Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 7 de maio de 2020 Páx. 19198

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

INSTRUCIÓN do 28 de abril de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, para o depósito das contas das federacións deportivas de Galicia do ano 2019.

En desenvolvemento do establecido na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, en relación co depósito das contas anuais por parte das federacións deportivas galegas, o artigo 37 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, dispón a presentación no referido rexistro das contas federativas no mes seguinte ao da súa aprobación e, en todo caso, antes do 30 de xullo de cada ano. Esta mesma presentación refírese tamén, de ser o caso, aos correspondentes informes de auditoría.

Consonte o establecido na disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria polo COVID-19, queda suspendido o prazo de presentación das contas anuais 2019 das federacións deportivas galegas, así como dos informes de auditoría establecidos no artigo 4.2 da Resolución do 19 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se acorda o plan de auditorías das contas anuais de 2019 das federacións deportivas galegas, para as entidades recollidas no artigo 2 da dita resolución.

A formulación por parte das federacións deportivas de Galicia das súas contas anuais e, de ser o caso, dos informes e demais documentos contables correspondentes ao 2019 axustarase ao establecido no artigo 40 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta instrución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2020

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte