Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 28 de xullo de 2020 Páx. 29794

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 2 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada para a fábrica de produción de pensos de Nutrimentos Deza, S.A., no concello de Silleda, provincia de Pontevedra (expediente 2020-IPPC-I-9).

Para os efectos previstos no artigo 16 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposto o documento titulado:

– «Proxecto básico e estudo de impacto ambiental para a solicitude da autorización ambiental integrada das instalacións de Nutrimentos Deza, S.A. Xuño de 2020 (quinta revisión)».

Para que calquera interesado poida consultalos e, se for o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/ medioambiente e sostibilidade, prevención e control de actividades, autorización ambiental integrada, proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2020

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2020-IPPC-I-9.

Peticionario: Nutrimentos Deza, S.A.

CIF: A36011385.

Enderezo social: Margaride, s/n, 36540 Silleda, Pontevedra

Localización da instalación: parcela 3, Polígono Industrial Área 33, 36540 Silleda, Pontevedra.

Actividade: fábrica de produción de pensos.

Descrición: o proxecto corresponde á construción dunha fábrica de produción de pensos, que constará de catro edificacións: nave almacén, taller, silo fábrica de pensos e planta regasificadora. O proceso consiste, de forma resumida, en: descarga e almacenamento de materias primas, dosificación de materias primas, moenda, mesturado, granulado, enfriamento, almacenamento de pensos, carga e ensacado. A planta de almacenamento e gasificación de gas natural licuado subministrará o combustible necesario para o desenvolvemento do proceso produtivo.

As augas fecais van, sen tratamento previo, á rede de saneamento municipal. As augas pluviais van, sen tratamento previo, á rede de pluviais municipal. Non se xeran augas residuais industriais.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución 2019/2031, da Comisión do 12 de novembro de 2019, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) respecto ás industrias de alimentación, bebida e leite, conforme á Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello, sobre as emisións industriais.