricionista, os presentes estatutos, os do Consello Xeral, os dos consellos autonómicos, os particulares de cada colexio ou os acordos optados por calquera das corporacións anteriores poderán ser sancionados disciplinariamente.

2. Deberanse pór en coñecemento da autoridade xudicial correspondente as actuacións dos colexiados que presenten indicios racionais de conducta criminal.

Artigo 39. Faltas

1. As faltas que poden levar aparellada sanción disciplinaria clasifícanse en moi graves, graves e leves.

A) Son faltas moi graves:

a) Os actos ou omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión ou ás regras éticas recollidas no Código deontolóxico, que non poderán ir en contra do establecido nos estatutos ou nas normas reguladoras dos colexios oficiais.

b) O atentado contra a dignidade, honestidade ou honor das persoas con ocasión do exercicio profesional ou de cargos corporativos.

c) A comisión de delitos, en calquera grao de participación, como consecuencia do exercicio da profesión ou de cargos corporativos logo de resolución xudicial firme sen quebrantar o principio non bis in idem.

d) A embriaguez e toxicomanía habitual no exercicio profesional ou de cargos corporativos.

e) A realización de actividades que impidan aos colexios acadar os seus fins ou desenvolver as súas funcións.

f) A reiteración en faltas graves cando fose cancelada a anterior.

g) Encubrir ou consentir, sen denuncialo, o intrusionismo profesional.

h) As infraccións graves nos deberes que tanto a profesión como o exercicio de cargos corporativos impoñen.

B) Son faltas graves:

a) O incumprimento das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polo Consello Xeral e polo Colexio, salvo que constitúa falta doutra entidade.

b) Os actos de desconsideración cara a calquera dos demais colexiados.

c) A competencia desleal.

d) Negarse a aceptar a designación de instrutor en expedientes disciplinarios sen causa xustificada.

e) Os actos ou omisións descritos nas parágrafos a), b) e d) do punto anterior, cando non tivesen entidade suficiente para ser considerados como moi graves.

f) A embriaguez con ocasión do exercicio da profesión ou de cargos corporativos.

g) A infidelidade no exercicio dos cargos corporativos para os cales fosen elixidos.

h) A comisión de actos violentos contra bens da propia institución ou cara aos colexiados.

i) A reiteración en faltas leves cando fose cancelada a anterior.

C) Son faltas leves:

a) A neglixencia no cumprimento de normas estatutarias.

b) As infraccións débiles dos deberes que a profesión e o exercicio de cargos corporativos impoñen.

c) Os actos enumerados na epígrafe relativa a faltas graves, cando non tivesen entidade para ser consideradas como tales.

2. As faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses. O prazo de prescrición de infraccións comezará a contar desde o día en que a infracción se cometese. No entanto, interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento disciplinario, e restablecerase o prazo de prescrición se o expediente estivese paralizado máis dun mes por causa non imputable ao presunto responsable.

Artigo 40. Sancións

1. As sancións que se poden impor por faltas moi graves son:

a) Suspensión da condición de colexiado e do exercicio da profesión por prazo de tres meses e non maior a un ano.

b) Inhabilitación para o desempeño de cargos colexiais directivos por prazo dun a dez anos.

c) Expulsión do Colexio con privación da condición de colexiado, que levará anexa a inhabilitación para incorporarse a outro por prazo non superior a seis anos.

2. As sancións que se poden impor por faltas graves son:

a) Amoestación escrita, con advertencia de suspensión.

b) Suspensión da condición de colexiado e do exercicio profesional por prazo non superior a tres meses.

c) Suspensión para o desenvolvemento de cargos corporativos por un prazo non superior a cinco anos.

3. As sancións que se poden impor por faltas leves son:

a) Amoestación escrita con constancia no expediente persoal limitada cun período de 6 meses.

4. As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por faltas graves, aos dous anos e as impostas por faltas leves, ao ano.

Artigo 41. Procedemento disciplinario

1. As faltas leves serán sancionadas pola Presidencia do Colexio, logo de acordo da Xunta de Goberno, sen necesidade de expediente previo e tras a audiencia ou descargo do inculpado. As faltas graves e moi graves serán sancionadas pola Xunta de Goberno tras a apertura de expediente disciplinario.

2. Coñecida pola Xunta de Goberno a comisión dun feito que puidese ser constitutivo de falta grave ou moi grave, e con anterioridade á iniciación do procedemento, poderanse realizar actuacións previas co obxecto de determinar con carácter preliminar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación.

O expediente disciplinario iniciarase por acordo da Xunta de Goberno, de oficio ou por proposta da Comisión Deontolóxica, e nel respectaranse as seguintes previsións:

a) No acordo de iniciación do procedemento designarase un instrutor entre os colexiados que leven máis de sete anos de exercicio profesional. Ademais desta designación, o acordo de iniciación incluirá a identificación da persoa ou persoas presuntamente responsables, unha mención sucinta dos feitos que motivan a apertura do procedemento, así como o órgano competente para impor sanción, de ser o caso.

b) A Xunta de Goberno poderá adoptar en calquera momento, mediante acordo motivado, as medidas de carácter provisional que resulten necesarias para asegurar a eficacia da resolución que se puidese ditar, o bo fin do procedemento, evitar o mantemento dos efectos da infracción e protexer as exixencias dos intereses xerais.

3. O instrutor, no prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da notificación do seu nomeamento, poderá manifestar por escrito ante a Xunta de Goberno as causas de escusa ou abstención que crea concorrer nel. A Xunta de Goberno resolverá sobre estas alegacións no prazo de dez días. Se as atopar estimables, nomeará novo instrutor na mesma forma.

4. O colexiado expedientado, unha vez notificado da identidade do instrutor, poderá manifestar por escrito ante a Xunta de Goberno, no prazo dos catro días hábiles seguintes, as causas de recusación que crese concorrer no instrutor. Serán causa de abstención ou recusación a amizade íntima ou a inimizade manifesta co expedientado; o interese directo ou persoal no asunto; o parentesco por consanguinidade dentro do cuarto grao ou por afinidade dentro do segundo, e calquera outra circunstancia análoga. Exposta a recusación polo expedientado, a Xunta de Goberno dará traslado ao instrutor para que formule as alegacións que considere oportunas no prazo de tres días. Cumprido este trámite, a Xunta de Goberno resolverá o incidente no prazo de dez días, sen que contra a súa decisión caiba recurso ningún.

5. O procedemento disciplinario impulsarase de oficio en todas as súas actuacións. O instrutor practicará cantas probas e actuacións sexan necesarias para a determinación e comprobación dos feitos e responsabilidades susceptibles de sanción. En todo caso, antes da formalización do prego de cargos o instrutor deberá recibir declaración ao presunto inculpado.

6. Á vista das probas e actuacións practicadas, o instrutor formulará, se proceder, prego de cargos, no cal se exporán os feitos impugnados, con expresión, de ser o caso, da falta presuntamente cometida e das sancións que poidan ser de aplicación.

7. O prego de cargos notificaráselle ao interesado para que, no prazo de dez días, poida contestalo e propor a proba que precise, cuxa pertinencia será cualificada polo instrutor. A denegación total ou parcial da proba proposta requirirá resolución motivada.

8. Recibido o prego de descargos, o instrutor determinará no prazo de dez días as probas admitidas, que deberán levar a cabo ante o dito instrutor no prazo dun mes, contado a partir da data do acordo de determinación das probas que se vaian practicar.

9. Cumpridas as precedentes dilixencias, o instrutor dará vista do expediente ao presunto inculpado con carácter inmediato, para que no prazo de dez días alegue o que considere pertinente á súa defensa e achegue cuantos documentos considere de interese. Facilitaráselle copia do expediente ao presunto inculpado cando este así o solicite.

10. Contestado o prego ou transcorrido o prazo sen facelo, e practicadas, de ser o caso, as probas admitidas, o instrutor formulará proposta de resolución, na cal fixará con precisión os feitos, fará a valoración xurídica destes e indicará a sanción que considere procedente. A dita proposta de resolución notificaráselle ao interesado para que, no prazo de dez días, alegue o que ao seu dereito conveña. Realizado o referido trámite, ou transcorrido o prazo para iso, remitiráselle o actuado á Xunta de Goberno para que, no prazo de dez días, resolva o que proceda.

11. A Xunta de Goberno poderá devolver o expediente ao instrutor para que comprenda outros feitos no prego de cargos, complete a instrución ou someta ao interesado unha proposta de resolución que inclúa unha cualificación xurídica de maior gravidade. En tal caso, antes de remitir de novo o expediente ao órgano competente para impor a sanción, darase vista do actuado ao interesado, co fin de que no prazo de dez días alegue canto considere conveniente.

12. A resolución que se adopte notificaráselle ao interesado e deberá ser motivada. Nela especificaranse os recursos que procedan contra ela, os prazos de interposición e os órganos ante os que se deba presentar o recurso que proceda.

13. Para aplicar as sancións, a Xunta de Goberno terá en conta as probas practicadas e as circunstancias atenuantes ou agravantes que puidesen concorrer, así como a existencia de intencionalidade ou reiteración, a natureza dos prexuízos causados ou a reincidencia, por comisión no termo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza cando así fose declarado por resolución firme. Poderase recorrer contra as resolucións que impoñan sanción disciplinaria nos termos e na forma establecidos no artigo 44 dos presentes estatutos.

Artigo 42. Prescrición de faltas e sancións

1. O período de prescrición das faltas será de seis meses para as leves, dous anos para as graves e catro anos para as moi graves, prescrición que se interromperá polo inicio do procedemento disciplinario.

A persoa sancionada poderalle pedir á Xunta de Goberno a súa rehabilitación coas consecuentes cancelacións da nota no seu expediente. Esta petición poderase realizar no prazo de tres meses se a falta fose leve, no prazo dun ano se a falta fose grave, no prazo de dous anos se a falta fose moi grave e, se fose expulsada, no prazo de sete anos, desde a data do inicio do cumprimento da sanción.

2. O período de prescrición das sancións será de seis meses para as leves, dous anos para as graves e catro anos para as moi graves, sempre que desde o Colexio non houbese unha acción que o interrompa.

Artigo 43. Réxime honorífico

A Xunta de Goberno poderá acordar a concesión de premios, recompensas e condecoracións ás persoas que puidesen facerse acredoras deles.

TÍTULO VI

Do réxime xurídico

Artigo 44. Réxime de impugnación

1. Contra os actos, acordos e resolucións corporativas que estean suxeitos ao dereito administrativo ditados pola Xunta de Goberno, salvo o exercicio da facultade disciplinaria e as súas relacións relativas a altas e baixas, poderíase interpor recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios Profesionais, que poría fin á vía administrativa. O prazo para interpor o recurso de alzada será dun mes se o acto fora expreso; contra actos presuntos o recurso poderase interpoñer en cualquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

2. Contra os actos, acordos e resolucións da Asemblea Xeral ou da Xunta de Goberno referidos a altas e baixas na colexiación ou ao exercicio da súa facultade disciplinaria poderase interpor recurso directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa.

3. O resto de actos, acordos e resolucións do Colexio que non estean suxeitos ao dereito administrativo rexeranse pola lexislación civil, laboral ou outras, segundo lles sexan aplicables.

4. Os actos, acordos e resolucións do Colexio son inmediatamente executivos, pero conforme a Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o órgano que o acordase poderá, por petición da persoa recorrente ou de oficio, acordar a suspensión da execución mentres non sexa firme o acto impugnado.

5. Notificaranselles ás persoas colexiadas as resolucións e actos dos órganos colexiais que afecten os seus dereitos e intereses, por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción, así como a data, a identidade e o contido do acto notificado.

6. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais que incorran nalgúns dos supostos que establece o artigo 62 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como aqueles que supoñan unha infracción dos presentes estatutos.

7. Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran nos supostos establecidos no artigo 63 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como aqueles que supoñan unha infracción dos presentes estatutos.

8. Conforme establece a disposición transitoria primeira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a actuación do Codinugal axustarase á lexislación específica e mentres non se complete esta seranlle de aplicación as prescricións da dita lei, no que proceda.

TÍTULO VII

Da disolución e liquidación do Colexio

Artigo 45. Suposicións e procedementos para instar á disolución do Colexio e o réxime de liquidación

1. O Colexio disolverase polos seguintes motivos:

a) Por perda dos requisitos legais necesarios para que a profesión teña carácter colexial.

b) Por acordo adoptado por dous terzos da Asemblea Xeral por imposibilidade de cumprir os fins para os cales foi creada.

c) Porque o número de colexiados é inferior ao número de persoas necesarias para ocupar todos os postos do órgano de goberno.

2. A disolución do Colexio realizarase mediante unha solicitude por escrito dirixida a Consellería de Sanidade para a súa tramitación legal logo de certificación da concorrencia dalgunha das razóns sinaladas no número anterior. No dito escrito deberá expresarse o réxime de liquidación aprobado pola maioría simple da Asemblea Xeral.

3. A liquidación do Colexio realizarase en virtude do disposto na regra de disolución emitida para o efecto por quen ten dereito a facelo.

Disposición adicional única

No non previsto nos presentes estatutos, observarase o disposto na lexislación da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de colexios profesionais e, de ser o caso, a lexislación básica do Estado.