Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Martes, 4 de agosto de 2020 Páx. 31048

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 106/2020, do 23 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Vila de Cruces do treito antigo da EP-6408 Merza-Bascuas.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 19 de decembro de 2018, o Concello de Vila de Cruces remite escrito á Deputación Provincial de Pontevedra solicitando a transferencia do treito antigo da estrada EP-6408, unha vez que se realicen as obras necesarias de asfaltado do firme e execución de muros de contención. Fundamenta a súa solicitude en que actualmente o treito antigo cruza un núcleo rural tradicional dando acceso ás vivendas e mudando, por tanto, a súa funcionalidade como estrada provincial.

O Pleno da Corporación Provincial de Pontevedra, na sesión extraordinaria do día 5 de novembro de 2019, aceptou o dito cambio de titularidade.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de xullo de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Vila de Cruces de:

– Treito antigo da estrada provincial EP-6408 Merza-Bascuas, que se inicia no punto quilométrico 0+875 e ten unha lonxitude de 611 metros lineais.

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Vila de Cruces deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous (2) meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Vila de Cruces, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xullo de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade