Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 11 de xuño de 2020 Páx. 22962

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 27 de maio de 2020 pola que se autoriza unha prórroga da autorización temporal do centro privado estranxeiro Pangea Active School, de Arteixo (A Coruña).

Por Orde do 27 de agosto de 2019, autorízase ao centro privado estranxeiro Pangea Active School, de Arteixo, para impartir, con carácter temporal, as ensinanzas de Pre-School Section (de 3 a 6 anos) e de Elementary Section (de 6 a 12 anos), do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

A titularidade do centro solicita unha prórroga da devandita autorización temporal e achega un certificado, con validez ata o 31 de agosto de 2021, de elixibilidade no proceso de acreditación da New England Association of Schools & Colleges (NEASC) para impartir as ensinanzas de Pre-School Section que se corresponden coa etapa de educación infantil (de 3 a 6 anos) para un máximo de 24 postos escolares, e para as ensinanzas de Elementary Section que se corresponden coa etapa de educación primaria (de 6 a 12 anos) para un máximo de 32 postos escolares, do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Prórroga da autorización temporal

Prorrogar a autorización temporal, ata o 31 de agosto de 2021, do centro privado estranxeiro Pangea Active School, de Arteixo, para impartir as ensinanzas de Pre-School Section (de 3 a 6 anos) e de Elementary Section (de 6 a 12 anos), do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

Os datos do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPR EX).

Denominación específica: Pangea Active School.

Código do centro: 15033174.

Domicilio: Camiño da Colina, 18.

Localidade: Morás

Código postal: 15690

Concello: Arteixo.

Provincia: A Coruña.

Titular: Pangea Escuela Viva, S.L.

Ensinanzas que se prorrogan ata o 31 de agosto de 2021:

Sistema educativo dos Estados Unidos de América, para alumnado español e estranxeiro.

• Pre-School Section que se corresponden coa etapa de educación infantil (de 3 a 6 anos) para un máximo de 24 postos escolares.

• Elementary Section que se corresponden coa etapa de educación primaria (de 6 a 12 anos) para un máximo de 32 postos escolares.

Artigo 2. Prórroga da autorización

A prórroga da autorización terá validez ata o 31 de agosto de 2021, conforme o certificado emitido pola New England Association of Schools & Colleges (NEASC). A partir desta data, a autorización dependerá dunha nova inspección dos servizos da Embaixada dos Estados Unidos de América.

Artigo 3. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional