Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Venres, 7 de agosto de 2020 Páx. 31512

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2020 pola que se convocan dous postos de persoal investigador, na modalidade de investigador distinguido, para beneficiarios dunha bolsa do Consello Europeo de Investigación (ERC), no marco do programa Oportunius (código de procedemento IN859A).

A Axencia Galega de Innovación (Gain), dada a súa condición de organismo público de investigación, poderá contratar persoal investigador en réxime laboral mediante as modalidades contractuais recollidas na Lei 14/2011, do 1 de xuño, de ciencia, tecnoloxía e innovación.

Como axente impulsor das políticas de xeración, captación, retención e recuperación de talento investigador en Galicia, a Axencia Galega de Innovación definiu o programa Oportunius para a creación dun marco laboral flexible para o persoal investigador, baseado no logro e mantemento da excelencia científica e orientado a dar resposta ás prioridades rexionais definidas na RIS3 de Galicia.

Unha das iniciativas do programa enfócase cara á captación, retención e recuperación de persoal investigador de traxectoria destacada e excelencia recoñecida, a través da cal a Axencia Galega de Innovación ofrece un contrato laboral a aqueles/as investigadores/as beneficiarios/as dunha bolsa do European Research Council (ERC), para que desenvolvan a súa actividade nunha institución pública de investigación de Galicia.

O Decreto 64/2016, do 26 de maio, regula o réxime xurídico da contratación de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, así como o seu proceso de selección, os seus dereitos e obrigacións e o réxime de extinción do seu contrato.

Por tanto, en virtude do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, modificado polo Decreto 125/2016, do 1 de setembro, e polo Decreto 85/2019 , do 4 de xullo, esta Dirección

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto de persoal investigador que se indica no anexo I desta resolución, conforme o establecido no Decreto 64/2016, do 26 de maio, polo que se regula o réxime de contratación de persoal investigador dotado cunha bolsa do ERC, no marco do programa para a xeración, captación, retención e recuperación de talento investigador en Galicia –programa Oportunius– código IN859A.

Segundo. Aprobar as bases polas cales se rexerá o proceso de selección que se inclúen no anexo II.

Para participar nesta convocatoria os/as candidatos/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.

Terceiro. A presente convocatoria e a resolución que poña fin ao proceso de selección publicaranse no Diario Oficial de Galicia. As distintas resolucións que se xeren ao longo do proceso de selección publicaranse na páxina web gain.xunta.gal

Cuarto. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal de selección poderán ser impugnados polos/as interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Quinto. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Axencia Galega de Innovación coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os/as cidadáns/ás poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Sexto. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO I

Dominio ERC: Neurociencias.

Bolsa ERC: ERC Consolidator Grant.

Titulación: doutor/a.

Órgano responsable: Axencia Galega de Innovación.

Entidade en que se desenvolverá a actividade investigadora: organismo público de investigación radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, que determinará o/a candidato/a ao posto.

Tipo de persoal: laboral do grupo I.

Dominio ERC: Ciencias Humanas e Sociais.

Bolsa ERC: ERC Consolidator Grant.

Titulación: doutor/a.

Órgano responsable: Axencia Galega de Innovación.

Entidade que desenvolverá a actividade investigadora: organismo público de investigación radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, que determinará o/a candidato/a ao posto.

Tipo de persoal: laboral do grupo I.

ANEXO II

Bases reguladoras da convocatoria para a selección de persoal investigador da Axencia Galega de Innovación baixo a modalidade de persoal investigador distinguido

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

A presente convocatoria ten por obxecto a cobertura, baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, de 2 prazas de investigador/a para beneficiarios/as de bolsas do European Research Council (ERC) Consolidator Grant (anexo I).

Artigo 2. Vínculo

O vínculo da persoa seleccionada formalizarase atendendo á modalidade contractual de investigador distinguido, recollido no artigo 23 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

O persoal investigador rexerase pola Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, polo Decreto 64/2016, do 26 de maio, polo que se regula o réxime de contratación pola Axencia Galega de Innovación de persoal investigador baixo a modalidade de investigador distinguido, pola Orde do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, do 29 de agosto de 2018, pola que se desenvolven o procedemento e o baremo para a avaliación da actividade investigadora de persoal investigador contratado pola Axencia Galega de Innovación baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, polo contrato de traballo, así como polas normas específicas que, se for o caso, e no ámbito das súas competencias, dita a Xunta de Galicia e polo establecido nesta convocatoria.

O persoal investigador contratado baixo esta modalidade está suxeito ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, polo que, para realizar calquera outra actividade, deberá solicitar a pertinente autorización á consellería competente en materia de función pública e requirirá, en todo caso, informe favorable da Axencia Galega de Innovación.

Artigo 3. Duración

O contrato terá duración determinada e a rescisión e mantemento do contrato supeditarase aos resultados derivados do proceso de avaliación establecido nos artigos 13 e 14 do mencionado Decreto 64/2016, do 26 de maio, e na Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria do 29 de agosto de 2018 (DOG núm. 181, do 21 de setembro).

Artigo 4. Funcións do persoal investigador

O traballo para desenvolver consistirá na realización de actividades de investigación ou na dirección de equipos humanos, centros de investigación, instalacións e programas científicos e tecnolóxicos singulares de gran relevancia no ámbito do coñecemento de que se trate, no marco das funcións e obxectivos da Axencia Galega de Innovación.

Artigo 5. Requisitos dos/das aspirantes

5.1. As persoas aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:

a) Estar en posesión dunha bolsa ERC Consolidator Grant.

b) Ter a titulación de doutor/a ou equivalente.

c) Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as. Tamén poderán participar, calquera que for a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes. Así mesmo, poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitacións físicas ou psíquicas incompatibles co desempeño das correspondentes funcións.

e) Ter feitos os dezaseis anos.

f) Non ter sido separado/a do servizo de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. As persoas aspirantes que non tiveren a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

g) Non atoparse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para os empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario, ou para exercer funcións similares ás que desenvolvían no caso de persoal laboral, no que fora separado/a ou inhabilitado/a.

h) Dispoñer dun compromiso de acollida por parte dun organismo público de investigación de Galicia para que o/a investigador/a desenvolva a súa actividade nel. Neste compromiso, que deberá ser achegado pola persoa candidata, a institución de acollida comprometerase a asinar un convenio coa Axencia Galega de Innovación segundo establece o artigo 9 do Decreto 64/2016.

5.2. Os requisitos deberán cumprirse tanto no momento da finalización do prazo de presentación de solicitudes como no da formalización do contrato.

Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación

6.1. O prazo para presentar as solicitudes será de quince (15) días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

6.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). No caso de persoas solicitantes estranxeiras, co fin de proceder a solicitude e trámites por medios electrónicos, designarán un representante con sinatura dixital en España. A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos.

Esta convocatoria ten por destinatario persoal investigador con bolsa ERC Consolidator Grant. Estas teñen como finalidade apoiar proxectos de investigación na fronteira do coñecemento de calquera temática, xa sexan do mesmo país ou de calquera país do mundo sempre que desenvolvan o traballo nun ou varios dos Estados membros da UE ou dos países asociados.

Por tanto, de acordo co sinalado polo artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a obrigatoriedade da presentación electrónica de solicitudes xustifícase no colectivo a que se dirixe: persoal investigador de recoñecido prestixio nacional e internacional con bolsas do European Research Council (ERC).

6.3. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo III) a seguinte documentación:

a) Para o caso de que a persoa solicitante non teña a nacionalidade española, documento que acredite fidedignamente o cumprimento do requisito sinalado no artigo 5.1 letras b), c) e e).

b) Certificado médico oficial que acredite o cumprimento do requisito sinalado no artigo 5.1 letra d).

c) Documentación que acredite fidedignamente que se está en posesión dunha bolsa ERC Consolidator Grant.

d) Documentación que acredite fidedignamente o cumprimento dos requisitos sinalados no artigo 5.1 letra f), g) e h).

e) Currículo normalizado segundo o modelo dispoñible no enderezo gain.xunta.gal (menú axencia-procesos selectivos-2020), acompañado dos documentos xustificativos dos méritos alegados que se citen no currículo para a súa valoración. Non obstante, as persoas interesadas poden empregar, se o desexan, os modelos de CVN dispoñibles na Administración xeral do Estado e nas universidades públicas españolas.

6.4. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6.5. O órgano de selección non valorará aqueles méritos das persoas aspirantes que non estean acreditados nin aqueles adquiridos con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. O órgano de selección poderá solicitar en calquera momento a presentación da documentación orixinal ou aclaración sobre ela.

6.6. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Título oficial universitario de licenciado ou grao da persoa solicitante.

c) Certificado de residencia con data da última variación no padrón da persoa solicitante, no caso de residentes en España.

d) DNI/NIE da persoa representante.

6.7. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

6.8. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Admisión de aspirantes

Tras a finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación, a Dirección da Axencia Galega de Innovación ditará resolución aprobando as listas provisionais de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

As persoas interesadas disporán dun prazo de cinco (5) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución aprobando a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Artigo 8. Tribunal

O nomeamento efectuarase mediante resolución da Dirección da Axencia Galega de Innovación e será constituído unha vez publicada na web da Axencia Galega de Innovación a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

En relación coa composición paritaria do tribunal de selección, observarase o disposto no artigo 46 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

O tribunal de selección estará composto por un/unha presidente/a, que deberá estar en posesión do título de doutor/a; dous vogais, que deberán ser expertos/as do ámbito da investigación, altamente cualificados/as no eido científico, con coñecementos avanzados no ámbito temático a tratar e estar en posesión do título de doutor/a e un/unha secretario/a que actuará con voz pero sen voto e que deberá ser funcionario/a do grupo A da Administración da Xunta de Galicia.

O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

Artigo 9. Desenvolvemento do proceso de selección

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a selección efectuarase en dúas fases.

9.1. Primeira fase. Non é eliminatoria. Consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos aspirantes, que se puntuarán de acordo co baremo que se indica deseguido, cuxa puntuación máxima é de 75 puntos:

a) Publicacións de carácter científico (máximo 30 puntos): artigos publicados en revistas científicas e publicación de libros ou capítulos de libros que sexan resultado dun traballo científico.

b) A participación en proxectos ou contratos de I+D+i (máximo 25 puntos): a dirección ou coordinación científica de grupos, de proxectos de investigación ou de instalacións singulares. As contribucións científicas ou tecnolóxicas realizadas, valorando a calidade e repercusión dos traballos orixinais de investigación publicados ou das patentes licenciadas o internacionalizadas PCT (en inglés, siglas do Tratado de cooperación en materia de patentes).

c) As comunicacións e/ou relatorios aceptados en congresos ou reunións científicas nacionais ou internacionais, a participación en traballos e informes de asesoramento científico, a participación na implantación de sistemas de calidade en organizacións e a experiencia en centros de investigación nacionais ou estranxeiros (máximo 12 puntos).

d) Calquera outro mérito que alegue o/a aspirante relacionado co dominio ERC obxecto da convocatoria (máximo 8 puntos).

A cualificación dos/das aspirantes relativa aos méritos contidos nas diferentes partes do baremo desta primeira fase do proceso farase mediante deliberación conxunta dos membros do tribunal. Estas cualificacións deberán ser xustificadas polo tribunal mediante a formulación por escrito dun xuízo razoado relativo á valoración de cada un dos méritos antes relacionados. Os mencionados escritos de xustificación uniranse á acta correspondente.

A puntuación desta primeira fase virá determinada pola suma das puntuacións asignadas en cada unha das partes deste anexo.

As persoas interesadas disporán dun prazo de tres (3) días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentaren as reclamacións que consideren oportunas.

9.2. Segunda fase. Consistirá na exposición oral e pública polo/a aspirante, durante un tempo máximo de 60 minutos, sobre as características do proxecto que pretende realizar. Seguidamente, o Tribunal debaterá co/coa aspirante acerca de todos aqueles aspectos que considere relevantes. Valorarase o seu coñecemento da especialidade e das innovacións e avances científicos, así como a súa visión da evolución da área no futuro e das liñas de investigación posibles. Esta segunda fase terá unha valoración máxima de 25 puntos.

A celebración da segunda fase terá lugar nas dependencias da Axencia Galega de Innovación, Rúa Airas Nunes, s/n, Centro das Novas Tecnoloxías (CNTG), Santiago de Compostela. Non obstante, en función da situación derivada da pandemia do COVID-19, poderá realizarse a través de videoconferencia. Os/as aspirantes serán convocados cunha anticipación mínima de 5 días naturais.

Os/as candidatos/as deberán presentarse á proba provistos de DNI/NIE ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

Os/as aspirantes que non teñan nacionalidade española e sexan nacionais doutros Estados membros da UE poderán realizar a exposición en inglés.

As persoas admitidas no proceso selectivo poderán solicitar para realizar a exposición, con carácter previo, a utilización de medios audiovisuais.

A cualificación dos/das aspirantes farase mediante deliberación conxunta dos membros do tribunal. As ditas cualificacións deberán ser xustificadas polo tribunal mediante a formulación por escrito dun xuízo razoado. Os mencionados escritos de xustificación uniranse á acta correspondente.

Artigo 10. Puntuación e lista de persoas seleccionadas

10.1. A puntuación final será a suma da obtida nas dúas fases. En caso de empate, a orde de prelación establecerase atendendo aos seguintes criterios: 1º) Maior puntuación obtida na primeira fase. 2º) Maior puntuación obtida na primeira fase nas alíneas a), b) e c) do artigo 9, valorados sucesivamente na orde indicada. 3º) De persistir o empate, o tribunal resolverá por maioría de votos.

10.2. Unha vez finalizado o proceso de selección, o órgano de selección publicará na páxina web da Axencia Galega de Innovación as puntuacións obtidas polos aspirantes con indicación da persoa candidata seleccionada. Establécese un prazo de tres (3) días hábiles desde o seguinte ao da publicación para presentar alegacións. A estimación ou desestimación das alegacións entenderase implícita na resolución definitiva.

Artigo 11. Resolución definitiva

11.1. O órgano de selección elevará á Dirección da Axencia Galega de Innovación a proposta a favor da persoa aspirante que obteña a maior puntuación.

11.2. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas.

De non presentarse solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de considerarse que ningunha das persoas candidatas resulta idónea para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da Dirección da Axencia Galega de Innovación.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file