Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 8 de maio de 2020 Páx. 19270

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2020 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes de axuda establecido no artigo 3.3 da Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, se anuncia a convocatoria anticipada para o ano 2020 e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (Diario Oficial de Galicia número 15, do 23 de xaneiro de 2020), e se insta a continuación da tramitación do procedemento de concesión destas subvencións.

Mediante a publicación no DOG núm.15, do 23 de xaneiro de 2020, da Resolución do 18 de decembro de 2019, o Inega estableceu as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, anunciou a convocatoria anticipada para o ano 2020 e procedeu á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións.

Durante a tramitación do procedemento de concesión destas axudas entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49-bis, do 12 de marzo). Así mesmo, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo) e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo).

O Consello da Xunta de Galicia acordou, o 24 de abril de 2020, a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico. Así, o órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar, mediante resolución debidamente motivada, a continuación dos procedementos de concesión de subvencións cuxas bases e convocatoria se aprobasen e publicasen no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, pero respecto dos cales non se ditase a resolución de concesión.

Polo tanto, á vista da situación excepcional creada pola epidemia do COVID-19 e das anteditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e polo Goberno de España, cómpre modificar o artigo 3.3 das bases reguladoras, xa que o prazo de presentación de solicitudes de axuda foi suspendido, o que supón, debido ás circunstancias descritas, ao interese público concorrente e por razóns de seguridade xurídica, a necesidade de ampliar o devandito prazo de presentación de solicitudes e, así mesmo, continuar coa tramitación do procedemento de concesión destas subvencións consonte os principios de eficacia e axilidade que presiden a actuación das administracións públicas e para a protección do interese xeral, así como o interese público, social e económico.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades do meu cargo e das que me foron conferidas en virtude das atribucións que me confire a Resolución do 10 de marzo de 2017 pola que se delegan competencias atribuídas á persoa titular da Presidencia da axencia Inega,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite para presentar as solicitudes de axudas que figura no artigo 3.3 da Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares. Así, o prazo de presentación das solicitudes de axudas amplíase en 5 días hábiles contados a partir do día seguinte ao do levantamento do estado de alarma.

Segundo. Acordar a continuidade do procedemento de concesión destas subvencións, establecido na Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de biomasa destinadas a particulares, resolución aprobada e publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 15, do 23 de xaneiro de 2020, antes da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia