Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 15 de abril de 2020 Páx. 18312

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG415A).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 8 de abril de 2020, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Empresarial, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario e convocalas para o ano 2020 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG415A).

Esta convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e para implicarse en procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoio avanzados; incluíndo os sectores agrícola, pesqueiro, mariño, marítimo e turístico, así como as pemes (...).

Actuación 3.4.1.3: apoio a proxectos de investimento empresarial para promover o crecemento e consolidación das pemes.

Campo de intervención CE001: investimento produtivo xenérico en pemes.

Liña de actuación 07: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 10 de xullo de 2020, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Terceiro. O crédito dispoñible para concesións nesta convocatoria aboarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2020

2017 00014

09.A1.741A.7701

2.500.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo da declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para presentar a xustificación:

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 45 días hábiles desde a data de presentación de solicitude de axuda e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución dos proxectos rematará o 30 de outubro de 2020.

O beneficiario deberá presentar a xustificación da execución do proxecto subvencionado ata o 15 de novembro de 2020.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva
das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario,
cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco
do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

O Igape, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúen a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.

Dada a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, e coa finalidade de paliar a escaseza de material sanitario dispoñible, o obxecto das axudas reguladas nestas bases é o de apoiar proxectos empresariais que permitan a posta en marcha de xeito inmediato de procesos de fabricación de equipamento sanitario necesario para a loita contra o COVID-19.

As presentes bases ampáranse no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Segundo o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exclúese o réxime de concorrencia competitiva no procedemento de concesión das axudas. As subvencións outorgaranse a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nestas bases ata o esgotamento dos créditos habilitados o que, de ser o caso, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover calquera proxecto empresarial que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, se poidan levar adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1. Estas axudas teñen como obxecto subvencionar proxectos que permitan a reorganización produtiva das empresas galegas para abordar a fabricación de calquera equipamento de utilidade na loita fronte ao COVID-19, nalgún dos seguintes ámbitos:

• Téxtiles sanitarios.

• Equipamentos de protección individual (máscaras, cortinas, traxes, gorros, luvas...).

• Kits e consumibles de diagnose.

• Alcois e desinfectantes sanitarios.

• Dispositivos de intervención ou tratamento.

• Ventiladores ou os seus compoñentes.

• Elementos para a desinfección.

• Fabricación de maquinaria para a produción destes bens.

• Outros equipamentos necesarios para a prevención e loita contra o COIVID-19 ou o tratamento da enfermidade.

2. Para poderen optar a subvención, despois da valoración do cumprimento de requisitos da solicitante e da proposta por parte da Área de Competitividade do Igape, os proxectos deberán ser obxecto de validación por parte do Comité de Fabricación de Equipamento Sanitario, aprobado mediante Consello da Xunta do 17 de marzo de 2020.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. Estas axudas ampáranse no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

4. Esta convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular: obxectivo temático 03, prioridade de investimento 03.04, obxectivo específico 03.04.01, actuación 3.4.1.3, campo de intervención CE001 e liña de actuación 07; e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular ás establecidas no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013) (en diante, Regulamento (UE) nº 1303/2013).

5. Os indicadores do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 correspondentes a estas axudas son os seguintes:

– Indicador de produtividade C001: número de empresas que reciben axudas.

– Indicador de produtividade C002: número de empresas que reciben subvencións.

– Indicador de resultado R341G: empresas medianas (entre 50 e 249 traballadores asalariados).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % dos custos subvencionables aprobados. Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE Euratom) nº 218/1046, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa operativo distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun Fondo EIE pode ser calculado para cada Fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, conforme o documento en que se establezan as condicións da axuda.

2. O Regulamento (UE) nº 1407/2013 limita a 200.000 € as axudas en réxime de minimis concedidas a unha mesma empresa nun período de 3 anos. Estes 3 anos deben avaliarse con carácter permanente de tal modo que, para cada subvención en réxime de minimis que se conceda a unha empresa, debe tomase en consideración o exercicio fiscal en que se conceda a axuda (2020) e os dous exercicios fiscais anteriores.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa das accións realizadas. Antes de conceder e pagar a axuda, deberá constar no expediente unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas, entre as que se inclúen as persoas autónomas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, galegas ou cun centro de traballo en Galicia, que desenvolvan nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia un proxecto de fabricación de equipamento sanitario nos termos do artigo 1.

2. Poderán acceder á condición de beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.

3. Poderán ser subvencionables os proxectos de fabricación presentados por empresas de calquera sector de actividade, excluídos os seguintes:

a) Empresas que operan nos sectores da pesca e da acuicultura, regulados polo Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello.

b) Empresas dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas.

c) Empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas, ou cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade dela se repercuta aos produtores primarios.

d) Actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou Estados membros, é dicir, as axudas directamente vinculadas ás cantidades exportadas, ao establecemento e a explotación dunha rede de distribución ou a outros gastos correntes vinculados á actividade exportadora.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou que incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei, as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea e as que incorran en circunstancias para considerar unha empresa en crise de acordo coa normativa comunitaria de aplicación.

