Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 13 de maio de 2020 Páx. 19950

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2020-2021 (código de procedemento MT975I).

BDNS (Identif.): 505067.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lles correspondan en materia de xestión de residuos.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas, polo procedemento de concorrencia competitiva, ás entidades locais municipais e supramunicipais e agrupación de entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal.

Serán subvencionables:

1. Liña 1-actuacións destinadas a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos que teñan por finalidade:

a) Adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos existentes na nosa comunidade autónoma, para a xestión de residuos especiais de competencia municipal.

b) A posta á disposición da cidadanía de espazos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes, ...) para conformar unha rede galega de establecementos públicos destinados á preparación para a reutilización, coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos.

2. Liña 2: actuacións destinadas á prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos destinadas a:

a) O fomento da compostaxe in situ.

b) Recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais.

O período subvencionable para esta convocatoria será:

a) Entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2020, para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2020.

b) Entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2021, para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2021.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 4 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2020-2021 (código de procedemento MT975I).

Cuarto. Contía

A contía global da convocatoria é de 4.163.113 €, coa seguinte distribución:

1) Importe máximo para a anualidade 2020: 2.448.890 € distribuídos nun 30 % para a liña 1 (734.667 €) e un 70 % para a liña 2 (1.714.223 €).

2) Importe máximo para a anualidade 2021: 1.714.223 € distribuídos nun 30 % para a liña 1 (514.266,90 €) e un 70 % para a liña 2 (1.199.956,10 €).

As actuacións están cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

A contía das axudas será a seguinte:

1) Liña 1. Actuacións destinadas a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos, tratándose de proxectos para:

a) Adquisición de puntos limpos móbiles: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 70.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 10.000 € máis por cada entidade participante, ata un máximo de 100.000 €.

b) Espazos municipais de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 30.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 5.000 € máis por cada entidade participante, ata un máximo de 50.000 €.

2) Liña 2. Actuacións destinadas á prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos, tratándose de proxectos para:

a) Actuacións para o fomento da compostaxe in situ: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 60.000 €. Non obstante, esta poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 10.000 € máis por cada entidade participante ata un máximo de 100.000 €.

b) Recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 100.000 €. Non obstante, esta poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 10.000 € máis por cada entidade participante, ata un máximo de 150.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda