Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 2 de xuño de 2020 Páx. 21905

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural a igrexa de Santa Cruz, no termo municipal do Incio.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao amparo do artigo 149.1.28 da Constitución española, e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).

No artigo 8.2 da devandita lei indícase que: «terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais». O artigo 10.1.a) da LPCG define o monumento como «a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico». Ademais, o seu artigo 88.1.e) relativo ao patrimonio arquitectónico, indica: «Os edificios relevantes da arquitectura ecléctica, modernista, racionalista, do movemento moderno ou característico da complexa sucesión de movementos e tendencias arquitectónicas que percorren o período das primeiras vangardas e o movemento moderno durante o século XX ata 1965, incluída a arquitectura de indianos. Para a consideración do seu valor cultural, os inmobles deben evidenciar, total ou parcialmente, os principios recoñecibles do seu estilo arquitectónico de forma relevante pola calidade do seu proxecto, espacial ou construtiva, a súa singularidade estética ou a súa representatividade tipolóxica, ademais de posuír unha dimensión social significativa».

O 29 de decembro de 2017 a Universidade da Coruña (UDC) achega o resultado do traballo encargado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e dirixido por Fernando Agrasar Quiroga, de estudo e proposta para declarar ben de interese cultural a igrexa parroquial de Santa Cruz no concello do Incio, obra de José Luis Fernández del Amo proxectada en 1960, e mostra excepcional da arquitectura do Movemento Moderno en Galicia. Na fase de instrución do expediente estimouse axeitado solicitar os informes dos órganos consultivos en materia de patrimonio cultural, a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, o Consello da Cultura Galega e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, que concluíron cun ditame favorable á declaración de ben de interese cultural.

A igrexa de Santa Cruz do Incio posúe notables valores arquitectónicos e culturais dunha intensidade infrecuente no conxunto do patrimonio moderno de Galicia, xa que a súa natureza arquitectónica é dunha calidade excepcional debido aos seus valores espaciais, formais e construtivos que acadan un mesmo plano de excelencia. Posúe, así mesmo, un conxunto moi notable de pezas mobles deseñadas tanto polo propio arquitecto e realizadas por artistas locais como polo escultor José Luis Sánchez Fernández ou o pintor José Luis Gómez Perales, que se integran perfectamente na propia igrexa.

Á vista do anterior, exercendo as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución, e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, e as que corresponden á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, e no artigo 16 e seguintes da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural a igrexa de Santa Cruz no Concello do Incio (Lugo), coa categoría de monumento e nivel de protección integral, conforme a descrición recollida no anexo I desta resolución.

Segundo. Incoar o procedemento para catalogar a relación de bens mobles recollidos no anexo II desta resolución, localizados na igrexa de Santa Cruz, polo seu valor artístico e histórico e a súa relación co templo.

Terceiro. Establecer a delimitación provisional do seu contorno de protección segundo a planimetría recollida no anexo III desta resolución.

Cuarto. Anotar, con carácter preventivo, a referencia á incoación deste procedemento no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e comunicalo ao Rexistro de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Quinto. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Sexto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello do Incio.

Sétimo. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens devanditos en correspondencia á clasificación e niveis de protección propostos.

Oitavo. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, co fin de que as persoas que poidan ter interese examinen o expediente e aleguen o que consideren conveniente. A consulta realizarase preferentemente en formato dixital. As persoas interesadas que non dispoñan doutra alternativa poderán solicitar unha cita previa para consultar o expediente nas dependencias administrativas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, en Santiago de Compostela.

Noveno. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses, desde a data desta resolución, ou producirase a caducidade do trámite e o remate do réxime provisional establecido.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: igrexa parroquial de Santa Cruz do Incio.

2. Localización:

• Provincia: Lugo.

• Concello: O Incio.

• Parroquia: Santa Cruz do Incio.

• Lugar: A Cruz do Incio.

• Enderezo postal: praza de España 1, 27346 Santa Cruz do Incio (Lugo).

• Referencia catastral: 4342417PH3244S0001XI.

• Coordenadas centrais UTM ETR89 FUSO 29: X=634.175, Y=4.724.016.

3. Descrición.

3.1. A Igrexa.

A igrexa parroquial de Santa Cruz sitúase fronte a amplo espazo axardinado da praza de España no núcleo da Cruz do Incio, que é a capitalidade municipal. Unha secuencia de espazos rodean a igrexa: a fachada principal segue a liña das edificacións fronte á praza arborizada; no seu lateral esquerdo un canellón que remata no canto norte da igrexa onde se abre ao espazo arborizdo coñecido como Feira dos porcos; no lateral dereito un espazo verde delimitado por outras dúas edificacións, desde o que se accede á sancristía e ao despacho parroquial; e, por último, a cabeceira do templo, no límite da propiedade, estremando cun amplo prado que descende suavemente cara á igrexa. As naves principal e lateral, a torre das campás e a sancristía diferéncianse nos seus volumes e compoñen por adición a totalidade do edificio.

A nave principal desenvólvese ao longo en tres tramos cubertos por un único plano inclinado. O primeiro é un espazo exterior separado do interior por un peche de madeira de castiñeiro. O segundo é a nave propiamente, e o terceiro é o presbiterio, elevado dous chanzos sobre o mesmo espazo da nave.

A nave lateral está separada da principal por un salto da cuberta e dous finos soportes metálicos. Nela disponse a pía de auga bendita, unha capela e dous confesionarios. Nos extremos da nave lateral están a porta da sancristía e a de acceso á torre, ao coro e ao baptisterio.

A torre é un prisma rematado por unha alongada pirámide de formigón, prolongada por unha cruz metálica, con catro ocos na parte superior e outros tres pequenos de ventilación no seu corpo. En orixe dispoñía de dúas esferas de reloxo, agora substituídas por unha soa. Na base da torre arranca unha empinada escaleira, colocada despois da inauguración do templo, para subir ao coro e ás campás, estreita e disposta para que o escaso espazo poida servir como vestíbulo ao baptisterio, conectando o exterior e o interior da igrexa.

O volume da sancristía confórmano a propia sancristía, un vestíbulo de acceso desde o exterior, o despacho parroquial e un aseo. Un pequeno patio separa o presbiterio deste volume e permite iluminar a imaxe da Virxe cunha vidreira vertical situada no seu muro do fondo.

3.2. Partes integrantes.

A igrexa parroquial de Santa Cruz do lncio integra na súa arquitectura unha serie de elementos singulares, insubstituíbles e deseñados especificamente para o edificio:

– Vidreiras: as vidreiras da igrexa están dispostas en cinco secuencias, tres horizontais e dúas verticais. Dúas das horizontais dispóñense ao longo das fachadas laterais do templo, entre os muros e o plano inclinado do tellado, e a terceira no salto da cuberta, paralela ás outras. Unha das verticais está no lateral dereito do presbiterio, iluminando a figura da Virxe, e a outra no baptisterio. As dúas vidreiras sobre os muros laterais foron resoltas por un obradoiro da zona, e o seu valor fundamental é formar parte do conxunto arquitectónico. As outras tres, de características semellantes, son obra do artista José Luis Gómez Perales e teñen un valor artístico excepcional.

– Pasamáns do coro: o coro ocupa un espazo sobre a entrada á igrexa ao cal se accede a través da torre. O forxado, lixeiramente voado, remata cun pasamáns de soporte con tubos de aceiro de sección cadrada como os das tesoiras, nos cales se enroscan trece táboas de castiñeiro.

– Lintel da porta da sancristía: sobre a porta que comunica a nave da igrexa coa sancristía disponse un lintel de mármore do Incio, coa inscrición «AVE MARIA».

– Carpintarías: todas as portas, incluída a entrada principal, están resoltas de xeito tradicional, con seccións macizas de madeira, e con ferraxes feitos en forxa, de seccións simples.

– Armario do baptisterio: no interior do pequeno espazo do baptisterio, fronte á pía, temos un nicho con portas sobrepostas ao muro, para gardar os óleos de bautismo.

– Remate da torre: o prisma de pedra da torre remata con dous pares de ocos nos seus cantos norte e sur. Cara á praza con dúas celosías de cemento branco, e no canto oposto quedan abertas, enmarcadas en grosas seccións de formigón pintado en branco. A través destes ocos pódense ver as dúas campás da torre. Sobre o prisma, e con máis de cinco metros de altura, remata a torre nunha pirámide alongada de formigón pintado en branco, que é a base dunha cruz resolta en vara de aceiro soldado.

