Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 17 de xuño de 2020 Páx. 24037

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 4 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para a contratación de persoas traballadoras remudistas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR349Y).

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e de acordo coa Axenda 20 para o emprego e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

Corresponde ás administracións públicas poñer todos os medios ao seu alcance para lograr estes obxectivos, constituíndo as políticas activas de emprego o instrumento axeitado para loitar contra o desemprego. Con base nesta situación e no marco do diálogo social deséñase un programa de axudas a contratación de remudistas no marco do artigo 12.7 do Estatuto dos traballadores para evitar o atranco á retención do talento xuvenil en Galicia, así como, ao necesario proceso de retención de coñecemento nas empresas nos procesos de remuda xeracional.

Xunto con estas medidas, e dada a necesaria complementariedade entre as actuacións da Administración autonómica e as de ámbito estatal de cara ao logro da inserción das persoas desempregadas no mundo laboral, as axudas para o fomento do emprego establecidas pola Xunta de Galicia son compatibles cos programas estatais de fomento do emprego aplicables a todo o Estado.

De acordo co disposto no Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro; e no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

As bases que rexen este programa establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, se non que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. A través da incentivación do contrato de remuda, este programa ten a finalidade de favorecer a substitución nos cadros de persoal das empresas, das persoas traballadoras próximas á xubilación por persoas mozas menores de 30 anos desempregadas ou cun contrato formativo na mesma empresa, ou menores de 35 anos cun contrato de duración determinada na mesma empresa ou persoas desempregadas maiores de 45 anos, garantindo a non destrución de postos de traballo, unha vez que as persoas traballadoras que os ocupaban rematen a súa vida activa.

Así, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras, en réxime de concorrencia non competitiva, e proceder á convocatoria para o ano 2020 dos incentivos aos contratos de remuda.

2. Por medio desta orde as empresas terán a posibilidade de obter axudas pola realización dun contrato de remuda a tempo completo de duración indefinida ou ben de duración determinada sempre que neste último suposto conste o compromiso de conversión a indefinido no momento da súa finalización (código de procedemento TR349Y).

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 6/2019 de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás aplicacións da Secretaría Xeral de Emprego recollidas na Lei 6/2019 de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

No exercicio económico 2020, as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.470.3, código de proxecto 2020 00014, cun crédito de 1.000.000 de euros (fondo finalista).

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. As axudas deben estar tramitadas no exercicio corrente xa que a convocatoria non é plurianual.

3. Se o orzamento asignado non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que se presentou a correspondente solicitude, de acordo co establecido nesta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou más solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

4. Este crédito poderá ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego.

5. Este crédito poderá ampliarse na súa contía máxima para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos desta orde considérase:

1. Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no momento da súa contratación.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego e da vida laboral realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

2. Contrato de remuda: tipo de contrato que se celebra cunha persoa traballadora, inscrita como desempregada no Servizo Público de Emprego ou que tivese concertado coa empresa un contrato de duración determinada, para substituír a persoa traballadora da empresa que accede á xubilación parcial.

Os contratos de remuda deberán cumprir as exixencias e formalidades establecidas no artigo 12.6 e 12.7 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido dos Estatuto dos traballadores e nas normas regulamentarias de desenvolvemento.

3. Persoas remudistas.

Persoa desempregada no momento da contratación menor de 30 anos ou maior de 45 anos.

Persoa menor de 30 anos que teña concertada na mesma empresa un contrato en prácticas ou para a formación (neste último caso ata os 25 anos de idade), ou que desenvolva nela un período de prácticas non laborais (Real decreto 1543/2011).

Persoa menor de 35 anos con contrato de duración determinada concertado coa empresa, sempre que este pase a ser contratado indefinido e exista compromiso por parte da empresa de contratación dunha persoa traballadora adicional.

4. Taxa de estabilidade: a porcentaxe do persoal traballador fixo sobre o total do cadro de persoal, no mes da contratación pola que se solicita a subvención, no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

5. Peme: pequena e mediana empresa, segundo o artigo 2 do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, consideraranse pemes as empresas que ocupan menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede os 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considerarase pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; e microempresa, aquela que ocupa menos de 10 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Para o cálculo destes efectivos deberán terse en conta as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

6. Sectores estratéxicos: en particular, de acordo coa última actualización da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE 2009), segundo o disposto no Real decreto 475/2007, do 13 de abril, terán a consideración de sectores estratéxicos, para efectos desta convocatoria, os seguintes:

a) Silvicultura:

021 Silvicultura e outras actividades forestais.

022 Explotación da madeira.

023 Recolección de produtos silvestres, agás madeira.

024 Servizos de apoio á silvicultura.

b) Sector de transformación da madeira:

161 Serradura e cepilladura da madeira.

162 Fabricación de produtos de madeira, cortiza, cestaría e espartaría.

1621 Fabricación de chapas e taboleiros de madeira.

1622 Fabricación de solos de madeira ensamblados.

1623 Fabricación doutras estruturas de madeira e pezas de carpintaría e ebanistaría para a construción.

1624 Fabricación de envases e embalaxes de madeira.

1629 Fabricación doutros produtos de madeira; artigos de cortiza, cestaría e espartaría.

c) Fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores:

261 Fabricación de compoñentes electrónicos e circuítos de impresos ensamblados.

2611 Fabricación de compoñentes electrónicos.

2612 Fabricación de circuítos impresos ensamblados.

262 Fabricación de ordenadores e equipos periféricos.

263 Fabricación de equipos de telecomunicacións.

d) Sector automoción:

291 Fabricación de vehículos de motor.

292 Fabricación de carrozarías para vehículos de motor; fabricación de remolques e semirremolques.

293 Fabricación de compoñentes, pezas e accesorios para vehículos de motor.

e) Sector naval:

301 Construción naval.

f) Sector aeronáutico:

303 Construción aeronáutica e espacial e a súa maquinaria.

g) Fabricación de mobles:

310 Fabricación de mobles.

3101 Fabricación de mobles de oficina e de establecementos comerciais.

3102 Fabricación de mobles de cociña.

3103 Fabricación de colchóns.

3109 Fabricación doutros mobles.

h) Edición de programas informáticos:

5821 Edición de videoxogos.

5829 Edición doutros programas informáticos.

i) Telecomunicacións:

611 Telecomunicacións por cable.

612 Telecomunicacións sen fío.

613 Telecomunicacións por satélite.

619 Outras actividades de telecomunicacións.

j) Actividades relacionadas coa informática:

620 Programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática.

6201 Actividades de programación informática.

6202 Actividades de consultoría informática.

6203 Xestión de recursos informáticos.

6209 Outros servizos relacionados coas tecnoloxías da información e a informática.

631 Procesos de datos, hosting e actividades relacionadas; portais web.

6311 Proceso de datos, hosting e actividades relacionadas.

6312 Portais web.

9511 Reparación de ordenadores e equipos periféricos.

9512 Reparación de equipos de comunicación.

Artigo 6. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as empresas que teñan a condición de peme, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, que realicen contratos de remuda para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

2. As entidades beneficiarias deberán ter unha taxa de estabilidade mínima dun 70 % no mes anterior ao da realización do contrato de remuda.

Neste cálculo non se computarán as persoas traballadoras fixas cuxo contrato de traballo se extinga por causas obxectivas ou por despido disciplinario que non sexan declarados improcedentes ou cuxas baixas se produzan por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou gran invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución durante o período de proba. No caso de que no mes anterior á contratación pola que se solicita a subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas-descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.

3. A retribución anual mínima será de 14.000 euros da persoa traballadora remudista, no caso de que o contrato sexa a tempo completo e, en todo caso, cumprirase coas retribucións mínimas do convenio colectivo de referencia.

Cando se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou na súa falta da xornada ordinaria máxima legal.

4. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, os centros especiais de emprego, as empresas de inserción, as entidades de formación, así como as entidades sen ánimo de lucro.

5. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso agás que adquirise eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, publicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non recaia resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.

6. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas solicitantes que estean sancionadas con carácter firme por infracción grave en materia profesional que poña en entredito a súa integridade, de disciplina de mercado, de falseamento da competencia, de integración laboral e de igualdade de oportunidades e non discriminación das persoas con discapacidade, ou de estranxeiría, de conformidade co establecido na normativa vixente; ou por infracción moi grave en materia ambiental de conformidade co establecido na normativa vixente, ou por infracción moi grave en materia laboral ou social, de acordo co disposto no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, así como pola infracción grave prevista no artigo 22.2 do citado texto, conforme o establecido no artigo 71.1.b) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos de sector público.

7. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 7. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos-chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

2. O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación.

3. As solicitudes de axudas polos contratos de remuda subvencionables realizadas entre o 1 de xaneiro de 2020 e a data da publicación desta orde, deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal ao da publicación e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. As axudas previstas polas contratacións de remuda subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida ou temporal pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

5. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2020, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado nos parágrafos anteriores.

6. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

7. Para a presentación de solicitudes as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 8. Emenda da solicitude

A unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 11. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalles á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego por Conta Allea da Secretaría Xeral de Emprego, que instruirá os procedementos de acordo cos criterios establecidos para dito programa.

2. Entenderase que a persoa ou entidade desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora por quen se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A persoa ou entidade solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Resolución e recursos

1. A competencia, para resolver as solicitudes corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo para resolver e notificar é de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Unha vez notificada a resolución definitiva, as persoas ou entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Incompatibilidades e concorrencia

1. As subvencións previstas nesta orde de convocatoria son incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.

3. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias

Son obrigas das persoas e das entidades beneficiarias das axudas:

1. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación o control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos, tal e como establece o artigo 11.d) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

4. Dispoñer, se é o caso, daqueles libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados que se lles exixa pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos por un prazo de cinco anos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

6. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. A Secretaría Xeral de Emprego, poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Artigo 18. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 19. Réxime de axudas.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

CAPÍTULO II

Programa de axudas ás persoas ou entidades beneficiarias pola contratación
de remudistas

Artigo 20. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro deste programa os contratos de remuda a xornada completa e por tempo indefinido e os de duración determinada sempre que neste suposto conste o compromiso de conversión a indefinido no momento da súa finalización, que se realicen desde o 1 de xaneiro de 2020 ata o 30 de setembro de 2020.

Artigo 21. Requisitos

Para poder acceder aos incentivos establecidos nesta orde de convocatoria, as empresas deben de cumprir as seguintes condicións e requisitos:

1. Os contratos de remuda deberán cumprir as exixencias e formalidades establecidas no artigo 12.6 e 12.7 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido dos Estatuto dos traballadores e nas normas regulamentarias de desenvolvemento.

2. Para que os ditos contratos poidan ser obxecto de subvención deberán concertarse con carácter indefinido a xornada completa ou cunha duración determinada sempre que neste suposto conste o compromiso por parte da empresa de conversión a indefinido no momento da súa finalización.

3. Estes contratos para poder ser incentivados deberán realizarse con persoas traballadoras que no momento da súa contratación se encontren nas seguintes situacións:

Persoa desempregada menor de 30 anos ou maior de 45 anos.

Persoa menor de 30 anos que teña concertada na mesma empresa un contrato en prácticas ou para a formación (neste último caso ata 25 anos), ou que desenvolva nela un período de prácticas non laborais (Real decreto 1543/2011), sempre que conste o compromiso de conversión a indefinido no momento da súa finalización.

Persoa menor de 35 anos con contrato de duración determinada concertado coa empresa, sempre que este contrato se transforme nun contrato indefinido e ademais exista compromiso por parte da empresa, da contratación dunha persoa traballadora adicional.

4. A entidade solicitante deberá de comunicar ás persoas representantes legais a intención de contratar mediante contrato de remuda, con indicación do posto de traballo e a duración do contrato, así como a transformación en indefinidos dos contratos de remuda de duración determinada, previamente a realizar a contratación incentivable.

5. As contratacións de remuda de carácter temporal deberán supoñer incremento do cadro global de persoal da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos tres meses anteriores á data de inicio da prestación laboral.

As contratacións de remuda de carácter indefinido, ademais do requisito exixido no parágrafo anterior deberán supoñer incremento do cadro de persoal fixo da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que superen a media aritmética dos tres meses anteriores á data de inicio da prestación laboral.

Para os efectos do establecido nos parágrafos anteriores, no cómputo de persoal fixo e neto, non se terán en conta as baixas que se producisen por propia vontade do traballador ou traballadora, ou por morte, xubilación, incapacidade permanente, total, absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución no período de proba.

6. No caso de que o contrato de remuda indefinido sexa consecuencia da transformación dun contrato temporal dunha persoa menor de 35 anos que xa estivese na empresa, cun contrato de duración determinada, esta deberá adoptar o compromiso de levar a cabo unha contratación cunha persoa desempregada e que teña as mesmas características do contrato que se transforma en canto á súa duración temporal e xornada que deberá de estar realizado antes de finalizar os tres meses seguintes á data que se transforma o contrato temporal en indefinido.

7. As contratacións polas que se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á Oficina Pública de Emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 22. Contía dos incentivos

1. As contratacións de remuda realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria incentivaranse cunha axuda de 7.500 euros por cada contrato realizado e que cumpra cos requisitos establecidos no artigo 21 desta orde.

2. Estas contías incrementaranse nun 5 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

– Se a persoa contratada é muller.

– Se a persoa contratada é unha persoa con discapacidade.

– Se a actividade da entidade solicitante pertence ao ámbito de sectores estratéxicos.

O incremento será dun 10 % no caso de postos de traballo en que o remudista vaia desenvolver funcións relacionadas coa adaptación tecnolóxica da empresa. Isto deberá ser acreditado mediante a presentación dunha memoria.

Aplicarase a subvención polos incrementos indicados pola persoa ou entidade solicitante, en caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude.

Artigo 23. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados neste programa:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea aos fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con ela, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate a un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

4. As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.

Artigo 24. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I-A) a seguinte documentación:

a) Poder suficiente da persoa representante e asinante da solicitude para actuar en nome de persoa ou entidade solicitante, de ser o caso.

b) Informe de vida laboral dun código conta de cotización correspondente aos tres meses anteriores ao mes en que se realiza a contratación indefinida inicial ou temporal (desagregado mes a mes), máis o do correspondente ao do mes en que se realiza a dita contratación.

c) Relación nominal das persoas traballadoras polas que se solicita subvención en que se inclúan os custos salariais totais de vinte e catro mensualidades, de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención (anexo I-D) e a nómina do mes de contratación.

d) Declaración do cadro de persoal neto e fixo de todos os centros de traballo da empresa en Galicia nos tres meses anteriores ao inicio da contratación indefinida inicial (anexo I-B).

De ser o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras contratadas que causaron baixa polas causas previstas no artigo 21.5 da convocatoria.

e) Declaración do cadro de persoal neto de todos os centros de traballo da empresa en Galicia nos tres meses anteriores ao inicio da contratación temporal (anexo I-C).

De ser o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras contratadas que causaron baixa polas causas previstas no artigo 21.5 da convocatoria.

f) Comprobación de datos da persoa traballadora contratada (anexo I-E), debidamente cuberto e asinado.

g) Compromiso de transformación do contrato temporal en indefinido no caso dos contratos de remuda incentivados de carácter temporal, segundo o establecido no artigo 21.3 e 21.6.

h) Compromiso de contratación inicial segundo o establecido no artigo 21.6.

i) Comunicación aos representantes legais segundo o establecido no artigo 21.4.

j) Memoria onde queden explicadas as funcións do posto relacionadas coa adaptación tecnolóxica da empresa segundo o artigo 22.2, de ser o caso.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 25. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante, de ser o caso.

c) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

d) Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora contratada.

e) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada.

f) Contrato laboral da persoa traballadora pola que se solicita a subvención.

g) Certificado, da persoa ou entidade solicitante, de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificado, da persoa ou entidade solicitante, de estar ao día das súas obrigas coa Administración Tributaria de Galicia.

i) Certificado, da persoa ou entidade solicitante, de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente no formulario de solicitude, como figura no anexo I-A e anexo I-E e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 26. Xustificación e pagamento

1. O pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo que se exixa de forma expresa na resolución de concesión ou, no seu caso, ata o 31 de decembro de 2020. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da documentación que non exceda da metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

A documentación que hai que presentar é a seguinte:

Declaración expresa doutras axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, complementaria da presentada coa solicitude (anexo I-F).

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias destas axudas:

1. Para as contratacións de remuda de carácter indefinido son obrigas das entidades beneficiarias destas axudas:

a) Manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada durante un período de 2 anos contados desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova persoa traballadora que deberá de reunir os requisitos para a formalización dun contrato de remuda segundo o establecido nesta orde de convocatoria pola que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

b) Manter en cómputo anual o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal, durante polo menos dous anos, que se contarán desde o mes de realización da contratación.

c) Unha vez finalizado o período dos vente e catro meses do cumprimento destas obrigas, corresponderá á Secretaría Xeral de Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa. Para iso, a entidade beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes ao remate deste prazo, unha declaración da media do persoal traballador fixo no conxunto dos centros de traballo en Galicia do período de 24 meses contados desde o mes seguinte ao da realización das contratacións subvencionadas.

Esta declaración deberá presentarse de cada un dos 2 anos seguintes ao mes en que se realizou a contratación subvencionada. A estas declaracións xuntarase o informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social das 24 mensualidades.

Ademais, o beneficiario está obrigado a presentar, nos tres meses seguintes ao remate deste prazo, as nóminas das 24 mensualidades correspondentes a cada persoa traballadora.

2. Para as contratacións temporais son obrigas das entidades beneficiarias destas axudas:

a) Manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada ata a conversión do seu contrato temporal en indefinido.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación realizada cunha persoa traballadora unha nova persoa traballadora que deberá de reunir os requisitos para a formalización dun contrato de remuda segundo o establecido nesta orde de convocatoria, pola que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

b) Unha vez finalizado o período do cumprimento desta obriga, a entidade beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes, as nóminas correspondentes aos meses da contratación, así como a transformación do contrato temporal de remuda nun contrato indefinido.

c) No caso de que o contrato de relevo indefinido sexa consecuencia da transformación dun contrato temporal dunha persoa menor de 35 anos que xa estivese na empresa, cun contrato de duración determinada, esta deberá adoptar o compromiso de levar a cabo unha contratación cunha persoa desempregada e que teña as mesmas características do contrato que se transforma en canto á súa duración temporal e xornada que deberá de estar realizada antes de finalizar os tres meses seguintes á data que se transforma o contrato temporal en indefinido.

Corresponderalle á Secretaría Xeral de Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa.

Artigo 28. Reintegros

Procederá o reintegro das axudas cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

1. Para as contratacións indefinidas iniciais:

a) Por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no artigo 27.1.a) desta orde, procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

b) Cando a substitución se realice transcorrido o prazo establecido no artigo 27.1.a) entenderase que se produce un incumprimento parcial. Neste caso a contía que se vai reintegrar calcularase do seguinte xeito:

i. Divídese entre vinte e catro meses o importe concedido pola persoa traballadora substituída.

ii. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que concede a orde para proceder á substitución. Así mesmo, o mes no que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes no que aquela se realice.

iii. Multiplícase o importe obtido na operación primeira (i) polo número de meses nos que o posto de traballo estivera vacante.

c) Se se efectuou a substitución, pero esta foi feita cunha nova persoa traballadora pola que se poida conceder unha subvención por importe inferior ao da persoa que causou baixa.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación e o cálculo da contía a reintegrar farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre vinte e catro meses o importe concedido pola persoa traballadora de que se trate.

ii. Calcúlase a subvención que correspondería en función do colectivo da persoa traballadora substituta, e divídese tamén entre vinte e catro meses.

iii. Á contía obtida na operación primeira (i) réstaselle a contía obtida na operación segunda (ii).

iiii. O resultado multiplícase polo número de meses que resten ata cumprir os vinte e catro, tendo en conta que o mes no que se leve a cabo a substitución será computado entre os meses nos que a subvención sería inferior, sexa cal sexa o día de dito mes no que aquela se realice.

d) Cando a empresa beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 27.1.b) desta orde procederá o reintegro da axuda. Para o cálculo da contía que se vai reintegrar terase en conta a contía mínima de subvención concedida á empresa por cada persoa traballadora subvencionada, sendo esta a contía que se aplicará por cada un dos empregos diminuídos, ata o tope da contía concedida.

e) Entenderase que se produce un incumprimento total e, polo tanto, procederá o reintegro total dos incentivos cando a empresa beneficiaria incumpra o compromiso de levar a cabo unha contratación cunha persoa desempregada e que teña as mesmas características do contrato que se transforma en canto á súa duración temporal e xornada que deberá de estar realizada antes de finalizar os tres meses seguintes á data que se transforma o contrato temporal en indefinido, no caso de que o contrato de remuda indefinido sexa consecuencia da transformación dun contrato temporal dunha persoa menor de 35 anos que xa estivera na empresa, cun contrato de duración determinada (artigo 21.6).

2. Para as contratacións temporais procederá o reintegro das axudas cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

a) Cando a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 27.2.a) desta orde, por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no antedito artigo, procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

Hai que diferenciar entre o reintegro total, cando non se leve a cabo a substitución da persoa traballadora que causou baixa, e o reintegro parcial, que procederá nos seguintes casos:

Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita no prazo anteriormente indicado.

O cálculo da contía a reintegrar parcialmente farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre o número de meses de duración do contrato temporal a subvención concedida.

ii. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución. Así mesmo, o mes no que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes no que aquela se realice.

iii. E multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses nos que o posto de traballo estivese vacante.

Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita cunha nova persoa traballadora pola que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causou baixa. Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación.

O cálculo da contía que se vai reintegrar parcialmente farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre o número de meses de duración do contrato subvencionado o importe concedido pola persoa traballadora de que se trate.

ii. Calcúlase a subvención que correspondería en función da situación da persoa substituta, e divídese tamén entre o número de meses de duración do contrato subvencionado.

iii. Á contía obtida na operación primeira (i) réstaselle a contía obtida na operación segunda (ii).

iiii. O resultado multiplícase polo número de meses que resten ata cumprir o límite de duración do contrato subvencionado, tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a substitución será computado entre os meses nos cales a subvención sería inferior, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

b) Entenderase que se produce un incumprimento total e, polo tanto, procederá o reintegro total dos incentivos cando o contrato temporal de remuda subvencionado ao finalizar a súa duración non sexa transformado nun contrato indefinido.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación do conselleiro.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para a tramitación e resolución dos expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file