Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 9 de xullo de 2020 Páx. 27262

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 23 de xuño de 2020 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Xesús Bal y Gay.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Xesús Bal y Gay con domicilio no Camiño do Apeadeiro 7, en Nois-Foz.

Feitos:

1. O 22 de maio de 2020 Enrique Rodríguez Baixeras, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Xesús Bal y Gay constituíuse en escritura pública outorgada na Coruña o 19 de febreiro de 2020, polo notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número 311 do seu protocolo, por Enrique Rodríguez Baixeiras, José Arnau Sierra, José Francisco Rivas Chavarría, María del Cielo Fernández Fernández, Antonio Rodríguez Baixeiras, Luís Cámara Palomares, Nerea Rodríguez Rouco, Alba Rodríguez Pérez, José Manuel Romero Moreno e Rafael Rodríguez Postigo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

a) Promover e fomentar o coñecemento da música clásica en todas as súas manifestacións e, en particular, a difusión do seu coñecemento mediante a organización de actividades e eventos de todo tipo vinculados á música clásica.

b) A recadación de fondos e obtención de axudas -xa sexan subvencións, donativos, ou axudas de calquera outra índole- destinadas a financiar actividades de formación, de comunicación, de divulgación e de coñecemento da música clásica, en particular, en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Fomentar e impulsar a organización de festivais de música clásica e, en particular, o Festival de Música Bal y Gay.

d) Promover e fomentar a realización de actividades musicais en ámbitos xeográficos e lugares con dificultades para o acceso ás actividades relacionadas ou vencelladas co coñecemento e o desfrute da música clásica.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Enrique Rodríguez Baixeras como presidente; José Arnau Sierra como vicepresidente primeiro; José Manuel Romero Moreno como vicepresidente segundo; José Francisco Rivas Chavarría como tesoureiro; Nerea Rodríguez Rouco como secretaria; e Rafael Rodríguez Postigo, María del Cielo Fernández Fernández, Antonio Rodríguez Baixeras, Luís Cámara Palomares e Alba Rodríguez Pérez como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Xesús Bal y Gay, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Turismo.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 15 de xuño de 2020,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Xesús Bal y Gay, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura e Turismo.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza