Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Mércores, 6 de maio de 2020 Páx. 19147

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 1 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións e convenios.

I. Ante a situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declarouse, mediante Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, o estado de alarma en todo o territorio nacional, por parte do Goberno de España. A disposición adicional terceira do devandito real decreto, na súa redacción dada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, refírese á suspensión dos prazos administrativos e sinala a suspensión de termos e a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos de todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Porén, a propia disposición prevé que as entidades do sector público acorden, motivadamente, a continuación daqueles procedementos administrativos referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

II. A Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, no seu punto sétimo, decreta a suspensión e a interrupción dos prazos dos procedementos das entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia e, no oitavo, a interrupción dos prazos de prescrición e caducidade.

III. Pola súa banda, o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de abril de 2020 sobre a continuación de procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales xa se tivesen aprobado e publicado as correspondentes bases reguladoras e convocatoria, pero non se tivese ditado resolución de concesión no dito momento.

IV. O Consello da Xunta, na súa reunión do 24 de abril, acordou valorar favorablemente a continuación da totalidade dos expedientes de subvencións e convenios da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Igualmente, adoptou un acordo sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, valorando favorablemente a continuación dos expedientes de subvencións, entre outros, as ordes e o convenio que se indican no anexo desta resolución.

En relación coas subvencións xa concedidas no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e respecto das cales non tivese transcorrido o prazo de execución da actuación ou do proxecto subvencionado, o prazo de xustificación ou o prazo de comprobación, aprobouse que o órgano outorgante da subvención poida acordar a continuación dos prazos pendentes.

V. O Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), mediante diversos acordos adoptados o 14 de abril de 2020, publicados no Diario Oficial de Galicia do 17 de abril de 2020, mediante Resolución do 16 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, considerou que debe ser un obxectivo de todas as administracións públicas planificar, sempre dando prioridade á seguridade e a saúde da poboación, os pasos necesarios para facilitar ás empresas o restablecemento da súa actividade.

Moitas actividades produtivas precisan, para o seu inicio ou continuidade, a tramitación de diversos expedientes administrativos, en principio suspendidos, cuxo fin é a obtención de permisos, autorizacións ou licenzas. E nesa mesma liña, o Cecop acordou a proposta para que as administracións públicas reactiven a tramitación de expedientes administrativos, emisión de informes e concesión de permisos e licenzas, como medio necesario para a reactivación progresiva da actividade económica, facilitando proactivamente a recuperación económica co fin de mitigar o impacto social e económico da crise sanitaria e, polo tanto, de distorcer o mínimo posible a economía.

VI. En atención ao exposto, este centro directivo entende que nos procedementos relativos ás ordes de subvencións e no convenio que se mencionan no anexo desta resolución concorren as citadas circunstancias, que xustifican a adopción dun acordo de levantamento expreso da súa suspensión e a continuación da súa tramitación, ao dispor tamén dos medios persoais e técnicos adecuados para poder seguir desenvolvendo con relativa normalidade as funcións e competencias que deben ser exercidas por esta unidade administrativa, sen ningún menoscabo da finalidade a que se dirixe o citado Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e dos deberes que este impón.

VII. Os procedementos relativos á concesión de subvencións para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico que se mencionan no anexo desta resolución atópanse en fase de xustificación, cuxa presentación documental se produce á medida que se cumpren cada unha das fases que especifica o artigo 60 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

O procedemento MT300A para a concesión de subvencións destinadas á creación ou mellora de infraestruturas nos concellos de Galicia con poboación inferior a 50.000 habitantes atópase na fase de xustificación. O prazo para a execución material das obras será o comprendido entre o 1.12.2019 e o 31.10.2020, e o prazo para a presentación da documentación remata o 15.11.2020.

O convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Ribeira para a construción do novo auditorio municipal, asinado o día 11 de marzo de 2020, indica na súa cláusula terceira que a data límite de presentación da documentación de xustificación do gasto é o día 15 de decembro de cada unha das anualidades deste convenio.

VIII. A competencia para ditar esta resolución corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en virtude do establecido no ordinal cuarto da Orde do 25 de outubro de 2019, sobre delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, modificada pola Orde do 7 de abril de 2020 (DOG núm. 210, do 5 de novembro de 2019 e DOG núm. 72, do 15 de abril de 2020).

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Continuar cos expedientes de subvencións e convenios e realizar os trámites que procedan para a súa continuidade con respecto ás axudas obxecto das convocatorias que se indican no anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2020

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo
P.S. (Resolución do 30.4.2020)
Eduardo Sobrino Rodríguez
Subdirector xeral de Urbanismo

ANEXO

Código de procedemento

Orde do 18 de febreiro de 2004 pola que se regula a concesión de axudas a entidades locais para a formulación de planeamento urbanístico (DOG núm. 4, do 12 de marzo)

PR004

Orde do 15 de marzo de 2005 pola que se regula a concesión de axudas a entidades locais para a formulación de planeamento urbanístico (DOG núm. 57, do 23 de marzo)

PR004

Orde do 20 de abril de 2007 pola que se regula a concesión de subvencións aos concellos de Galicia para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico (DOG núm. 79, do 24 de abril)

PR004

Orde do 28 de decembro de 2007 pola que se regula a concesión de subvencións aos concellos de Galicia para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico durante o ano 2008 (DOG núm. 8, do 11 de febreiro de 2008)

PR004

Orde do 2 de marzo de 2010 pola que se regula a concesión de subvencións aos concellos de Galicia para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico durante o ano 2010 (DOG núm. 47, do 10 de marzo)

PR004

Orde do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación ou mellora de infraestruturas nos concellos de Galicia con poboación inferior a 50.000 habitantes, para o ano 2019 (DOG núm. 16, do 23 de xaneiro de 2019)

MT300A

Convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Ribeira para a construción do novo auditorio municipal

PR004