3.3. Referencias históricas.

A figura de José Luis Fernández del Amo e a súa obra son ben coñecidas na cultura arquitectónica española. A igrexa de Santa Cruz do Incio permaneceu moito tempo excluída das publicacións sobre o autor ou a arquitectura do seu tempo, por mor da posición xeográfica do edificio, afastado dos centros en que se concentran os exemplos máis coñecidos de arquitectura moderna, e pola focalización sobre os poboados de colonización nos estudos sobre este arquitecto. Foron catro as igrexas que Fernández del Amo fixo en Galicia: Santa Cruz no Incio (1960), San Antonio de Padua en Lugo (1961), Santa Mariña en Chantada (1963) e Santa María en Baio (1981). De todas elas, a do Incio era da que máis satisfeito se sentía o seu autor, fundamentalmente pola singularidade do encargo (o sacerdote que promoveu a obra admiraba o traballo do arquitecto) e porque das catro, esta foi na que mellor puido controlar o seu proceso de construción. Trátase dunha obra que condensa, na metade da experiencia excepcional do seu autor deseñando poboados de colonización, todas as achegas e experimentacións dese traballo.

A experiencia de Fernández del Amo como director do Museo de Arte Contemporánea entre os anos 1952 e 1958, xerme do actual Museo Nacional de Arte Contemporánea Raíña Sofía, proporcionoulle un amplo coñecemento e contacto cos creadores máis avanzados do momento no país e coas súas obras. Só isto explica a calidade excepcional das pezas artísticas que integrou na obra do Incio, e que forman parte indisoluble do edificio. As vidreiras de José Luis Gómez Perales, ou as pezas do escultor José Luis Sánchez Fernández forman un conxunto, a cal se suman os elementos deseñados polo propio arquitecto, de valor artístico excepcional. A participación de artesáns locais produciu pezas e solucións construtivas de gran calidade e interese.

3.5. Referencias documentais.

Nos arquivos colexiais non existe copia do documento orixinal de proxecto. Polas características do encargo e as circunstancias daqueles anos, a igrexa foi construída sen cumprir todas as formalidades dos trámites de proxecto.

No Arquivo Diocesano de Lugo consérvanse copias dos planos con anotacións a lapis do arquitecto, polo que sabemos que os tabiques da sancristía foron reaxustados e que a obra se inaugurou cunha escaleira de man na torre, que máis tarde foi substituída pola actual.

O Archivo Histórico de la Fundación COAM (Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid) en Madrid conserva no Fondo Fernández del Amo documentación de interese para o coñecemento desta obra.

Os traballos, publicacións e iniciativas que teñen recoñecido o valor patrimonial da igrexa parroquial da Santa Cruz non son moi numerosos, aínda que significativos. O seu conxunto apoia a xustificación dos valores deste ben. O ano do pasamento de Fernández del Amo, 1995, o COAM publicou un volume na súa colección Textos Dispersos, no cal se recolleron todos os escritos do arquitecto, baixo o título Palabra y obra. Escritos reunidos. Aquí inclúese o texto publicado na revista Lucensia, «Cuatro iglesias en Galicia» (1991), que é unha das principais fontes documentais da obra do Incio.

Tres anos máis tarde a igrexa foi incluída, por primeira vez, nun estudo e selección de pezas significativas da arquitectura moderna no cuadrante noroccidental de España, publicado polos colexios de arquitectos dos territorios en que se fixo o estudo, co título: Arquitectura moderna en Asturias, Galicia, Castilla y León. Ortodoxia, márgenes y transgresiones.

No ano 2009, a Xunta de Galicia impulsou, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e coa colaboración do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), unha exposición e catálogo titulados: A modernidade construída. Arquitectura galega. 1930-1970. Aquí recollíase esta obra entre as corenta seleccionadas.

No ano 2010, a Fundación documentación y conservación de la arquitectura y el urbanismo del Movimiento Moderno, DOCOMOMO Ibérico abordou o rexistro de equipamentos modernos en España e Portugal. A igrexa de Santa Cruz no Incio foi seleccionada para este rexistro, publicado pola Fundación Caja de Arquitectos no volume titulado: Equipamientos I. Lugares públicos y nuevos programas, 1925-1965. Registro DOCOMOMO Ibérico. Na base de datos do rexistro de arquitectura moderna DOCOMOMO figuran dezaseis obras do arquitecto José Luis Fernández del Amo. Unha delas é a igrexa do Incio.

No ano 2014 publicouse un estudo do arquitecto Antonio Río Vázquez sobre a recuperación da arquitectura moderna en Galicia tras a Guerra Civil, titulado La recuperación de la modernidad. Arquitectura gallega entre 1954 y 1973. Este libro, publicado polo COAG, recolle a obra do Incio.

No ano 2015, e por iniciativa do académico de número da Real Academia de Belas Artes de Galicia (RAGBA) Celestino García Braña, elaborouse un informe para a protección de trece edificios modernos en Galicia. Na acta da RAGBA sinálase que: «O Sr. García Braña, continuando co plan xa aprobado polo Goberno de España, propón á asemblea académica solicitar á Xunta de Galicia a inclusión no Catálogo dos bens de interese cultural de Galicia dos trece edificios seleccionados».

4. Estado de conservación.

A investigación permite afirmar que o edificio non sufriu modificacións nin agresións de importancia. Tan só a instalación dun cruceiro no espazo de acceso a sancristía, a adición dun pequeno alpendre no extremo norte, a retirada das esferas do reloxo e a desaparición dunha delas, a perda de pezas do viacrucis, ou as marcas de pegamento no altar principal son as agresións detectadas, perfectamente reparables.

Así mesmo, o alcance insuficiente das actuacións de mantemento derivou na deterioración de certas partes, especialmente cubertas e paramentos, así como do illamento e das carpintarías.

A Dirección Xeral de Patrimonio cultural está a promover actuacións de restauración en relación co seu valor excepcional e os propios traballos para o seu recoñecemento, cunha serie de intervencións dirixidas principalmente a evitar filtracións no inmoble, á renovación das instalacións e a facilitar as condicións de accesibilidade e uso do templo.

5. Valoración cultural.

A igrexa de Santa Cruz do Incio posúe excepcionais valores arquitectónicos e culturais dunha intensidade infrecuente no conxunto do patrimonio moderno de Galicia, xa que a súa natureza arquitectónica é dunha calidade destacable debido aos seus valores espaciais, formais e construtivos que acadan un mesmo plano de excelencia.

Ademais, esta pequena igrexa amosa notables valores morais que explican que con medios materiais modestos foi posible acadar resultados de alta calidade. O edificio érguese no medio rural, algo infrecuente para a arquitectura moderna, e responde ao intento de conciliar a novidade da súa linguaxe, ao comezo da década dos sesenta do pasado século, coa tradición do lugar, e logra manter a harmonía coas construcións rústicas daquelas contornas.

A igrexa de Santa Cruz é unha obra arquitectónica que, ao pesar da modestia das súas dimensións e dos recursos dispoñibles para a súa execución e mantemento, é un exemplo paradigmático non só do seu creador, o arquitecto José Luis Fernández del Amo, senón das obras conservadas no contexto cultural do Movemento Moderno en Galicia e en España.

Ademais, o inmoble contén un conxunto moi notable de pezas artísticas deseñadas tanto polo propio autor e realizadas por artistas locais como polo escultor José Luis Sánchez Fernández e o pintor José Luis Gómez Perales, que se integran perfectamente na propia igrexa e que son mostra da integración das artes e da súa capacidade expresiva e significativa.

Existen, en conclusión, fundamentos para o recoñecemento da excepcionalidade da igrexa de Santa Cruz do Incio como ben inmoble do patrimonio arquitectónico, adscrita culturalmente ao movemento moderno en Galicia:

• O escaso número de inmobles da arquitectura moderna do período e aínda menos nas condicións de proxecto e localización, nunha pequena localidade rural.

• As excepcionais condicións de integridade do seu estado orixinal.

• A súa calidade arquitectónica, manifestada na resposta contextual ás condicións do lugar, físicas, ambientais e culturais, sen renunciar ao rigor teórico da arquitectura moderna, no que a modestia dos medio con que foi construída non impide a excelencia do seu resultado.

• A integración de numerosas pezas artísticas e artesáns de notable valor.

• A relevancia para caracterizar un núcleo de que forma parte e a súa contorna, así como o diálogo que establece coa propia arquitectura histórica.

6. Usos.

A igrexa conserva a súa función de culto e, dadas as súas características, debe seguir a ser o seu uso principal, sen prexuízo de que poida compatibilizarse cun uso cultural complementario derivado do seu interese arquitectónico e artístico que está potenciado pola súa posición relativa no conxunto, nun espazo relevante da capital da municipalidade e próxima a outro monumento significativo do patrimonio cultural de Galicia, como é o conxunto do Hospital do Incio.

Debe, así mesmo, garantirse un axeitado uso do espazo público ao seu redor, para conservar unhas acaídas condicións de conservación e interpretación da igrexa no seu contexto.

7. Réxime de protección.

7.1. Natureza e categoría.

• Natureza: ben inmoble.

• Categoría: monumento.

• Interese: patrimonio arquitectónico. Arquitectura relixiosa.

• Outros intereses: histórico e artístico.

• Nivel de protección: integral.

7.2. Réxime de protección.

A incoación para declarar ben de interese cultural determinará a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 17.4 e 17.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e complementariamente co establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE).

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. Calquera intervención que se pretenda realizar nel deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos (artigos 39 a 40 LPCG).

7.3. Visita pública.

As persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens de interese cultural especificamente declarados permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.

7.4. Traslado de bens mobles.

Quen promova o traslado de bens mobles catalogados deberá realizar unha comunicación previa á consellería competente en materia de patrimonio cultural. A comunicación conterá a información relativa á orixe e ao destino dos bens mobles catalogados e ao motivo e tempo de desprazamento, así como ás condicións de conservación, seguridade, transporte e aseguramento.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá ditar en calquera momento as instrucións precisas para garantir a salvagarda do ben no seu traslado e localización e adoptará as medidas necesarias para paralizar o seu desprazamento cando se aprecie a existencia de riscos para a súa conservación e protección.

7.5. Contorno.

No relativo ao espazo exterior e do contorno de protección da igrexa, e tomando en consideración as necesidades no relativo ao tráfico e acceso a todos os predios, as intervencións neste ámbito deberán garantir o mantemento das condicións orixinais da construción do templo así como unha certa unidade e fluidez entre os espazos.

No ámbito que corresponde coa Feira dos Porcos, con referencia catastral 4342431PH3244S0001WI, non poderá executarse ningunha edificación e manterase o seu carácter arborizado.

Así mesmo, o espazo de fronte da fachada principal da igrexa cara a praza de España debe manterse libre de aparcadoiro ou de elementos de mobiliario urbano que impidan a apreciación do inmoble no seu conxunto.

ANEXO II

Relación de bens mobles

1. Bancos: os vinte e catro bancos foron deseñados polo arquitecto e construídos por un carpinteiro local, para seren colocados en tres ringleiras con dous corredores. Feitos con táboas de castiñeiro, o seu deseño é sinxelo con leves concesións á ergonomía, respaldo inclinado, e ao neoplasticismo, a táboa do reclinatorio sobresaíndo do extremo do banco.

2. Confesionarios: Fernández del Amo deseñou os dous confesionarios para a igrexa en táboas de castiñeiro nunha composición de planos abertos. As pezas están executadas con calidade e teñen detalles coidados, como o peche do asento sacerdotal, as celosías para os fieis ou os reclinatorios.

3. Pía bautismal: a pía bautismal ocupa o centro xeométrico do pequeno baptisterio. Foi deseñada polo arquitecto como un cubo de mármore, lixeiramente elevada do plano do chan, da mesma pedra. Na parte superior ten baleirado un volume de media esfera, cuberto por unha tapa cónica de metal, rematada cunha esfera e sobre ela unha cruz. A potencia formal desta peza protagoniza o espazo do baptisterio, xunto coa luz coreada dunha das vidreiras de José Luis Gómez Perales.

4. Pía de auga bendita: a pía para auga bendita sitúase na liña de apoio dos soportes de metal, preto da entrada. É un prisma de mármore, que vai reducindo lixeiramente a súa sección cadrada desde a base ata dous terzos da altura total, recuperando logo a mesma sección na parte superior, onde se abre o oco semiesférico para a auga bendita.

5. Altar principal: o altar principal está composto por dous grandes bloques de mármore, do que tamén é autor o escultor José Luis Sánchez Fernández. A peza, sobria e contundente, posúe a dignidade da súa pesada materialidade, subliñada con finas inscricións simbólicas en vermello.

6. Altar lateral: de mármore, como o altar principal, sitúase fixado ao muro na nave lateral, no seu centro. Composto de dúas pezas: un pé central prismático e unha grosa laxa como cimeira.

7. Virxe de Santa Cruz do Incio: a figura da Virxe foi realizada polo escultor José Luis Sánchez Fernández. A figura cerámica modelada para a igrexa do Incio reflicte a experiencia formativa anterior do seu autor, que elabora unha peza alongada, sobria e delicada. A figura sitúase sobre unha peza de mármore, que sobresae, incrustada no muro, no fondo do presbiterio, preto da vidreira vertical que a baña en luz de cores. Baixo a figura da Virxe disponse, no encontro entre o pavimento e o muro, unha xardineira para que medre unha hedra que tiña que ser o fondo sobre o que se vise a imaxe da Virxe.

8. Ambón: o ambón é un simple prisma de mármore, cunha cruz gravada. Posteriormente, e alleo á súa concepción orixinal, engadíuselle un baseamento do mesmo material e un atril de madeira.

9. Sagrario: o sagrario é unha peza valiosa do escultor José Luis Sánchez Fernández. A peza metálica, coas portas cubertas de mosaico, estaba orixinalmente situada sobre o altar principal. Os cambios introducidos no culto polo Concilio Vaticano II, que se desenvolveu ao tempo que a igrexa se estaba a construír, aconsellou colocalo sobre unha peza de mármore, fixada ao muro do fondo do presbiterio, e lixeiramente separada del.

10. Soporte de óleos: Fernández del Amo deseña un soporte para os óleos con dous perfís IPN, os mesmos empregados nos soportes das tesoiras, pero dispostos en cruz. Un rebaixe circular na parte superior permitía o encaixe do recipiente dos óleos, agora perdido. A peza está fixada ao chan, xa que o seu peso e a súa fina base o farían moi inestable.

11. Portacirios de pé: estas pezas, seis en total, están deseñadas polo escultor José Luis Sánchez Fernández. O soporte do cirio é unha cunca semiesférica apoiada nun pé labrado, como unha copa, que se prolonga nunha vara de sección rectangular fina ata un pé en cruz.

12. Portacirios: situados, nun principio sobre o altar pequeno, son catro pezas da mesma forma e dúas dimensións. Están realizados en forxa.

13. Cruz: orixinalmente sobre o altar lateral, fixada ao muro, está feita de forxa. Actualmente está situada na sancristía.

14. Crucifixo: un Cristo idéntico ao que forma a cruz de forxa sobre o altar lateral, está fixado a unha cruz de bronce, texturada con ocos e elevada nun fino soporte con pé en cruz. O crucifixo ten a mesma factura que os portacirios e, con moita probabilidade, pode que sexa obra do escultor José Luis Sánchez Fernández.

15. Viacrucis: sobre a fachada noroeste disponse as catorce estacións, formalizadas con cruces gregas de madeira ensamblada ao bispel e unha peza metálica no seu extremo interior co número que lle corresponde. Actualmente só quedan cinco destas pezas na igrexa.

16. Mobles da sancristía: deseñados polo arquitecto para a sancristía son tres pezas: cómoda, armario e mesa de cabeceira. Están realizados e táboa de castiñeiro, con seccións simples e tiradores de forxa, semellantes aos das portas.

17. Esfera do reloxo: orixinalmente a torre tiña dúas esferas de reloxo de forxa, consistentes en dous aros concéntricos, unidos por números romanos. Substituídos por unha esfera branca, só se conserva unha das esferas de forxa, gardada no alpendre do extremo norte do edificio.

18. Campás: segundo os veciños, as dúas campás da igrexa pertencían á antiga capela desaparecida no centro da área axardinada da praza de España.

ANEXO III

Delimitación do ben e do seu contorno de protección

1. Delimitación do ben.

A delimitación do ben corresponde coa parcela catastral 4342417PH3244S0001XI en que se localiza, que inclúe todas as súas construcións e volumes, así como os espazos libres concibidos para a súa distribución e funcionamento. Sinálase en vermello no plano.

2. Contorno de protección.

Estímase necesario establecer un contorno de protección específico que contemple as especiais relacións que a igrexa de Santa Cruz ten co seu espazo inmediato, tanto no referido ás aliñacións das edificacións próximas como, máis en concreto, á relación cos espazos libres e arborizados con que se relaciona, tanto a praza de España como a Feira dos Porcos, e as rúas que actualmente os delimitan. Sinálase en liña descontinua azul no plano.

3. Planimetría.

missing image file