Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 5 de xuño de 2020 Páx. 22475

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2020 pola que se dá publicidade dunha encomenda de xestión á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para a formación dos/das profesionais derivada do programa Úlceras Fóra.

De conformidade co previsto no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade á Resolución do 25 de maio de 2020, do Servizo Galego de Saúde, pola que se encomenda á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a xestión da formación dos/das profesionais do Servizo Galego de Saúde derivada do programa Úlceras Fóra.

– Actividade: a Axencia asumirá a xestión das actividades formativas propostas polo Servizo de Integración Asistencial do Servizo Galego de Saúde, dentro dos límites orzamentarios establecidos. Estas actividades formativas deben estar enmarcadas dentro da formación referida á deterioración da integridade cutánea e tisular ou a actividades que faciliten a apertura de liñas de investigación ou mellora do traballo coa mellor evidencia dispoñible.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: a encomenda ten natureza de encarga por medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Tal condición de medio propio vén recollida no artigo 5 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos.

– Prazo de vixencia: ata o 31 de decembro de 2020.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Presidente do Servizo Galego de Saúde