Mediante a Orde do 20 de maio de 2020 (DOG núm. 101, do 27 de maio) convocáronse para o ano 2020 as axudas á apicultura que teñen por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura en réxime de concorrencia competitiva (códigos de procedemento MR506A e MR506B).
O financiamento das axudas, recollido na orde de convocatoria no artigo 16, efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.713E.770.2 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, inicialmente por un importe de seiscentos tres mil catrocentos trinta e oito euros (603.438 €). Esta axuda está cofinanciada polo Feaga da UE ata un 50 %, polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación ata un 25 % e a porcentaxe restante pola Xunta de Galicia.
A orde prevé no punto 3 do seu artigo 16 a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria previamente á resolución do expediente se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito con fondos adicionais. De acordo con isto, procede ampliar as axudas á apicultura por un importe de cento vinte mil seiscentos sesenta e seis euros con sesenta céntimos (120.666,60 €), polo que a suma total da dotación orzamentaria da convocatoria, resultante despois da ampliación, é de setecentos vinte catro mil cento catro euros con sesenta céntimos (724.104,60 €).
Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único
1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas á apicultura convocadas para o ano 2020, de acordo coa Orde do 20 de maio de 2020 (DOG núm. 101, do 27 de maio), increméntase no importe de cento vinte mil seiscentos sesenta e seis euros con sesenta céntimos (120.666,60 €) na aplicación orzamentaria 14.04.713E.770.2.
2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.
3. A ampliación prevista no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 20 de maio de 2020.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2020
José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural