Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 27 de xullo de 2020 Páx. 29581

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2020 pola que se ordena a publicación do Acordo do 9 de xullo de 2020, do Pleno do Consello de Contas, polo que se aproba a Instrución relativa á fiscalización das contabilidades das eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo de 2020.

En cumprimento do Acordo do 9 de xullo de 2020, do Pleno do Consello de Contas, polo que se aproba a Instrución relativa á fiscalización das contabilidades das eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo de 2020, resolvo publicar no Diario Oficial de Galicia o seu texto completo.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2020

José Antonio Redondo López
Conselleiro Maior do Consello de Contas

Acordo do 9 de xullo de 2020, do Consello de Contas de Galicia, polo que se aproba a Instrución relativa á fiscalización das contabilidades das eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo de 2020

O Decreto 12/2020, do 10 de febreiro, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións (DOG núm. 28, do 11 de febreiro), fixou a data de celebración do 5 de abril de 2020.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. As medidas adoptadas en materia de protección da saúde pública para loitar contra o COVID-19 comportaron grandes limitacións da mobilidade e actividade social e económica. Esas medidas resultaron incompatibles co exercicio do dereito de sufraxio, o que motivou a publicación do Decreto 45/2020, do 18 de marzo, que deixou sen efecto a celebración das eleccións ao Parlamento de Galicia do 5 de abril de 2020 (DOG núm. 54 bis, do 18 de marzo). O artigo 2 deste decreto previu que a convocatoria de eleccións ao Parlamento galego se activaría cando se levantara a declaración do estado de alarma e a situación de emerxencia sanitaria.

Finalmente, mediante o Decreto 72/2020, do 18 de maio, foron convocadas as eleccións ao Parlamento de Galicia para o día 12 de xullo de 2020.

O artigo 27.1 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades dependentes delas, establece que o Consello de Contas se pronunciará, no exercicio da súa función fiscalizadora, sobre a regularidade das contabilidades electorais, así como sobre o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 17 da dita lei, respecto de cada unha das formacións políticas. No caso de que apreciase irregularidades ou violación dos límites establecidos respecto dos ingresos e gastos electorais, poderá propoñer a non adxudicación ou a redución da subvención a obter do órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma para o partido, coalición, federación ou agrupación afectada. Se advertise, ademais, indicios de condutas constitutivas de delito, comunicarao ao Ministerio Fiscal.

O Plan de Traballo de 2020, aprobado polo Pleno do Consello de Contas celebrado o 19 de decembro de 2019, inclúe a fiscalización de regularidade das contabilidades electorais correspondentes ás eleccións ao Parlamento de Galicia previstas para 2020.

O Consello de Contas considerou convinte elaborar unha instrución coa finalidade de precisar os criterios técnicos a seguir na fiscalización das contabilidades correspondentes ás eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo de 2020, para facilitar ás formacións políticas o cumprimento das obrigas previstas na normativa electoral.

Na súa consecuencia, o Pleno do Consello de Contas de Galicia na súa sesión do 9 de xullo de 2020, adoptou os seguintes acordos:

Primeiro. Aprobar a Instrución relativa á fiscalización das contabilidades electorais relativas ás eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo de 2020, que se reproduce de seguido.

Segundo. Dar a coñecer a Instrución mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Consello de Contas de Galicia, e comunicala á Xunta Electoral de Galicia e a todas as formacións políticas que, de conformidade co previsto na normativa electoral, estean obrigadas a presentar a contabilidade electoral ante o Consello de Contas.

Apartado 1. Obxecto

Esta instrución ten por obxecto precisar os criterios técnicos a seguir na fiscalización das contabilidades relativas ás eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo de 2020, así como determinar o alcance e os requisitos da documentación contable e xustificativa que debe remitirse ao Consello de Contas de Galicia para o exercicio da súa función de fiscalización, de xeito que sexan coñecidos polas formacións políticas, coa finalidade de facilitar o cumprimento das obrigas previstas na normativa electoral.

Apartado 2. Ámbito de aplicación e destinatarios

Esta norma é aplicable ás formacións políticas que obteñan representación no Parlamento de Galicia e ás entidades que teñan realizado operacións que comporten dereitos e obrigas de contido económico que deban ser rexistradas na contabilidade específica das eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo de 2020.

Serán destinatarios desta instrución os partidos e as formacións políticas que están obrigadas a presentar ao Consello de Contas a contabilidade electoral e que que reúnan os requisitos exixidos polo artigo 17 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, para ser beneficiarias das subvencións ou que solicitasen anticipos con cargo a estas, debendo presentar unha contabilidade detallada e documentada dos seus respectivos ingresos e gastos electorais, a cal deberá axustarse ao disposto na Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos, así como ao plan de contabilidade adaptado ás formacións políticas e recollerá necesariamente a orixe dos fondos e a súa aplicación, e deberá ir acompañada da documentación xustificativa dos ingresos e gastos electorais.

Apartado 3. Definicións e precisións conceptuais respecto da clasificación dos gastos electorais

Respecto dos gastos electorais, son criterios do Consello de Contas os seguintes:

a) Os gastos de restauración considérase, do mesmo xeito que en fiscalizacións de procesos electorais anteriores, que non están incluídos entre os conceptos subvencionables. Como excepción á regra xeral, si se aceptarán como electorais aqueles gastos nos que se incorra para o avituallamento das mesas electorais.

b) Os gastos derivados da realización de enquisas electorais sobre intención de voto en período electoral, non se consideran subvencionables.

c) Os gastos de formación dos candidatos en que incorran as formacións políticas non son subvencionables.

d) Os gastos de subministracións, tales como electricidade, teléfono, etc., non terán a consideración de gasto electoral salvo que se acredite fidedignamente o seu carácter electoral e, como consecuencia, a súa contratación con motivo do proceso electoral.

e) Consideraranse como gastos de desprazamento os gastos derivados do aluguer de vehículos ou outros medios de transporte dos candidatos, dirixentes dos partidos e persoal ao servizo da candidatura.

f) Os gastos notariais de constitución do partido político ou os de lexitimación das sinaturas necesarias para a presentación das candidaturas non terán a consideración de gastos electorais.

g) Consideraranse como gastos electorais aqueles que sexan necesarios para a organización e funcionamento das oficinas e servizos precisos para as eleccións, en particular, os derivados da preparación da documentación contable e administrativa asociada ao proceso electoral, sempre que os servizos fosen especificamente contratados con motivo deste.

h) Terán, así mesmo, a consideración de gastos electorais os realizados en elementos publicitarios de carácter inventariable, con independencia de que os mesmos vaian ser novamente utilizados en período non electoral ou noutros procesos electorais.

En relación cos xuros das operacións de crédito concertadas para o financiamento das campañas electorais, mantense o criterio, de considerar os xuros devindicados desde a formalización do crédito ata un ano despois da celebración das eleccións ou, se for o caso, ata a data de amortización do crédito se esta se producise antes. A dita estimación calcularase sobre os seguintes importes do principal da débeda e períodos:

a) Sobre o capital pendente de amortizar, ata a data na que xorde o dereito da percepción do adianto tras a presentación da contabilidade electoral ao Consello de Contas. Con obxecto de homoxeneizar o período de pagamento, este comprenderá desde o día da convocatoria das eleccións ata transcorridos cinco meses tras a súa celebración.

b) Sobre os saldos non cubertos polos adiantos das subvencións, ata completar o ano a partir da celebración das eleccións ou, se for o caso, ata a data de amortización do crédito se se producise antes.

Se no exame da contabilidade remitida se observa que unha formación política, sen xustificación suficiente, non aplicou os criterios anteriores no cálculo e distribución dos xuros, o Consello de Contas axustará os importes declarados para os únicos efectos da verificación do cumprimento do límite de gastos.

Apartado 4. Información das entidades financeiras e dos provedores

As entidades financeiras que concertasen operacións coas formacións políticas e as empresas que lles facturasen por gastos electorais superiores a 10.000 euros deberán informar ao Consello de Contas das súas respectivas operacións, polo que, co obxecto de poder contrastar os gastos declarados polas formacións políticas, solicítase a súa colaboración co fin de que, no momento da contratación do servizo ou cando o consideren oportuno, lembren ás citadas entidades financeiras e empresas o cumprimento desta obriga.

As entidades financeiras e os provedores deberán remitir a información relativa ás súas operacións coas formacións políticas empregando os ficheiros e modelos que se publicarán na sede electrónica do Consello de Contas. Para tal fin, deberase utilizar o seguinte enderezo de correo electrónico: eleccionsautonomicas@ccontasgalicia.es ou o rexistro electrónico do Consello de Contas.

Apartado 5. Cuantificación e comprobación dos límites legais de gastos

5.1. Límite máximo de gastos electorais.

Para o cálculo do límite máximo de gastos electorais aplicarase o previsto no artigo 15 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, atendendo ao importe actualizado establecido na Orde do 11 de febreiro de 2020 da Consellería de Facenda.

Para os efectos da comprobación do dito límite, computaranse os gastos declarados pola formación política que teñan a consideración de gastos subvencionables, fosen ou non suficientemente xustificados mediante a correspondente factura ou documento acreditativo similar. En relación cos gastos que, non sendo declarados na contabilidade presentada pola formación política, sexan detectados polo Consello de Contas e se considere que corresponden a gastos electorais, estes incluiranse para efectos do límite de gastos pero non serán subvencionables. En todo caso, con independencia da súa consideración para efectos da observancia do límite de gastos, os gastos non declarados non serán subvencionables.

Igualmente, comprobarase que, os envíos de sobres e papeletas electorais ou de propaganda e publicidade electoral realizados directamente polas formacións políticas, non superan o número máximo de electores nas circunscricións (provincias) ás que a formación política se presentara. No caso de que os superasen, os gastos polo exceso dos envíos declarados sobre o número máximo de electores consideraranse non subvencionables por este concepto e agregaranse aos gastos declarados pola actividade electoral ordinaria.

A contía dos gastos polos mencionados envíos directos e persoais de propaganda electoral que non resulten subvencionables agregarase aos gastos declarados pola actividade electoral ordinaria e, como consecuencia, será computada para efectos do cumprimento do límite máximo de gastos.

Para o cálculo do límite máximo de gastos, utilizaranse as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón Municipal referida ao 1 de xaneiro de 2019, con efectos desde o 28 de decembro de 2019, declaradas oficiais mediante Real decreto 743/2019, do 20 de decembro.

5.2. Outros límites de gastos.

Os artigos 55 e 58, en relación coa disposición adicional primeira da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral (LOREX), prevén dous límites específicos referidos a determinados gastos de publicidade exterior e a gastos de publicidade en prensa periódica e emisoras de radio privadas, respectivamente, que non poderán exceder o 20 por cen do límite máximo de gastos en ambos os casos.

Para facilitar a comprobación de ambos os límites, a formación política deberá presentar, na contabilidade remitida, os gastos desta natureza de forma diferenciada da do resto de gastos.

Os gastos en publicidade exterior vinculados ao deseño e impresión de valos publicitarios, bandeirolas e carteis consideraranse gastos electorais ordinarios para todos os efectos. O dito criterio aplicarase, así mesmo, para a publicidade permanente en vehículos e medios de transporte dos candidatos e persoal ao servizo da candidatura.

Con respecto dos gastos de publicidade en prensa periódica, consideraranse incluídos os gastos realizados en prensa dixital pola formación política para a campaña electoral. A publicidade electoral en redes sociais non resulta imputable ao límite de gastos de publicidade en prensa e radio, sempre que non se trate de páxinas ou perfís correspondentes aos referidos medios, todo iso sen prexuízo de que estean suxeitos ao límite legal de gastos electorais establecido para cada proceso electoral.

Apartado 6. Delimitación do alcance da fiscalización do Consello de Contas

A función fiscalizadora do Consello de Contas esténdese á comprobación da regularidade das contabilidades electorais, así como do cumprimento dos requisitos previstos no artigo 17 da Lei 9/2015, do 7 de agosto. Para o exercicio desta función, disporá dun prazo de seis meses posteriores ás eleccións, é dicir, o 12 de xaneiro de 2021, no que remitirá ao Parlamento de Galicia o correspondente informe.

No suposto de apreciarse irregularidades ou violación dos límites establecidos en materia de ingresos e gastos electorais, efectuaranse propostas de redución ou de non adxudicación da subvención a percibir, atendendo aos supostos previstos no artigo 27 da dita norma.

Os resultados provisionais das actuacións fiscalizadoras da contabilidade electoral remitiranse, por medios telemáticos, ás formacións políticas co fin de que estas poidan formular alegacións e achegar cantos documentos consideren pertinentes. Para cumprir este trámite as formacións políticas fiscalizadas dispoñerán dun prazo non superior a 10 días hábiles.

Apartado 7. Propostas do Consello de Contas en relación coa subvención para percibir polas formacións políticas

De acordo co artigo 19 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, o órgano competente da Administración da Comunidade Autónoma subvencionará os gastos electorais de acordo coas regras específicas establecidas. En ningún caso a subvención correspondente a cada formación política poderá exceder a cifra de gastos electorais declarados, xustificados polo Consello de Contas no exercicio da súa función fiscalizadora.

Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 27 da mesma lei, no caso de que se apreciasen irregularidades nas contabilidades electorais presentadas polas formacións políticas ou violacións das restricións establecidas en materia de ingresos e gastos electorais, o Consello de Contas poderá propoñer a non adxudicación ou redución da subvención pública a percibir pola formación política de que se trate.

No informe de fiscalización deixarase constancia expresa das irregularidades ou violacións que se aprecien, entre elas as que puidesen ter o carácter de infraccións tipificadas no artigo 17 da Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos (LOFPP). No caso de que proceda, efectuarase a proposta de non adxudicación ou de redución que corresponda respecto da subvención electoral. Cando non se realicen estas propostas, farase constar expresamente este feito.

7.1. Proposta de non adxudicación da subvención electoral.

A proposta de non adxudicación da subvención electoral formularase para as formacións políticas nos seguintes casos:

a) Incumprimento dos requisitos previstos no artigo 17 da Lei 9/2015, do 7 de agosto.

b) Que non cumpran coa obriga de presentar ante o Consello de Contas unha contabilidade detallada e documentada dos seus respectivos ingresos e gastos electorais conforme o disposto nos artigos 23.1 e 23.2 da citada lei.

c) Incumprimento por parte da formación política do deber de colaboración que exixe o artigo 25.1 da mesma lei, tras ser requirida para iso en dúas ocasións polo Consello de Contas.

7.2. Proposta de redución da subvención electoral.

A proposta de redución da subvención electoral fundamentarase nos seguintes supostos:

a) A superación dos límites establecidos para as achegas privadas.

b) A falta de xustificación suficiente da procedencia dos fondos utilizados na campaña electoral.

c) A realización de gastos non autorizados pola normativa electoral relativos á contratación de espazos de publicidade electoral en emisoras de televisión privada (art. 60 da LOREX), nas emisoras de radiodifusión sonora de titularidade municipal (Lei orgánica 10/1991) e nas emisoras de televisión local por ondas terrestres (Lei orgánica 14/1995).

Para efectos de cuantificar o importe da proposta de redución da subvención electoral que corresponda a cada formación política, aplicaranse os seguintes criterios:

a) No caso de que as achegas privadas superen o límite legal máximo de 10.000 euros, propoñerase unha redución polo dobre da cantidade excedida.

b) No caso de recursos utilizados na campaña electoral pola formación política cuxa procedencia non quedase suficientemente acreditada, propoñerase unha redución do 10 por cen do seu importe ata a cifra de 10.000 euros e do dobre da cantidade que exceda a partir da dita cifra.

c) No caso de gastos non autorizados pola normativa electoral vixente relativos á contratación de espazos de publicidade electoral nas emisoras de televisión privada (artigo 60 da LOREX), nas emisoras de radiodifusión sonora de titularidade municipal (Lei orgánica 10/1991) e nas emisoras de televisión local por ondas terrestres (Lei orgánica 14/1995), propoñerase a redución da subvención no 10 por cen dos gastos declarados irregulares.

d) No caso de que as deficiencias detectadas afecten fundamentalmente a aspectos de natureza formal, valorarase a súa incidencia na xustificación e, como consecuencia, o Consello de Contas considerará a formulación de proposta de redución da subvención a percibir.

Con independencia da contía das reducións propostas, estas terán como límite o importe das subvencións que correspondan ás formacións políticas polos resultados obtidos. As ditas subvencións, en ningún caso, poderán exceder a cifra de gastos declarados xustificados polo Consello de Contas no exercicio da súa función fiscalizadora.

Apartado 8. Documentación que se debe presentar e prazos legais

De conformidade co previsto no artigo 23 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, entre os cen e os cento vinte e cinco días posteriores ao das eleccións, é dicir, entre o 20 de outubro de 2020 e o 14 de novembro de 2020, as formacións políticas que reúnan os requisitos exixidos para recibir subvencións da Xunta de Galicia ou que solicitasen anticipos con cargo a elas deberán presentar ante o Consello de Contas unha contabilidade detallada e documentada dos seus respectivos ingresos e gastos electorais.

Os estados contables xerais e específicos deberán ser remitidos telematicamente en formato [xlsx] (Excel 2010), coas precisións que se detallan na presente instrución.

Con carácter xeral, a documentación xustificativa tal como declaracións, certificados, contratos, recibos, facturas e demais deberán ser remitidos telematicamente en formato pdf.

Apartado 9. Requisitos da documentación xustificativa que se debe presentar ante o Consello de Contas de Galicia

9.1. Documentación contable (en formato [xlsx].

O apartado 1 do artigo 23 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, establece que as formacións políticas deberán presentar unha contabilidade detallada e documentada dos seus respectivos ingresos e gastos electorais. O mesmo apartado establece que a presentación será realizada polos administradores ou administradoras xerais dos partidos, federacións e coalicións que concorresen ás eleccións en varias circunscricións e polos administradores ou administradoras das candidaturas nos restantes casos.

A contabilidade electoral formularase, por regra xeral, segundo o Plan de contabilidade adaptado ás formacións políticas (PCAFP), aprobado polo Pleno do Tribunal de Contas na súa sesión do 20 de decembro de 2018, e modificado o 7 de marzo de 2019. Os estados contables que se remitan incluirán o balance de situación, a conta de resultados –segundo os modelos incluídos no punto IV da terceira parte do PCAFP, o libro diario, o extracto dos movementos rexistrados agrupados por contas (libro maior) e o balance de sumas e saldos previo ao peche da contabilidade.

Así mesmo remitirase unha relación pormenorizada de cada un dos gastos da campaña electoral, agrupados segundo os conceptos sinalados no artigo 14 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, por circunscrición electoral, indicándose para cada unha das partidas a data de pago se estes se efectuaron a través de caixa ou bancos, así como, se for o caso, a conta bancaria utilizada.

As formacións políticas deberán integrar nas contas anuais do exercicio 2020 –cuxa fiscalización corresponde exclusivamente ao Tribunal de Contas– a contabilidade das operacións económico-financeiras derivadas da súa participación no proceso electoral.

9.2. Documentación xustificativa dos ingresos.

O artigo 12 da Lei 9/2015 establece que todos os fondos destinados a sufragar os gastos electorais, calquera que sexa a súa procedencia, deben ingresarse nas contas abertas para a recadación de tales fondos e todos os gastos deben pagarse con cargo a estas contas electorais.

Con carácter xeral, as formacións políticas deberán achegar a documentación acreditativa da orixe de todos os recursos aplicados á campaña electoral, na que, como mínimo, deberase incluír:

a) Relación identificativa das achegas privadas cos requisitos exixidos no artigo 126 da LOREX (nome, domicilio e número do documento nacional de identidade ou pasaporte (en formato [xlsx]). No caso de recibir doazóns a través de mecanismos de financiamento participativo (crowdfunding), seralles de aplicación o disposto no citado artigo da LOREX respecto das achegas privadas.

b) Documentación acreditativa da orixe dos fondos procedentes da tesourería ordinaria do partido, segundo o recollido na LOREX (en formato [xlsx]).

c) Pólizas das operacións de crédito e/ou contratos das operacións de préstamos formalizados con particulares (microcréditos) que fosen utilizados para financiar a campaña electoral (en formato [pdf]). Neste último caso, facilitarase unha listaxe coa identificación completa dos que achegan.

d) Nas operacións de endebedamento por concesión de microcréditos, comprobarase se os que achegan atópanse correctamente identificados e se os importes dos créditos non exceden o límite máximo previsto na normativa electoral para as achegas de fondos, así como se as ditas operacións se formalizaron debidamente e nos respectivos contratos se estipularon as súas condicións esenciais, os xuros aplicables e o prazo de vencemento. A verificación, se for o caso, do efectivo reintegro polas correspondentes formacións políticas corresponde ao Tribunal de Contas por exceder o ámbito temporal do informe que ten que emitir o Consello de Contas, sendo así que a devolución das cantidades recibidas polos partidos políticos terá lugar tras a cobranza das subvencións electorais.

e) Documentos acreditativos dos adiantos das subvencións electorais (en formato [pdf]).

9.3. Documentación xustificativa dos gastos electorais ordinarios.

De conformidade co artigo 14 da Lei 9/2015, consideraranse gastos electorais os que realicen os partidos, federacións, coalicións ou agrupacións participantes nas eleccións desde o día da convocatoria ata o da proclamación de electos, polos conceptos determinados no dito artigo. Consideraranse irregulares, por vulnerar o dito precepto, os gastos electorais que sexan realizados polas fundacións e demais entidades vinculadas ou dependentes dos partidos políticos, así como polos grupos institucionais daqueles.

Para efectos da fiscalización dos gastos electorais, remitirase copia da factura ou documento acreditativo similar e xustificante do pagamento (en formato [pdf]). Todas as facturas xustificativas remitidas deberán indicar expresamente as eleccións ás que corresponde o gasto electoral, así como o/os concepto/s de gasto de que se trate de forma que se poida identificar con claridade a súa natureza electoral.

Considerarase a totalidade do importe facturado (impostos indirectos incluídos) na cuantificación dos gastos electorais.

No caso de que os documentos xustificativos que acrediten a realización dos gastos electorais conteñan descricións xenéricas dos bens ou servizos facturados cuxo valor individual supere o importe de 50.000 euros, deberase achegar o orzamento ou documento descritivo similar que permita verificar a natureza e importe dos conceptos facturados (en formato [pdf]).

9.4. Documentación xustificativa dos gastos por envíos de propaganda electoral e do número de envíos persoais e directos.

A Orde do 2 de xuño de 2020 pola que se fixan as cantidades actualizadas das subvencións por gastos electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo de 2020 establece no seu artigo único que «As contías a que se refire o artigo 19 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, de cara á convocatoria de eleccións ao Parlamento de Galicia para o doce de xullo de dous mil vinte serán as establecidas na Orde do 11 de febreiro de 2020 pola que se fixan as cantidades actualizadas das subvencións por gastos electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia que terán lugar o día 5 de abril de 2020, publicada no DOG núm. 30, do 13 de febreiro de 2020».

Nesta materia, a Comunidade Autónoma subvencionará aos partidos polos gastos ocasionados polo envío directo e persoal aos electores de sobres e papeletas electorais ou propaganda e publicidade electoral, a razón de vinte e tres céntimos de euro (0,23 €) por elector, sempre que a candidatura de referencia obteña representación.

As formacións políticas deberán declarar de forma expresa, en documento aparte, o número de electores aos que se lles efectuou o envío directo e persoal de sobres e papeletas electorais ou de propaganda electoral por cada unha das circunscricións (en formato «xlsx»).

En canto á xustificación dos mencionados envíos, deberase achegar a documentación que acredite de forma fidedigna a súa realización, en formato «pdf». Así, no caso de que os envíos se houbesen efectuado a través de Correos ou dunha empresa privada de distribución, terá que remitirse certificación expedida pola entidade correspondente, comprensiva do número de envíos directos e persoais aos electores efectuados a nivel provincial, salvo cando na factura emitida pola empresa que realizou os envíos se indique expresamente a prestación da actividade e os envíos efectuados ao nivel requirido. Se a distribución se realizou directamente con medios propios, o responsable de cada formación política certificará, igualmente a nivel provincial, o número de envíos directos e persoais efectuados. A formación política deberá conservar a relación das persoas que participaron na dita distribución por se o Consello de Contas considerase oportuno efectuar as comprobacións pertinentes que acrediten suficientemente a realización efectiva da actividade.

No caso de envíos aos electores residentes no estranxeiro, deberá informarse especificamente do número total de envíos efectuados e achegarse a documentación que acredite de forma explícita a realización deste tipo de envíos (en formato «pdf»).

De acordo coa normativa electoral, o importe dos gastos por envíos electorais que non resulte cuberto pola subvención para percibir polo número de envíos xustificados incrementará, para todos os efectos, os gastos declarados pola actividade electoral ordinaria.

9.5. Outra documentación.

Sen prexuízo da documentación que se considere precisa para realizar a fiscalización, que poderá solicitarse en calquera momento, considérase necesario dispoñer de copia das comunicacións efectuadas á xunta electoral competente, relativas aos seguintes aspectos:

a) Nomeamento do administrador ou administrador xeral responsable da contabilidade electoral.

b) Identificación das contas bancarias electorais abertas.

c) Afección, se for o caso, das subvencións electorais aos créditos outorgados.

d) No suposto de presentarse en coalición, copia do pacto de coalición comunicado á xunta electoral competente.

Ademais, remitirase copia íntegra dos extractos bancarios das contas electorais abertas en entidades de crédito e contas asociadas aos créditos outorgados.

No suposto de presentarse ás eleccións como unha coalición de partidos, tamén se achegará unha copia do acordo de integración das contabilidades electorais.

9.6. Presentación e custodia da documentación para remitir.

Para efectos da presentación da documentación contable e xustificativa sinalada anteriormente, acompañarase escrito de remisión asinado polo administrador ou administrador xeral, no que deberá figurar debidamente identificada a documentación remitida e no que se certifique a súa autenticidade.

A custodia dos orixinais, tanto dos estados contables como da totalidade de documentos xustificativos, será responsabilidade de cada formación política.

Apartado 10. Remisión telemática da contabilidade electoral pola sede electrónica do Consello de Contas

As contabilidades electorais correspondentes ás eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo de 2020 serán presentadas ao Consello de Contas mediante soporte informático.

A remisión da documentación contable, conxuntamente cos demais documentos xustificativos establecidos na presente instrución, realizarase a través da sede electrónica do Consello de Contas e recibirase a través do seu rexistro telemático, conforme o establecido no Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 23 de decembro de 2011 polo que se regula a creación e funcionamento do Rexistro Electrónico desta institución.

O procedemento para a remisión telemática da documentación axustarase ao previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como nas súas normas de desenvolvemento en relación cos procedementos electrónicos.

A contabilidade electoral deberá remitirse nun formato electrónico [xlsx] (Excel 2010), utilizando para iso os ficheiros que se publicarán na sede electrónica do Consello de Contas (https://sede.consellodecontas.es/). Unicamente presentarase mediante ficheiros en formato «pdf» a documentación complementaria que se especifica en cada caso. Para a remisión da documentación contable e da documentación xustificativa adicional, cada formación política deberá presentar os ficheiros informáticos nos formatos establecidos nos anexos 1 e 2 da presente instrución, respectivamente. Esta información deberá enviarse acompañada do documento de remisión con arranxo ao modelo e formato incluído no anexo 3.

O Consello de Contas habilitará un servizo electrónico destinado á remisión telemática da contabilidade electoral e da documentación xustificativa. Os mecanismos de autenticación serán os establecidos na propia sede. Para calquera eventualidade ou dificultade que se presente no proceso de envío da contabilidade electoral, poderase contactar co seguinte enderezo de correo electrónico: informatica@ccontasgalicia.es.

Apartado 11. Deber de colaboración

Conforme establece o artigo 25 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, o Consello de Contas poderá solicitar das formacións políticas sometidas a fiscalización, así como das fundacións e entidades vinculadas ás formacións políticas ou dependentes delas, as aclaracións e os documentos suplementarios que xulgue necesarios para o exercicio da súa función fiscalizadora.

Así mesmo, o Consello de Contas poderá requirir das entidades que manteñan relacións de natureza económica coas formacións políticas, así como as entidades de crédito nas que estas teñan abertas contas, a proporcionarlle información e a xustificación detallada que lles solicite, cumprindo normas de auditoría pública, para os efectos de verificar o cumprimento dos límites, requisitos e obrigas establecidos na lei reguladora.

O incumprimento dos requirimentos do Consello de Contas dará lugar á imposición das multas coercitivas previstas no artigo 28 da Lei 6/1985 do Consello de Contas de Galicia.

O Consello de Contas poñerá en coñecemento do Parlamento de Galicia a falta de colaboración dos suxeitos obrigados a prestala.

Apartado 12. Entrada en vigor

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela

José Antonio Redondo López
Conselleiro Maior do Consello de Contas

ANEXO 1

Ficheiros de documentación contable para remitir

• Estados contables para presentar as formacións políticas segundo os modelos do Plan de contabilidade adaptado ás formacións políticas.

As formacións políticas remitirán os seus estados contables mediante os seguintes ficheiros:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_BALANCE.xlsx

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_RESULTADOS.xlsx

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_SUMAS-SALDOS.xlsx

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_MAIORES.xlsx

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_DIARIO.xlsx

A remisión dos ficheiros anteriormente referidos realizarase, preferentemente, nun único ficheiro coa seguinte denominación:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_ESTADOS-CONTABLES.zip

No campo «DATA» farase constar a seguinte referencia ao proceso electoral: «12X20».

Os ficheiros «xlsx» axustaranse aos modelos publicados na sede electrónica do Consello de Contas (https://sede.consellodecontas.es/).

• Relación pormenorizada de cada un dos ingresos e gastos da campaña electoral agrupados segundo os conceptos sinalados no artigo 130 da LOREX.

As formacións políticas con participación electoral nun ámbito territorial limitado e que non alcancen unha cifra de gasto igual ou superior a 10.000 euros por cada proceso electoral remitirán información sobre os seus ingresos e gastos electorais mediante o seguinte ficheiro:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_INGRESOS-GASTOS.xlsx

No campo «DATA» farase constar a seguinte referencia ao proceso electoral: «12X20».

Os ficheiros «xlsx» axustaranse aos modelos publicados na sede electrónica do Consello. (https://sede.consellodecontas.es/).

ANEXO 2

Ficheiros de documentación xustificativa adicional para remitir

• Información adicional sobre os ingresos.

Para os recursos aplicados á campaña electoral:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_RECURSOS.xlsx

Para as achegas privadas e a súa xustificación:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_ACHEGAS-PRIVADAS.xlsx

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_ACHEGAS-PRIVADAS.pdf

Para as achegas de fondos procedentes do Partido e a súa xustificación:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_ACHEGAS-PARTIDO.xlsx

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_ACHEGAS-PARTIDO.pdf

Para a(s) póliza(s) de crédito subscrita(s) para o financiamento da campaña electoral:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_POLIZA.pdf

(En caso de subscribir máis dunha póliza, establecerase unha numeración do tipo «POLIZA1», «POLIZA2»…).

Para a acreditación dos adiantos das subvencións electorais:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_ADIANTOS.pdf

• Información adicional dos gastos electorais ordinarios.

Para a relación de gastos electorais ordinarios contraídos por importes superiores a 1.000 euros:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_GASTOS-ORDINARIOS.xlsx

Para a xustificación das anotacións contables por importes superiores a 1.000 euros:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_GASTOS-ORDINARIOS.pdf

(Permítese o fraccionamento deste ficheiro, tantas veces como resulte necesario, pero, en todo caso, numerando os ficheiros de xeito secuencial).

Para os orzamentos ou documentos descritivos similares por importes superiores a 50.000 euros:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_ORZAMENTOS.pdf

(Permítese o fraccionamento deste ficheiro, tantas veces como resulte necesario, en todo caso, numerando os ficheiros de xeito secuencial).

Para os criterios de repartición dos gastos comúns:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_CRITERIOS-REPARTO.pdf

• Información dos gastos por envíos directos de sobres e papeletas electorais e de propaganda e publicidade electoral e do número de envíos persoais e directos.

Para a relación de gastos electorais por envíos de propaganda electoral:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_GASTOS-ENVIOS.xlsx

Para a xustificación das anotacións contables:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_GASTOS-ENVIOS.pdf

(Permítese o fraccionamento deste ficheiro, tantas veces como resulte necesario, no caso de que supere o tamaño máximo).

Para a declaración do número de envíos por cada unha das circunscricións:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_NUM-ENVIOS.xlsx

Para a xustificación do número de envíos:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_NUM-ENVIOS.pdf

Para a acreditación do número de envíos efectuados ao estranxeiro:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_NUM-ESTRANXEIRO.pdf

• Outra información.

Para a comunicación á Xunta Electoral competente do nomeamento do administrador xeral:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_ADMINISTRADOR.pdf

Para a comunicación á Xunta Electoral competente da conta electoral aberta:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_CONTAS.pdf

Para a comunicación á Xunta Electoral competente da afección das subvencións electorais aos créditos outorgados:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_AFECCION-SUBV.pdf

Para a copia do pacto de coalición comunicado á Xunta Electoral competente:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_PACTO-COALICION.pdf

Para a remisión dos extractos bancarios da conta electoral e, se for o caso, da(s) conta(s) asociada(s) aos créditos outorgados:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_EXTRACTO-CC.pdf

(En caso de haber máis dun extracto, establecerase unha numeración do tipo «EXTRACTO-CC1», «EXTRACTO-CC2»…).

Para a copia do acordo de integración da contabilidade electoral no caso de coalicións electorais:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_INTEGRACIÓN.pdf

No campo «DATA» farase constar a seguinte referencia ao proceso electoral: «12X20».

Os ficheiros «xlsx» axustaranse aos modelos publicados na sede electrónica do Consello de Contas (https://sede.consellodecontas.es/).

ANEXO 3

Documento para a remisión da documentación que presentarán as formacións políticas

Os estados contables e demais documentación xustificativa deberán ser remitidos mediante un documento, igualmente protexido por sinatura dixital, do seguinte teor:

D/Dª... (nome e apelidos do contadante), ... (administrador/a xeral electoral da formación política xxx) para as eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo de 2020, remito ao Consello de Contas de Galicia a contabilidade electoral das ditas eleccións, de conformidade co disposto nos artigos 23.1 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, na forma e coa documentación adicional a que se refire a Instrución do Consello de Contas aprobada mediante Acordo do seu Pleno do 9 de xullo de 2020 e publicada no DOG do...(data)..., relativa á fiscalización das contabilidades correspondentes ás eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo de 2020.

A información relativa á dita contabilidade electoral queda contida nos ficheiros presentados a través da sede electrónica do Consello de Contas.

Así mesmo, certifico a autenticidade dos datos remitidos e das copias da documentación xustificativa presentadas respecto dos orixinais que conserva esta formación política á disposición do Consello de Contas.

En... a ... de... de 2020

O administrador xeral electoral

Este arquivo será nomeado como se indica a continuación:

SIGLAS FORMACIÓN_DATA_DOC-REMISION.pdf

Nota: no campo «DATA»farase constar a seguinte referencia ao proceso electoral: «12X20».

ANEXO 4

Modelo de información que presentarán as entidades financeiras

Entidade financeira

Persoa de contacto

Teléfono de contacto

Para os efectos do previsto no artigo 24 da lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, remítese ao Consello de Contas a seguinte información sobre os créditos concedidos ás formacións políticas que concorreron ás eleccións ao Parlamento de Galicia celebradas o 12 de xullo de 2020:

Formación política

Tipo de operación

Nº operación

Importe

concedido

Vencemento

Xuros (%)

(Data, sinatura e selo)

ANEXO 5

Modelo de información que presentarán os provedores das formacións políticas

Razón social da empresa

Domicilio

Número de identificación fiscal

Teléfono de contacto

Para efectos do previsto no artigo 24 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, remítese ao Consello de Contas de Galicia a seguinte información sobre os importes facturados por esta empresa ás formacións políticas que concorreron ás eleccións ao Parlamento de Galicia celebradas o 12 de xullo de 2020:

Formación política

Proceso

electoral

Nº factura

Data

factura

Importe (1)

(1) IVE incluído

(Data, sinatura e selo)