Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 4 de xuño de 2020 Páx. 22312

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se modifica a Resolución do 24 de febreiro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento PR905A).

Con data do 16 de marzo de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 24 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se convocan para o ano 2020.

O obxecto desta convocatoria é apoiar as persoas emigrantes galegas retornadas que carezan dos recursos suficientes nos gastos extraordinarios da súa unidade familiar derivados do retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

No artigo 3 da resolución da convocatoria establécese que poden ser beneficiarias destas axudas extraordinarias as persoas que, residindo fóra de España con nacionalidade española, retornen a vivir á Comunidade Autónoma galega, sempre que naceran en Galicia, ou os seus cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal, e tamén os seus fillos/as.

As circunstancias actuais, derivadas da declaración do estado de alarma realizado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, como consecuencia da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, están provocando unha grave crise social e económica que afecta en maior medida as persoas emigrantes retornadas como colectivo con especiais dificultades de inserción sociolaboral. Polo que, co obxecto de dar resposta a esta situación de crise, é necesario incluír como persoas beneficiarias nesta convocatoria de axudas a todos os descendentes por consanguinidade dunha persoa nada en Galicia en calquera grao de parentesco, sempre que foran españois e que, residindo fóra de España, retornasen a esta comunidade autónoma.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 24 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento PR905A).

Un. Modifícase a alínea c) do artigo 3. Persoas beneficiarias da Resolución do 24 de febreiro de 2020, que queda redactado como segue:

«c) Os descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nadas en Galicia».

Dous. Modifícase a alínea b) do artigo 9. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento da Resolución do 24 de febreiro de 2020, que queda redactado como segue:

«b) Documentación acreditativa da vinculación con Galicia da persoa solicitante: nacemento en Galicia ou, de ser o caso, ser cónxuxe ou parella de feito inscrita ou descendente por consanguinidade dunha persoa galega e nada en Galicia».

Tres. Modifícase o terceiro punto da epígrafe «Tipo de emigrante retornado/a» do anexo I, que queda redactado como segue:

«Descendente por consanguinidade dunha persoa nada en Galicia».

Catro. Modifícase a epígrafe de «DOCUMENTACIÓN QUE SE PRESENTA OU XA PRESENTADA CON ANTERIORIDADE» do anexo I, que queda redactado como segue:

«Documentación acreditativa da vinculación con Galicia da persoa solicitante: nacemento en Galicia ou, de ser o caso, ser cónxuxe ou parella de feito inscrita ou descendente por consanguinidade dunha persoa galega e nada en Galicia».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2020

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración