Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 22 de abril de 2020 Páx. 18613

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2020 pola que se convoca un curso de asistencia ao cidadán e procedemento administrativo no réxime local.

De acordo co convenio de colaboración subscrito, con data do 6 de febreiro de 2020, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Concello de Outeiro de Rei para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de asistencia ao cidadán e procedemento administrativo no réxime local.

RESOLVO:

Convocar o curso que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Poderá participar na acción formativa convocada nesta resolución o persoal ao servizo do Concello de Outeiro de Rei, tanto funcionario como laboral, que preste servizos de administración xeral ou especial e o persoal adscrito ao Concello de Outeiro de Rei por outras administracións públicas (Mancomunidade de Municipios da Terra Chá), que se encontre en situación de servizo activo (incluído permiso por maternidade ou paternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 30 de abril de 2020.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas nunha modalidade que inclúe teleformación, deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A dita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse automaticamente os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección das actividades formativas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

Quinta. Criterios de selección

O criterio selectivo será por orde de inscrición ata esgotar o total de prazas.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superaren as probas de avaliación, os/as alumnos/as deberán responder de forma correcta a un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos. As datas, o horario e o lugar de realización desta será o indicado no anexo II.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o Concello de Outeiro de Rei poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Concello de Outeiro de Rei resérvanse o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Concello de Outeiro de Rei garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV20027

Área de coñecemento: Comunicación, Organización do Traballo e

Mellora das Habilidades

Nome do curso: asistencia ao cidadán e procedemento

administrativo no réxime local

1. Obxectivos.

Formar o persoal empregado público do Concello de Outeiro de Rei sobre o alcance e condicións do deber de asistencia á cidadanía, así como sobre as peculiaridades do réxime xurídico dos procedementos administrativos no ámbito local tras a aprobación da Lei 39/2015, así como tras a implantación da Administración electrónica no concello, e porá esta materia en relación coa normativa municipal, así como en relación co concreto ámbito competencial e prestacional do concello.

2. Destinatarios/as.

Persoal ao servizo do Concello de Outeiro de Rei, tanto funcionario como laboral, que preste servizos de administración xeral ou especial.

Persoal adscrito ao Concello de Outeiro de Rei por outras administracións públicas (Mancomunidade de Municipios da Terra Chá).

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Duración: 40 horas.

Edicións: unha.

Datas: do 11 de maio ao 19 de xuño de 2020.

Proba final: o día 23 de xuño ás 10.00 horas, en Lugo, Edificio Administrativo de Servizos Múltiples, rolda da Muralla, nº 70, baixo 2º (salvo que continúen as circunstancias provocadas polo COVID-19, nese caso realizarase en modalidade on line).

Prazas: 15.

4. Contido.

– Asistencia no uso de medios electrónicos aos interesados: rexistro electrónico, sede electrónica municipal; taboleiro de edictos; perfil do licitador do Concello de Outeiro de Rei, face.

– Asistencia no exercicio de acceso ao dereito de información. Alcance e límites. Lexislación de transparencia e de protección de datos de carácter persoal.

– Procedemento administrativo no réxime local. Configuración legal básica.

– Especialidade do procedemento administrativo na lexislación de réxime local.

– Especialidade do procedemento administrativo na lexislación das facendas locais en materia de xestión tributaria.