Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 3 de agosto de 2020 Páx. 30377

IV. Oposicións e concursos

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2020 pola que se aproba a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de xefe/a de sección de Apoio e Transparencia.

Vista a proposta formulada pola xefa de servizo de Administración e Persoal para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo xefe/a de sección de Apoio e Transparencia da institución do Valedor do Pobo,

RESOLVO:

Ao abeiro do establecido no artigo 7.k) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, aprobar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de xefe/a de sección de Apoio e Transparencia da institución do Valedor do Pobo, conforme as seguintes bases:

Primeira. Apróbase a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de xefe/a de sección de Apoio e Transparencia da institución do Valedor do Pobo que figura na vixente relación de postos de traballo (BOPG núm. 596, do 24 de xaneiro de 2020).

As características do posto son as seguintes:

1. Grupo de titulación: C (subgrupo C1).

2. Nivel de complemento de destino: 25.

3. Administración: pertenza como persoal funcionario ao corpo administrativo.

4. Titulación: a correspondente ao grupo de pertenza.

5. Complemento específico: 19.384,12 €.

6. As funcións que vai desenvolver: tarefas de soporte nos procedementos administrativos necesarios para o cumprimento das funcións que ten atribuídas a institución do Valedor do Pobo (Acordo do 14 de xuño de 2016, da Mesa do Parlamento de Galicia, BOPG núm. 660, do 16 de xuño).

7. Centro directivo: Valedor do Pobo.

Segunda. Poderán concorrer á convocatoria os funcionarios/as de carreira de calquera Administración pública, pertencentes ao grupo C (subgrupo C1).

Terceira. O persoal funcionario interesado poderá presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Valedor do Pobo, rúa do Hórreo, nº 65, en Santiago de Compostela, no prazo de quince días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, na cal deixará constancia dos datos do posto que viñese desempeñando e dos méritos que desexe alegar.

Para participar nesta convocatoria, a persoa interesada deberá formalizar a súa petición de acordo co modelo que se inclúe no anexo da presente resolución.

Os aspirantes deberán achegar á súa petición un currículo e xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos alegados.

Os méritos alegados e non probados de acordo co establecido no parágrafo anterior non se terán en conta.

Cuarta. De conformidade co disposto no artigo 7.l) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, corresponde á Valedora do Pobo a resolución desta convocatoria.

Quinta. A dita resolución farase pública no Diario Oficial de Galicia, e poderá declararse deserto o posto de traballo de considerarse oportuno.

Sexta. O prazo de toma de posesión da persoa seleccionada será de tres días hábiles, de estar o destino anterior na mesma localidade, de sete días se comporta cambio de residencia, ou de vinte días se comporta o reingreso no servizo activo.

O prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte ao do cesamento nese destino, se é o caso, que deberá producirse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da libre designación.

Se a resolución comporta o reingreso no servizo activo, o prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte á súa publicación.

Sétima. Contra a resolución pola que se aproba esta convocatoria, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer, potestativamente, recurso de reposición perante a Valedora do Pobo no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2020

Dolores Fernández Galiño
Valedora do Pobo

missing image file