Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 8 de xuño de 2020 Páx. 22616

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 13 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada a Exporgondo, S.L. para unha explotación porcina de produción de leitóns no lugar de Vizoño, no concello de Abegondo (expediente 2019-IPPC-M-64).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, e consonte o sinalado na Orde do 27 de abril de 2020 pola que se acorda o inicio e/ou a continuación da tramitación de determinados procedementos indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, durante a vixencia do estado de alarma (DOG núm. 84, do 4 de maio), sométese a información pública, durante un prazo de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

Revisión da autorización ambiental integrada para as instalacións de explotación porcina propiedade de Exporgondo, S.L. Vizoño-Abegondo (A Coruña), para que calquera interesado poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

Os documentos estarán á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela).

Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2019-IPPC-M-64.

Número da autorización ambiental integrada: 2007/0004_NAA/IPPC _097.

Categoría principal da actividade: anexo I, categoría 9.3.c) do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro.

Titular: Exporgondo, S.L.

NIF: B15595028.

Localización da instalación: Vizoño, s/n, 15318 Abegondo (A Coruña).

Referencias catastrais: 15001A040000010000JG e 15001A041000530000JK.

Actividade principal: explotación porcina de produción de leitóns.

Descrición: a explotación está formada por un conxunto de catorce (14) naves, nas cales se van desenvolver as distintas fases do proceso produtivo, e conta con capacidade para albergar 4.895 porcas con leitóns ata 20 kg de peso vivo, 1.680 porcas de reposición, 18 verróns e 12.500 leitóns destetados. Ademais, a explotación dispón dunha nave para un separador sólido-líquido do xurro, unha nave para oficina-vestiarios-almacén, unha nave para maquinaria e un alpendre para aparcadoiro.

O ciclo anual de produción de leitóns de 6-20 kg de peso vivo é de 40 días, co cal o número de ciclos anuais é de 8, cun baleiro sanitario de 5 días. A limpeza e desinfección das naves, xunto coa revisión dos sistemas de alimentación, moegas e bebedoiros, faise ao remate das distintas fases do proceso. A limpeza, en todas as dependencias, faise con auga a presión.

A totalidade do xurro producido na explotación será enviado a parcelas agrícolas. Para o almacenamento do xurro producido, a explotación conta con cinco (5) fosas e catro (4) balsas exteriores, ademais de canles interiores nas naves. As fosas e balsas exteriores están en fase de cubrición ou de redacción dos proxectos para a súa cubrición.

Verteduras: as augas de lavado almacénanse xunto co xurro producido nas fosas baixo as naves e na fosa exterior e cuberta. As augas dos aseos e vestiarios da instalación son conducidas a unha fosa séptica e a súa xestión posterior é a mesma que a dos xurros producidos na explotación. Non existe recollida das augas pluviais, polo que se verten directamente ao medio natural.