Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Xoves, 13 de agosto de 2020 Páx. 32234

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se modifica a Resolución do 19 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2018.

Durante a execución dos proxectos de emprendemento feminino cuxas promotoras resultaron beneficiarias das axudas obxecto da Resolución do 19 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se estableceron as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, sobreveu a crise ocasionada polo COVID-19.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 á categoría de pandemia internacional.

Na Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020 adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo), que foron seguidas da declaración, polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e de activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

No ámbito estatal, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e o Real decreto lei 8/2020, de 17 de marzo, estableceu as medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19.

O Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 de decembro, modificado polo Regulamento (UE) 2020/460, do 30 de marzo, e polo Regulamento (UE) 2020/558, do 23 de abril, considera o brote do COVID-19 como causa de forza maior.

No caso particular do procedemento de subvencións, de conformidade co disposto no artigo 54 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de maio, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19, poderanse modificar os prazos de execución da actividade subvencionada e, de ser o caso, de xustificación e comprobación da devandita execución aínda que non se previse nas correspondentes bases reguladoras, nos procedementos de subvencións, nas ordes e resolucións de convocatoria e concesión de subvencións e axudas públicas previstas no artigo 22.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que xa fosen outorgadas no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, para o cal o órgano competente deberá xustificar unicamente a imposibilidade de realizar a actividade subvencionada durante a vixencia do estado de alarma, así como a insuficiencia do prazo que reste tras a súa finalización para a realización da actividade subvencionada ou a súa xustificación ou comprobación.

Neste sentido, o órgano competente elaborou un informe xustificativo, presentado ante a autoridade de xestión do PO FSE Galicia 2014-2020, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, con base na análise das características das actividades das beneficiarias desa convocatoria, sobre a probable imposibilidade de realizar a actividade subvencionada durante o estado de alarma ou a insuficiencia do prazo que reste tras a súa finalización para a realización da actividade subvencionada ou a súa xustificación ou comprobación.

Con base nas características dos proxectos de emprendemento feminino apoiados co programa Emega que recibiron a subvención ao abeiro da Resolución do 19 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, poderíase deducir que a situación de forza maior que provocou o estado de alarma e o confinamento e o peche de actividades económicas non esenciais puido ter un efecto moi negativo para a supervivencia destes proxectos empresariais debido, entre outros motivos, ás tipoloxías de actividades en que se desenvolven e a data de finalización do período de permanencia.

Por isto, conclúese que o confinamento derivado da promulgación do estado de alarma puido ter un efecto negativo sobre as beneficiarias do programa Emega do ano 2018, o que xustifica a necesidade, con base na forza maior orixinada pola crise do COVID-19, de modificar as bases reguladoras da Resolución do 19 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2018.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 19 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2018

A Resolución do 19 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2018, queda modificada nos seguintes termos:

Un. Modifícase o punto 3 do artigo 5, que terá a seguinte redacción:

«3. Os requisitos e as condicións para seren beneficiarias deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período mínimo de permanencia da actividade e do mantemento dos postos de traballo (dous anos), de acordo co disposto no artigo 25 desta resolución.

Este mantemento só será exixible ata a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE do 14 de marzo de 2020), dado que é unha causa de forza maior e, polo tanto, resulta preciso modificar o requisito de mantemento establecido no parágrafo anterior».

Dous. Modifícase a letra b) do punto 1 do artigo 7, que terá a seguinte redacción:

«b) O proxecto de mellora ten que supor a creación, polo menos, dun posto de traballo para unha muller para o cal se exixa unha capacitación profesional media ou superior e cuxas funcións laborais estean vinculadas directamente ao desenvolvemento do proxecto de mellora e por un período mínimo de dous anos.

Este mantemento só será exixible ata a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE do 14 de marzo de 2020), dado que é unha causa de forza maior e, polo tanto, cómpre modificar o requisito de mantemento establecido no parágrafo anterior».

Tres. Modifícase o punto 1 do artigo 24, que terá a seguinte redacción:

«1. Realizar a actividade e manter o emprego que fundamenta a concesión da subvención durante o período mínimo de permanencia de dous anos establecido no artigo 25 desta resolución.

Este mantemento só será exixible ata a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE do 14 de marzo de 2020), dado que é unha causa de forza maior e, polo tanto, cómpre modificar o requisito de mantemento establecido no parágrafo anterior».

Catro. Modifícase o punto 1 do artigo 25, que terá a seguinte redacción:

«1. As beneficiarias das axudas do programa Emega teñen a obriga de realizar a actividade empresarial e manter os postos de traballo tidos en conta para a concesión da subvención durante un período mínimo de dous anos. Así mesmo, os acordos ou pactos de conciliación e os acordos de teletraballo deben estar vixentes, polo menos, durante o mesmo período.

Este mantemento só será exixible ata a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE do 14 de marzo de 2020), dado que é unha causa de forza maior e, polo tanto, cómpre modificar o requisito de mantemento establecido no parágrafo anterior».

Cinco. Modifícase o punto 5 do artigo 25, que terá a seguinte redacción:

«5. As beneficiarias teñen que presentar dentro do primeiro trimestre de cada ano, durante o período de permanencia da actividade e do mantemento do emprego, así como ao seu remate, para os efectos da comprobación da actividade e da súa permanencia, como mínimo de dous anos, ou ata a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE do 14 de marzo de 2020), a seguinte documentación: a) informe de vida laboral de todos os códigos de cotización da empresa en que consten todos os contratos vinculados á axuda; b) informe actualizado de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social de todas as promotoras ou, de ser o caso, certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela; c) no caso de finalización do período mínimo de permanencia da actividade laboral e do mantemento do emprego, fichas individualizadas de todas as promotoras e traballadoras por conta allea tidas en conta para a concesión da axuda, cos datos dos indicadores de resultado inmediato referidos á situación dentro das catro semanas seguintes á finalización do dito período, no modelo obrigatorio publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, así como aqueloutra documentación que lle poida ser requirida co obxecto de realizar as comprobacións e verificacións que se consideren relevantes para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución».

Seis. Modifícase a letra d) do punto 2 do artigo 26, que terá a seguinte redacción:

d) «Procederá o reintegro parcial da axuda concedida ao abeiro da liña Emprende, Innova, Activa ou ITEF no caso de non cumprir a obriga establecida no artigo 25 de manter a actividade e o emprego durante un período de dous anos ou ata a entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE do 14 de marzo de 2020) e se aproxime de xeito significativo a ela. Para estes efectos, entenderase que se aproxima de xeito significativo ao cumprimento desta obriga cando se manteña a actividade e o emprego durante polo menos doce meses e a beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento do período de permanencia».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020

A secretaria xeral da Igualdade
P.D. (Resolución do 8.6.2020; DOG núm. 111, do 9 de xuño)
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa