Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Xoves, 13 de agosto de 2020 Páx. 32245

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convoca a realización das probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril (códigos de procedemento IF310A, IF310B e IF310C).

A Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, relativa á designación e á cualificación profesional de conselleiros de seguridade para o transporte por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable de mercadorías perigosas, exíxelles ás empresas de transporte de tales materias, así como ás que efectúan operacións de carga ou descarga ligadas a tal actividade, respectar as regras establecidas en materia de prevención dos riscos inherentes a esa clase especial de transporte. Para acadar este obxectivo, a mencionada norma obriga a tales empresas a designar conselleiros que posúan unha formación profesional adecuada.

Pola súa parte, o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, sobre os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable (BOE número 251, do 20 de outubro), incorporou a citada directiva ao ordenamento xurídico interno. Así, regulou a obriga das empresas de transporte e de carga e descarga de mercadorías perigosas de designar conselleiros de seguridade, as funcións encomendadas a estes, a cualificación profesional exixida e o procedemento de avaliación da formación requirida para garantir a posesión dun coñecemento adecuado das disposicións legais, regulamentarias e administrativas esenciais aplicables aos transportes de mercadorías perigosas.

O artigo 5 da mencionada norma regulamentaria establece que, para poderen exercer as funcións encomendadas aos conselleiros de seguridade, as persoas aspirantes deberán superar previamente un exame sobre as obrigas que lles corresponden e sobre as materias recollidas no anexo do dito real decreto. O contido, as modalidades e a estrutura destes exames, así como o modelo do certificado de formación que deberá expedirse unha vez superados estes, deberían determinarse por orde do Ministerio de Fomento.

A Orde FOM/605/2004, do 27 de febreiro (BOE número 59, do 9 de marzo), de desenvolvemento do citado real decreto, determina as modalidades dos exames que se deben superar, así como as convocatorias, a estrutura dos exercicios e os correspondentes certificados de aptitude. Así mesmo, dispón que as probas serán convocadas polo órgano competente da comunidade autónoma onde vaian ter lugar. Na súa virtude,

RESOLVO:

Primeiro. Convocar as probas para obter e/ou renovar o certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, para a Comunidade Autónoma de Galicia e para o ano 2020.

Esta convocatoria rexerase polas bases que se incorporan como anexo I a esta resolución.

Segundo. Dispoñer a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución cabe interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, todo isto de conformidade co disposto nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade

ANEXO I

Bases da convocatoria

Primeira. Obxecto das probas, modalidades e programa

1. Rexeranse polas bases contidas neste anexo:

a) As probas para obter o certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas, tanto na modalidade de estrada como na de ferrocarril (código de procedemento IF310A).

b) As probas para renovar o certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas, tanto na modalidade de estrada como na de ferrocarril (código de procedemento IF310B).

c) A devolución das taxas de dereitos de exame das probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas, tanto na modalidade de estrada como na de ferrocarril (código de procedemento IF310C).

Participarán nas probas da modalidade a) aquelas persoas que aspiren a obter por vez primeira o certificado. Participarán na modalidade b) aquelas persoas que xa sexan titulares do certificado e precisen renovalo de conformidade coa normativa vixente; en concreto, o dito certificado estará en vigor e dentro do seu último ano de validez o día da realización das probas.

2. As probas indicadas no punto anterior abranguerán as seguintes especialidades:

a) Todas as clases.

b) Clase 1 (materias e obxectos explosivos).

c) Clase 2 (gases).

d) Clase 7 (materias radioactivas).

e) Clases 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 e 9 (materias sólidas e líquidas contidas na enumeración de cada unha das clases do Acordo europeo para o transporte internacional de mercadorías perigosas por estrada –ADR– e no Regulamento relativo ao transporte internacional por ferrocarril de mercadorías perigosas –RID–).

f) Materias líquidas inflamables cos números de identificación da Organización de Nacións Unidas 1202 (gasóleo), 1203 (gasolina) e 1223 (queroseno).

3. As persoas aspirantes poderán presentarse a unha ou varias das probas convocadas, tanto para cada modalidade –transporte por estrada ou por ferrocarril– como para unha das especialidades indicadas no punto anterior. Cada unha das probas para as cales se solicite a inscrición dará lugar, en calquera caso, ao aboamento da correspondente taxa, de acordo co establecido na base sexta.

4. A normativa sobre a cal versarán os exercicios será o ADR, o RID e demais lexislación estatal, comunitaria e internacional que afecte o transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril. A referida normativa será a vixente na data de remate do prazo de presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no anexo do Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, sobre os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable, os coñecementos que se terán en conta para a expedición do correspondente certificado referiranse, como mínimo, ás materias que no dito anexo se relacionan.

Segunda. Solicitudes

1. As solicitudes para tomar parte nas probas para obter o certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade axustaranse ao modelo normalizado que se recolle como anexo II desta resolución, que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF310A.

Así mesmo, as solicitudes para tomar parte nas probas para renovar o certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade axustaranse ao modelo normalizado que se recolle como anexo III desta resolución, que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF310B.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación de solicitudes para participar nas probas será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. A non presentación da solicitude e o non pagamento da taxa en tempo e forma suporá a exclusión da persoa aspirante; igualmente, a consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación presentada polas persoas aspirantes dará lugar á súa exclusión, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

O enderezo que se faga constar na solicitude considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, e será responsabilidade exclusiva da persoa solicitante tanto o erro na súa consignación como a comunicación de calquera cambio del á Dirección Xeral de Mobilidade.

Terceira. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación: Impreso da taxa de autoliquidación correspondente á Administración.

Certificado de discapacidade emitido por outra Administración distinta da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Cuarta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia

b) Condición de demandante de emprego desde, polo menos, seis meses antes á data da convocatoria das probas e non estar a percibir prestación ou subsidio por desemprego

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Quinta. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sexta. Dereitos de exame

1. De conformidade coa Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, para acceder a estas probas deberá aboarse, en concepto de taxas por dereitos de exame, a cantidade de vinte e seis euros con setenta e sete (26,77 €), por cada unha das modalidades de proba e especialidades a que a persoa solicitante se presente.

2. O ingreso da/s taxa/s efectuarase en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos pola Comunidade Autónoma de Galicia; para tal fin, as persoas aspirantes terán que empregar os impresos de autoliquidación oficiais, que se poderán obter nos servizos centrais da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ou da Dirección Xeral de Mobilidade, nos servizos de Mobilidade de cada provincia ou nos departamentos territoriais da consellería.

Os impresos de autoliquidación cubriranse indicando os seguintes códigos:

– Consellería de Infraestruturas e Mobilidade: código: 06.

– Delegación de Servizos Centrais: código: 13.

– Servizo de Mobilidade: código: 02.

– Denominación: inscrición nas probas para a cualificación como conselleiros de seguridade: código: 31 01 20.

3. Así mesmo, o ingreso da/s taxa/s poderá facerse en liña, a través da Oficina Virtual Tributaria dispoñible na web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es), indicando para o efecto os mesmos códigos sinalados no punto anterior.

4. De conformidade co disposto no artigo 30.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, quedan exentas do aboamento de taxas por dereitos de exame as persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes á data de convocatoria das probas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Sétima. Admisión de persoas aspirantes

1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal encargado de avaliar as probas revisará se estas reúnen as condicións previstas nesta convocatoria e no resto de normativa aplicable.

Rematado este proceso, exporase no taboleiro de anuncios da Subdirección Xeral de Inspección do Transporte e na sección de formación da súa páxina web (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade) a lista provisional de persoas admitidas e excluídas, indicando o motivo da súa exclusión.

2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da exposición da dita lista, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

3. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o tribunal publicará no taboleiro de anuncios da Subdirección Xeral de Inspección do Transporte e na sección de formación da súa páxina web (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade) as listas definitivas de persoas admitidas e excluídas.

4. Agás nos supostos previstos no punto 4 da base oitava, devolveránselles os dereitos de exame ás persoas aspirantes que resulten excluídas definitivamente das probas, sempre que o soliciten, empregando o modelo que figura como anexo IV desta resolución, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF310C, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación indicada no punto anterior.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Oitava. Realización dos exercicios

1. A data ou datas de realización das probas, así como os cadros de horarios, serán acordadas polo tribunal e publicaranse no Diario Oficial de Galicia cunha antelación mínima de quince días naturais á data ou datas elixidas. En todo caso, terán lugar no mes de novembro de 2020.

Nesta publicación o tribunal completará as instrucións de funcionamento e desenvolvemento das probas coas indicacións que resulten adecuadas para garantir a súa correcta operatividade, sen prexuízo das que para o mesmo fin poida adoptar no mesmo momento da súa realización.

2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en chamamento único, e perderá o dereito a realizar a proba quen non compareza.

3. As persoas aspirantes deberán presentarse para facer as probas co documento nacional de identidade orixinal en vigor, ou con outro documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. De non facelo así, non serán admitidas á realización das probas.

Recoméndase igualmente que concorran provistas dunha copia da solicitude de admisión e do impreso xustificativo do pagamento das taxas.

4. As persoas excluídas por non compareceren no momento do chamamento ou por careceren da documentación precisa para acceder ao recinto onde teñan lugar as probas non terán dereito a que se lles devolvan os importes aboados en concepto de dereitos de exame.

5. De resultar necesario, o tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes con discapacidade gocen de similares condicións para realizar os exercicios ca o resto de participantes. Neste sentido, estableceranse, para aquelas que o soliciten, as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a súa realización.

Para a materialización destas previsións, as persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente tanto a porcentaxe de discapacidade que teñen recoñecida oficialmente como o órgano que realizou tal recoñecemento. En caso de que este órgano non dependa da Xunta de Galicia, deberán anexarse á solicitude os documentos xustificativos da discapacidade. Así mesmo, deberán indicar na solicitude as adaptacións de tempo e/ou medios que soliciten para realizar os exercicios.

6. As persoas aspirantes respectarán, de selo caso, as medidas de seguridade que por causa do COVID-19 adopte o tribunal e que serán publicadas na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade), sección de formación.

Novena. Corrección dos exercicios e cualificacións

1. Concluídos os exercicios, as relacións de respostas que o tribunal considere correctas serán publicadas na sección de formación da páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade). Para que as persoas aspirantes poidan verificar o seu resultado, o tribunal establecerá os mecanismos precisos para que poidan obter copia da súa folla de respostas logo de realizaren os exercicios.

2. Unha vez publicadas consonte o punto anterior as relacións de respostas correctas, as persoas aspirantes disporán do prazo de tres días hábiles para presentar ante a secretaria do tribunal as impugnacións que consideren procedentes.

No caso de non presentalas directamente ante a secretaria, para seren tomadas en consideración deberá remitirse, dentro do referido prazo, copia da impugnación presentada ao enderezo electrónico control-transportes@xunta.gal, dirixida á secretaria do tribunal.

Pasado o prazo indicado, non se admitirán novas impugnacións nin se tomarán en consideración máis alegacións respecto do contido dos exames.

1. Á vista das impugnacións presentadas, o tribunal elaborará as relacións definitivas de respostas correctas e, acto seguido, corrixirá os exercicios de acordo con elas. Estas relacións, así como as cualificacións provisionais, serán expostas no taboleiro de anuncios da Subdirección Xeral de Inspección do Transporte, así como na sección de formación da súa páxina web https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade.

2. Logo de que se publiquen as relacións coas cualificacións provisionais, abrirase un prazo de solicitude de revisión de exercicios de cinco días hábiles, para que as persoas aspirantes lle fagan chegar á secretaria do tribunal as peticións de revisión.

No caso de non presentalas directamente ante a secretaria, para seren tomadas en consideración deberá remitirse, dentro do referido prazo, copia da solicitude de revisión presentada ao enderezo electrónico control-transportes@xunta.gal, dirixida á secretaria do tribunal.

3. Unha vez revisados os exercicios, o tribunal aprobará as relacións de cualificacións definitivas.

Estas relacións serán expostas no taboleiro de anuncios da Subdirección Xeral de Inspección do Transporte, así como na sección de formación da súa páxina web https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade.

Así mesmo, o tribunal remitiralle á Dirección Xeral de Mobilidade as ditas relacións, para efectos de que se expidan os correspondentes certificados de conselleiros de seguridade.

Décima. Estrutura e cualificación dos exercicios

1. A estrutura dos exercicios e a súa forma de cualificación serán as establecidas na Orde FOM/605/2004, do 27 de febreiro, de capacitación profesional dos conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable (BOE número 59, do 9 de marzo de 2004).

2. A proba que deben superar as persoas aspirantes na modalidade de obtención do certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas consta de dous exercicios:

a) O primeiro deles consistirá en responder 50 preguntas tipo test, con catro respostas alternativas, das cales só unha é correcta.

Cada resposta acertada valorarase con 2 puntos, e será preciso acadar un mínimo de 50 puntos para superar o exercicio. As respostas erróneas ou en branco non terán penalización.

As persoas aspirantes non poderán consultar textos normativos nin empregar máquina calculadora para realizar este exercicio, e disporán para facelo de, como máximo, 60 minutos.

b) O segundo exercicio consistirá en realizar estudos ou supostos sobre as tarefas e obrigas que deberá realizar e/ou cumprir o conselleiro, con referencia ao ámbito do modo do transporte e á especialidade correspondente. Este exercicio poderá responderse mediante unha explicación escrita ou mediante a selección da resposta correcta entre varias indicadas polo tribunal.

Este exercicio puntuarase entre 0 e 100 puntos e será preciso acadar un mínimo de 50 para superala.

As persoas aspirantes poderán consultar textos normativos para realizar este exercicio, sempre que neles non figure a resolución de casos prácticos. Así mesmo, poderán ir provistos de máquina calculadora sen memoria RAM para efectuar as operacións matemáticas que cumpran.

Para realizar este exercicio as persoas aspirantes disporán, como máximo, de 60 minutos.

3. A proba que deben superar as persoas aspirantes na modalidade de renovación do certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas consistirá en responder 50 preguntas tipo test, con catro respostas alternativas, das cales só unha é correcta.

Cada resposta acertada valorarase con 2 puntos, e será preciso acadar un mínimo de 50 puntos para superar a proba. As respostas erróneas ou en branco non terán penalización.

As persoas aspirantes non poderán consultar textos normativos nin empregar máquina calculadora para realizar esta proba, e disporán para facelo de, como máximo, 60 minutos.

Décimo primeira. Tribunal

1. O tribunal cualificador das probas convocadas estará integrado polo seguinte persoal da Dirección Xeral de Mobilidade:

Presidenta: Marta Vázquez Sanjurjo.

Presidente suplente: Antón García Río.

Vogais:

María Inmaculada Carril Barco.

Antonio Jesús Blas Fernández.

Pilar Méndez Vázquez.

Vogais suplentes:

Xesus do Río da Torre.

María Carmen Arnoso Calvo.

Tamara Subiela Gómez.

Secretaria: Elena Prado Veiga.

Secretario suplente: Xesús do Río da Torre.

2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto para os órganos colexiados nos preceptos básicos da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Os membros suplentes do tribunal participarán xunto cos titulares, cando sexa preciso para o bo desenvolvemento das probas.

3. As sesións do tribunal faranse constar en actas sucintas que se autorizarán coa sinatura da secretaria e co visto e prace do presidente.

4. De conformidade co establecido no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG número 122, do 25 de xuño), o referido tribunal cualificarase como de categoría primeira.

Décimo segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Consellería de Infraestruturas e Mobilidade–, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Décimo terceira. Información ás persoas interesadas

Sobre estes procedementos administrativos poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Dirección Xeral (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade), sección de formación.

b) Os teléfonos 981 54 45 54 ou 981 54 45 73 da devandita dirección xeral.

c) Enderezo electrónico: control-transportes@xunta.gal.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file