Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 12 de xuño de 2020 Páx. 23230

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2020, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda realizar as probas presenciais daqueles procesos selectivos que se estaban desenvolvendo antes da declaración do estado de alarma a partir do 1 de outubro de 2020.

Con data do 14.3.2020 publicase o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, estado de alarma que se aplica a todo o territorio do estado (BOE núm. 67, do 14 de marzo).

Na súa disposición adicional terceira, sinálase:

«1. Suspéndense termos e interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. O cómputo dos prazos renovarase no momento en que perda vixencia o presente real decreto ou, se é o caso, as prórrogas deste.

2. A suspensión de termos e a interrupción de prazos aplicarase a todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Non obstante o anterior, o órgano competente poderá acordar, mediante resolución motivada, as medidas de ordenación e instrución estritamente necesarias para evitar prexuízos graves nos dereitos e intereses do interesado no procedemento e sempre que este manifeste a súa conformidade, ou cando o interesado manifeste a súa conformidade con que non se suspenda o prazo.

4. A presente disposición non afectará os procedementos e resolucións a que fai referencia o punto primeiro, cando estes veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma».

Ao abeiro da citada disposición, os procesos selectivos que estaba desenvolvemento a Dirección Xeral da Función Pública e tiñan pendentes de realizar algún ou algúns exercicios quedaron suspendidos.

Mediante a Resolución do 20 de maio de 2020, do Congreso dos Deputados, pola que se ordena a publicación do Acordo de autorización da prórroga do estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, establece no seu punto décimo: «Con efectos desde o 1 de xuño de 2020, derrogarase a disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, relativa á suspensión de prazos administrativos. Desde esa mesma data, o cómputo dos prazos que fosen suspendidos renovarase ou reiniciarase, se así se previu nunha norma con rango de lei aprobada durante a vixencia do estado de alarma e as súas prórrogas».

A excepcional situación descrita fai necesaria a protección da saúde dos empregados públicos e da cidadanía, así como a continuación dos procesos selectivos iniciados e a realización dos exercicios pendentes que non se puideron desenvolver pola situación de confinamento.

Por este motivo, precísase dun prazo axeitado para a continuación dos procesos selectivos que se estaban a desenvolver antes da declaración do estado de alarma e para a realización das probas selectivas coas medidas establecidas pola Administración sanitaria.

Con carácter xeral, as bases das convocatorias establecen os prazos máximos e mínimos en que deben desenvolverse as probas, unha vez iniciado o correspondente proceso selectivo. No anexo figuran os procesos selectivos iniciados pola Dirección Xeral da Función Pública que teñen exercicios pendentes de realizarse. No momento en que se publica a declaración do estado de alarma, os prazos para a celebración dos ditos exercicios, atópanse parcialmente cumpridos, o que significa que a continuación dos prazos administrativos a partir do 1 de xuño de 2020 non permitiría advertir a poboación coa antelación suficiente das datas e lugares onde tería lugar a realización dos posteriores exercicios e a súa celebración inmediata para satisfacer os prazos legais podería poñer en risco a saúde dos aspirantes ao non respectar as recomendacións da autoridade sanitaria.

Por outra banda, e en relación cos actos de celebración presencial, a concentración masiva dos aspirantes ou acompañantes e dos empregados públicos encargados da organización nas instalacións podería incrementar exponencialmente os riscos de contaxio, tanto pola confluencia de persoal nun mesmo recinto como polas posibles aglomeracións que poderían producirse nas zonas comúns.

Neste escenario, considérase máis axeitado, pospoñer a celebración presencial das probas selectivas que se estaban a desenvolver antes da declaración do estado de alarma, de acordo coas recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias.

En calquera caso, a convocatoria dos exercicios, por parte dos diferentes tribunais, coñecerase como mínimo un mes antes da súa realización e os ditos exercicios non poderán celebrarse antes do 1 de outubro de 2020.

Á vista do exposto procede

ACORDAR:

A realización das probas presenciais daqueles procesos selectivos que se estaban desenvolvendo antes da declaración do estado de alarma, a partir do 1 de outubro de 2020. Os diferentes tribunais, mediante convocatoria pública que se publicará no DOG, anunciarán, cunha antelación mínima dun mes, a data de celebración dos exercicios pendentes.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse potestativamente, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante esta dirección xeral, ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como nos artigos 10.1.i) e 14.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e sen prexuízo de calquera outro recurso que se poida interpoñer.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020

O conselleiro de Facenda
P.D. (Orde do 8 de xullo de 2013)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO

Procesos selectivos iniciados con exercicios pendentes

Acceso

Gr.

Corpo, escala ou categoría

Libre

A1

Superior de finanzas

Libre

A1

Superior de sistemas e tecnoloxía da información

Libre (A.E.)

A2

Subinspección urbanística

Libre (A.E.)

A1

Enxeñaría agronómica

Libre (A.E.)

A1

Enxeñaría de montes

Libre (A.E.)

A2

Enxeñaría técnica agrícola

Libre (A.E.)

A2

Enxeñaría técnica forestal

P.I.

A1

Superior de sistemas e tecnoloxía da información

P.I.

A2

Xestión de sistemas de informática

Libre (A.E.)

A1

Enxeñaría de camiños, canles e portos

Libre (A.E.)

A2

Enxeñaría técnica de obras públicas

Libre

A1

Letrados

A.E.: Administración especial.

P.I.: promoción interna.