Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 22 de xuño de 2020 Páx. 24832

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2020 pola que se determina o inicio dos procedementos de nomeamento de persoal emérito.

A Orde do 27 de outubro de 2010, pola que se desenvolve o procedemento para o nomeamento e a prórroga de persoal emérito no ámbito sanitario, establece no seu artigo 2 que, mediante resolución da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, se habilitará un prazo para a presentación das solicitudes de nomeamento de persoal emérito polas corporacións e institucións públicas relacionadas co ámbito sanitario, se sinalará o momento en que as xerencias de xestión Integrada deberán iniciar os procedementos para o nomeamento de persoal emérito e, por último, se especificará o número de persoas que poderán ser nomeadas persoal emérito.

En desenvolvemento da devandita previsión,

RESOLVO:

Primeiro. As xerencias das áreas sanitarias deberán iniciar, se é o caso, os procedementos para o nomeamento de persoal emérito no prazo máximo dun mes desde a data de entrada en vigor desta resolución.

Segundo. As corporacións e institucións públicas relacionadas co ámbito sanitario poderán presentar solicitudes de nomeamento de persoal emérito no prazo de dez (10) días, contados desde a entrada en vigor desta resolución, ante a xerencia da área sanitaria que corresponda ao posto de traballo que desempeñaba antes da súa xubilación a persoa cuxo nomeamento se solicita.

Terceiro. Determinar que o número de persoas que poderán ser nomeadas persoal emérito ao abeiro desta resolución será de tres.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente do Servizo Galego de Saúde