BDNS (Identif.): 516074.
De conformidade co previsto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
Os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento (DOG núm. 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo II das bases reguladoras e, en particular:
a) Que formen parte do seu cadro de persoal traballadores e/ou traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 5.2 da orde que establece as bases reguladoras destas axudas e que se define no punto terceiro deste extracto.
b) Que dispoña de unidades de apoio á actividade profesional e que estas teñan a composición establecida no artigo 31 das bases reguladoras.
Segundo. Obxecto e finalidade
O obxecto deste programa é subvencionar os custos salariais e da Seguridade Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida do persoal das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE.
A finalidade é promover a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego nos CEE da Comunidade Autónoma de Galicia. Galicia.
Terceiro. Persoal destinatario final do programa
As persoas traballadoras dos CEE con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral. Defínense así as persoas que se atopen nalgún dos seguintes supostos:
a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
Cuarto. Contía e condicións da subvención
As subvencións establecidas neste programa destinaranse a financiar os custos salariais e da Seguridade e Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida do persoal traballador das unidades de apoio á actividade profesional nos CEE.
A contía base será de 2.400 euros anuais por cada persoa traballadora apoiada, co tipo e grao de discapacidade indicados no punto terceiro, con contrato indefinido ou contrato temporal de duración igual ou superior a seis meses. Esta contía reducirase proporcionalmente en función da duración dos contratos e da xornada laboral.
Serán subvencionables os custos salariais, incluídos os da Seguridade Social correspondentes ás mensualidades que se indiquen en cada convocatoria de axudas. Nos CEE cualificados de iniciativa social, a porcentaxe máxima subvencionable será o 100 % dos custos indicados no punto precedente, e nos centros que non estean cualificados como tales, subvencionarase como máximo o 80 %.
Quinto. Bases reguladoras e convocatoria
Orde do 9 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2020-2021.
Sexto. Importe
Para a concesión destas axudas destínase un millón sete mil euros (1.007.000 euros), desagregados por anualidades.
Ano 2020: trescentos sesenta e catro mil euros (364.000 €).
Ano 2021: seiscentos corenta e tres mil euros (643.000 €).
Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Oitavo. Período subvencionable e xustificación da axuda
Con cargo á anualidade de 2020 subvencionarase o período do 1 de xullo de 2020 ata o 31 de outubro de 2020
Con cargo á anualidade 2021 subvencionarase o período de 1 de novembro de 2020 ata o 30 de xuño de 2021.
A presentación da conta xustificativa necesaria para o pagamento final das axudas do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional realizarase (detallada por anualidades) ao remate do período subvencionable, como data máxima o 30 de setembro de 2021.
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria