Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Venres, 7 de agosto de 2020 Páx. 31452

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 27 de xullo de 2020 pola que se convocan axudas dirixidas a escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro (código de procedemento ED314D).

O artigo 48.3 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que poderán cursarse estudos de música ou de danza que non conduzan á obtención de títulos con validez académica ou profesional en escolas específicas, con organización e estrutura diferentes e sen limitación de idade.

A Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 11 de marzo de 1993, regula a creación e o funcionamento das escolas de música da Comunidade Autónoma de Galicia, e, no seu punto 12, clasifica as escolas de música como públicas ou privadas, segundo o seu titular sexa un organismo de carácter público, ou unha persoa física ou xurídica de carácter privado.

As escolas de música dedícanse á formación de afeccionados e á preparación das probas de acceso aos estudos conducentes á titulación daquelas persoas que teñan vocación e aptitudes para a música. Estas escolas abarcan, como oferta básica, os ámbitos de ensino de música e movemento, práctica instrumental, formación musical complementaria á práctica instrumental e actividades de conxunto.

A notable demanda das ensinanzas de música xustifica o crecemento no número de centros para achegarlles aos interesados a posibilidade de cursar estas ensinanzas para realizar unha formación non regrada nas escolas.

Co fin de potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música non regradas, dirixidas ao público en xeral, e co obxecto de lles prestar apoio ás iniciativas para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas por parte das entidades sen ánimo de lucro que teñen entre os seus fins a formación musical, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional considera conveniente convocar esta orde de axudas.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e ao Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Facer pública a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas a subvencionar o funcionamento de escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a formación en ensinanzas de música que non conduzan a títulos académicos ou profesionais (código de procedemento ED314D).

2. Estes centros deberán estar radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e as axudas destinaranse ao desenvolvemento das súas actividades docentes desde o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2020.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán solicitar estas axudas os titulares das entidades sinaladas no punto anterior que conten coa correspondente autorización da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as institucións sen ánimo de lucro en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas axudas serán compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 3. Importe total das axudas

O importe total das axudas será de cento sesenta e cinco mil euros (165.000 euros), e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.422E.481.0 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. En calquera caso, a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá superar a cantidade de quince mil euros (15.000 euros).

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As entidades interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, unha certificación asinada pola persoa titular da entidade solicitante do número de alumnado matriculado no curso 2019/20 na escola de música. Esta certificación deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

3. Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude e a certificación do número de alumnado matriculado no curso 2019/20 na escola de música, presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude e da certificación do número de alumnado matriculado no curso 2019/20 na escola de música, aquela en que fose realizada a emenda.

4. As solicitudes serán subscritas electronicamente polo titular da entidade ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

5. No formulario normalizado anexo I deberán completarse obrigatoriamente todos os datos para os efectos de notificación, sinalando entidade solicitante ou persoa ou entidade representante, segundo proceda, e indicando o correo electrónico e/ou teléfono móbil. Tamén será imprescindible que nos datos da escola de música se introduza o código do centro.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes para a presentación electrónica deste procedemento. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal.

7. Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico sxapere@edu.xunta.gal.

8. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 5. Alteracións e aclaracións dos datos contidos na solicitude

1. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá requirir da entidade solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos solicitantes.

2. Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta coa solicitude será comunicada polo solicitante á mencionada dirección xeral, para os efectos previstos no artigo décimo cuarto desta orde.

Artigo 6. Valoración da solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Na valoración de solicitudes terase en conta unicamente o número do alumnado matriculado no curso 2019/20. Para tal fin, deberase xuntar ao formulario normalizado anexo I dunha certificación, asinada pola persoa titular da entidade solicitante, do número de alumnado matriculado no curso 2019/20 na escola de música. A falta da presentación desta certificación asinada dentro do prazo de presentación de solicitudes suporá a exclusión da entidade solicitante na distribución e na asignación destas axudas. O número de alumnado matriculado no curso 2019/20 en cada escola de música valorada positivamente farase público no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, www.edu.xunta.gal.

