Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Venres, 19 de xuño de 2020 Páx. 24674

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2020, do Servizo Provincial da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación e para a formalización das actas de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da mellora da capacidade e seguridade da AC-862, treito AG-64-Ponte Mera, nos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido, de clave AC/18/014.10.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2 a competencia da comunidade autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 12 de marzo de 2020, a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da mellora da capacidade e seguridade da AC-862, treito AG-64-Ponte Mera, nos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido (A Coruña), de clave AC/18/014.10, por Decreto 63/2020, publicado no Diario Oficial de Galicia do 30 de abril de 2020.

Con data do 14 de marzo de 2020, publicouse o Real decreto 463/2020, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, que posteriormente foi modificado polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo.

A disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, estableceu a suspensión dos termos e a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, incluíndo os de contratación de obra pública e os procedementos expropiatorios. Con tal motivo, o director da Axencia Galega de Infraestruturas ditou as instrucións do 17 de marzo de 2020 acerca do desenvolvemento da actividade da Axencia Galega de Infraestruturas ante a situación provocada polo coronavirus COVID-19, que determinou a anulación dos actos de levantamento de actas que estivesen convocados e a non convocatoria de novos actos.

Aínda así, a propia disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, dispón no seu punto cuarto que «sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, desde a entrada en vigor do presente real decreto, as entidades do sector público poderán acordar, motivadamente, a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou sexan indispensables para a protección do interese xeral, ou para o funcionamento básico dos servizos».

O Consello da Xunta aprobou o 3 de abril de 2020 (DOG núm. 69 bis, do día 8 de abril), un acordo sobre iniciación, continuación e aprobación de expedientes de contratación; e outro de continuación de procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.

Dada a estreita vinculación entre os expedientes de contratación e os expropiatorios, a necesidade de contar coa dispoñibilidade efectiva dos terreos para poder formalizar a acta de comprobación da implantación que determine o inicio da execución material dos traballos, e a que probablemente o período estival sexa o máis favorable en canto á crise sanitaria derivada da pandemia producida pola COVID-19, ditáronse as resolucións da Axencia Galega de Infraestruturas polas que se acorda, en cada provincia, o inicio e a continuación de determinados procedementos administrativos de expropiación de terreos e bens afectados pola execución de obras competencia da axencia ou que lle teñan sido encomendadas, ao abeiro do disposto na disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, entre as que se encontra o proxecto de construción da mellora da capacidade e seguridade da AC-862, treito AG-64-Ponte Mera, nos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido (A Coruña), de clave AC/18/014.10.

A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do seu Regulamento do 26 de abril de 1957.

En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no DOG núm. 179, do 20 de setembro, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios dos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido, para que comparezan no lugar, data e horas que se detallan a continuación, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación en que se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Cerdido.

Lugar: Casa da Cultura.

Data: 13 e 14 de xullo de 2020, das 10.00 ás 13.00 horas.

Termo municipal de San Sadurniño.

Lugar: Casa da Cultura.

Data: 15 e 16 de xullo de 2020, das 10.00 ás 13.00 horas.

Termo municipal de Moeche.

Lugar: Casa do Concello.

Data: 17 de xullo de 2020, das 10.30 ás 11.30 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente estarán expostos nos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña (rúa Vicente Ferrer nº 2, 8º andar, 15071 A Coruña), e publicarase no seguinte enlace da páxina web da consellería:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/avisos?content=/Portal-Web/Contidos/Aviso/aviso_0180.html

Así mesmo, realizarase a convocatoria aos interesados ao levantamento das actas previas mediante notificación individual.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (e, de ser o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI...), así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de proceder aos sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria, podendo facerse acompañar pola súa conta, se o xulgan oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 49 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, este servizo, unha vez levantadas as actas previas á ocupación, e habilitado o crédito oportuno, procederá ao pagamento, mediante transferencia bancaria, do importe dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación. No suposto de non ter presentado o certificado de titularidade da conta bancaria, con códigos IBAN e BIC, e a copia do D.N.I., consignarase o importe na Caixa Xeral de Depósitos conforme o disposto no artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957.

En cumprimento do artigo 55 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, neste mesmo acto, convócase ao acto de formalización das actas de ocupación o cal terá lugar, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación, no lugar e data que se indican:

Termo municipal de Cerdido.

Lugar: Casa da Cultura.

Data: 31 de agosto e 1 de setembro de 2020, das 10.00 ás 13.00 horas.

Termo municipal de San Sadurniño.

Lugar: Casa da Cultura.

Data: 2 e 3 de setembro de 2020, das 10.00 ás 13.00 horas.

Termo municipal de Moeche.

Lugar: Casa do Concello.

Data: 4 de setembro de 2020, das 10.30 ás 11.30 horas.

No mesmo acto ofertaranse aos propietarios as valoracións establecidas pola Administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.

O presente acordo faise público, para xeral coñecemento, advertindo aos titulares que na acta figurarán os donos da cousa ou titulares do dereito expropiado, non admitíndose representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso, debendo achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión en caso de figurar o terreo a nome de herdeiros, e que deberá identificarse co documento nacional de identidade.

A fin de que os actos de levantamento de actas derivados dos procedementos expropiatorios se realicen de acordo coas medidas preventivas do risco de contaxio ante a situación provocada polo coronavirus COVID-19, a Axencia Galega de Infraestruturas aprobou o protocolo de actuación que deberán respectar tódolos asistentes aos actos. Para tales efectos, cómpre pór en coñecemento dos interesados as seguintes indicacións:

– Os interesados poderán confirmar a data e hora fixada para a celebración do acto, ou, no caso de concorrer motivos de inconveniencia por razóns de saúde e/ou de adopción de medidas que afecten favorablemente a prevención de contaxios, poderán propoñer outro horario diferente para este, logo de cita confirmada polo persoal de contacto.

– No momento da atención, tanto o persoal da Administración e da asistencia técnica como o expropiado usarán máscara de protección, ou os sistemas de protección individual que nese momento sexan obrigatorios, respectando en todo momento a distancia de seguridade fixada. Para tales efectos, establécese a obriga de asistir ao acto provisto dos sistemas de protección individual (EPI) que cada momento determine a autoridade competente. Porén, disporase de EPI por parte da administración no caso de que os expropiados non dispoñan deles.

– En caso de detectarse posibles síntomas compatibles coa COVID-19 nalgunha persoa presente, seguiranse obrigatoriamente as indicacións realizadas polas autoridades sanitarias para o efecto.

– Deberán asistir unicamente as persoas estritamente necesarias para a realización do trámite.

– Establécese a obriga de permanecer no local de reunión o tempo estritamente necesario.

– Non se poderá acudir no caso de presentar febre (>37º) ou síntomas de problemas respiratorios.

A Coruña, 8 de xuño de 2020

Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo Provincial da Coruña