2. A distribución das axudas, tendo en conta o aspecto anterior, realizarase atendendo ao sistema de rateo entre os beneficiarios da subvención do importe global máximo destinado ás subvencións. Co obxecto de adxudicar o importe íntegro estipulado no artigo terceiro desta orde, a cantidade sobrante que resulte como consecuencia dos importes que non se poidan conceder ás entidades por causa da limitación da cantidade de quince mil euros (15.000 euros), ou para non exceder o importe solicitado, será repartida proporcionalmente entre as demais escolas de música valoradas positivamente das participantes nesta convocatoria, atendendo á proporción que representan como consecuencia dos criterios establecidos neste artigo 6.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

4. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para os efectos de simplificación da acreditación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social, a entidade beneficiaria presentará a declaración responsable prevista no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Poderán comprobarse automaticamente os datos incluídos nos seguinte documentos elaborados polas administracións públicas e datos incluídos na declaración responsable:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificación de estar ao día coa AEAT.

d) Certificación de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificación de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Comisión avaliadora

Baixo a presidencia da persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa constituirase unha comisión encargada de valorar as solicitudes e a documentación xustificativa presentadas e que estará integrada por:

– O/a subdirector/a xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial.

– O/a xefe/a do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial.

– O/a xefe/a do Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos.

– Un/unha asesor/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

– Un/unha funcionario/a da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que actuará como secretario/a con voz e sen voto.

Artigo 9. Proposta de resolución

1. Unha vez finalizada a valoración das solicitudes e da documentación xustificativa, a comisión elaborará unha proposta provisional de adxudicacións e exclusións que poderá ser consultada no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, www.edu.xunta.gal, para que, no prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao desta publicación, se poidan formular as alegacións que se consideren oportunas, podéndose presentar a documentación.

2. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Valoradas as alegacións, elevarase unha proposta definitiva de adxudicacións e exclusións á persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para a resolución que proceda.

Artigo 10. Resolución

1. A resolución de concesión de axudas ditada pola persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de cinco (5) meses contados desde a publicación da convocatoria, e nos termos que figuran no artigo 34.4 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes para os efectos de interpoñer o recurso administrativo ou contencioso-administrativo que proceda.

3. Contra a resolución ditada, que esgotará a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben os/as interesados/as poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11. Pagamento

O pagamento da subvención realizarase unha vez comprobada polo órgano concedente a xustificación presentada polo beneficiario da realización da actividade subvencionada, de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co disposto no artigo 60 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 12. Documentación necesaria para efectuar o libramento

1. Para que se poida dar curso aos libramentos, os solicitantes deberán achegar:

a) Copia dos estatutos da asociación ou fundación solicitante, dos cales debe desprenderse que se trata dunha entidade sen ánimo de lucro, e que entre os seus obxectivos figura a formación en ensinanzas de música.

b) Memoria xustificativa das actividades docentes do curso 2019/20, en que se inclúa, cando menos, o indicado para cada un dos catro ámbitos de ensino das escolas de música de acordo co establecido no punto 5 da Orde do 11 de marzo de 1993 (DOG do 22 de abril):

– Música e movemento: indicación do número de alumnos/as desagregados por cada curso de iniciación e de formación básica.

– Práctica instrumental: número de alumnos/as por especialidade.

– Formación musical complementaria á práctica instrumental: número de alumnos/as por materia relativa ao coñecemento da linguaxe e teoría musical, e ao desenvolvemento da educación auditiva.

– Actividades de conxunto: agrupacións vocais e instrumentais con que contou a escola de música, indicando en cada caso o número de alumnado que formou parte delas.

c) Memoria económica, que incluirá:

– Relación clasificada dos gastos da actividade, referentes ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2020, con identificación do/a acredor/a e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, segundo o estipulado no artigo 48 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) A relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen, se é o caso, a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

2. En todo caso, o beneficiario terá como data límite para a presentación da xustificación completa o 31 de outubro de 2020.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias

1. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través dos servizos provinciais de inspección educativa, realizará o seguimento da aplicación das axudas nos centros beneficiarios.

2. Así mesmo, o beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 14. Modificación e reintegro das axudas

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, nos termos establecidos na normativa reguladora da subvención, tal como se establece na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de darse algún dos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario da subvención deberá proceder ao reintegro das cantidades recibidas e mais os xuros de demora, nos termos e condicións establecidos nos artigos 77 a 83, incluído, do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 15. Comunicacións, publicidade e propaganda

Nas comunicacións, publicidade e propaganda das escolas de música que obteñan estas axudas deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia, acompañado da seguinte expresión literal «Centro subvencionado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional».

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade, das previstas no seu artigo 3.1, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. O contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 18. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional única

Para o non previsto nesta orde haberá que aterse á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar, dentro das súas competencias, os actos e as medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file