Artigo 5. Investimento subvencionable

1. Serán subvencionables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos establecidos pola Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, que estean vinculados ao proxecto e que se materialicen nos conceptos que se relacionan a continuación:

– Bens de equipamento: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipamentos e medios de transporte interno, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.

– Outros investimentos en activos fixos materiais.

– Activos intanxibles relacionados directamente co proceso produtivo (ou co de prestación de servizos, se é o caso).

– Aprovisionamentos e adquisición de materiais necesarios para fabricar o equipamento sanitario descrito no artigo 1.

– Asistencias técnicas para a identificación e control das especificacións técnicas e/ou certificación e homologación de produto necesarias para que o anterior equipamento sanitario poida ser utilizado inmediatamente despois da súa produción.

2. Os activos poderán ser adquiridos en propiedade ou utilizarse en réxime de arrendamento durante o período de execución do proxecto. Neste caso, o custo subvencionable será o importe das cotas periódicas sen recargas, xuros ou outros custos adicionais.

3. Os custos de adquisición de activos de segunda man poderán ser subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e de que non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

b) Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado e sexa inferior ao custo dos bens novos similares, para o cal deberá achegarse certificado de taxador independente.

4. Os bens, materiais e servizos obxecto do proxecto deberán ser contratados a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

5. Quedan excluídos os investimentos e gastos non directamente relacionados e vinculados coa finalidade do proxecto que se vaia executar segundo se define no artigo 1 destas bases.

6. Non serán subvencionables o IVE nin outros impostos recuperables.

Artigo 6. Condicións dos proxectos

1. Os proxectos terán que ser validados polo Comité de Fabricación de Equipamento Sanitario, aprobado mediante Consello da Xunta do 17 de marzo de 2020.

2. Os proxectos terán que propoñer a obtención rápida dunha primeira remesa de produtos cuantificable, en todo caso, antes do 10 de xullo de 2020.

3. Ao remate do prazo de execución, os produtos deberán estar certificados ou, cando menos, xustificar a presentación da solicitude de certificación oficial.

4. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a entrada en vigor do Real decreto 463/2020 polo que se declara o estado de alarma (14 de marzo de 2020) ata o 30 de outubro de 2020. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable. No caso de que os proxectos estivesen comezados na data de presentación da solicitude non poderán estar rematados materialmente ou executados integramente antes da devandita solicitude, segundo dispón o artigo 65.6 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

5. Cando o importe subvencionable supere os 15.000 €, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores independentes (do solicitante e entre si) con carácter previo á contratación da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que a adquisición se realizase despois do 14 de marzo de 2020 e antes da presentación da solicitude ou que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

6. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 7. Contía da axuda

A contía da axuda será do 75 % dos importes indicados no artigo 5, co límite máximo de 100.000 € por empresa ou o importe máximo de minimis que poida recibir de acordo co que establece o Regulamento (UE) nº 1407/2013.

No caso de que o produto non obteña a certificación ou homologación téndose solicitado, aplicarase o disposto no artigo 18.4 e considerarase un incumprimento parcial, reducíndose a subvención ao 40 % do importe subvencionable.

Artigo 8. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

d) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

e) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos da operación.

f) Que manterá os activos fixos subvencionados durante o período de mantemento dos investimentos segundo o establecido no artigo 15 das bases reguladoras.

g) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

h) Declaración da súa dimensión de pequena ou mediana empresa.

i) Declaración doutras axudas en réxime de minimis.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo da resolución de arquivamento.

No caso de presentala de xeito presencial, o Igape requirirá ao solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:

http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

4. A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

b) Memoria descritiva do proxecto, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude, e deberá conter unha descrición dos seguintes aspectos:

– Capacidade técnica e experiencia da empresa para o desenvolvemento do proxecto e para acadar o obxectivo proposto. Recursos e capacitación do persoal.

– Exposición razoada da capacidade de produción de equipamento sanitario que se obterá co proxecto e características técnicas dese equipamento.

– Correspondencia entre os investimentos e gastos propostos coa posta en marcha do proceso produtivo novo ou adaptado. Xustificación razoada.

– Prazo estimado de posta en marcha da produción e periodización do resultado: previsión da obtención da primeira e seguintes remesas de produtos.

– Posibilidade de exportación dos equipamentos sanitarios fabricados.

– Posibilidade de que o novo proceso produtivo se constitúa nunha nova liña de produción estable na empresa ou alternativas de utilización do equipamento adquirido na actual ou en futuras liñas de produción unha vez rematada a necesidade ocasionada pola emerxencia sanitaria.

– Posibilidades reais de utilización dos equipamentos producidos polos seus usuarios potenciais, públicos ou privados, acompañados de pedidos ou cartas de intención no caso de dispoñeren deles.

c) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, deba ter solicitado o solicitante, de acordo co establecido no artigo 6.5 destas bases reguladoras.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude: todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://tramita.igape.es

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

i) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 8.4 destas bases.

j) Consulta de concesións pola regra de minimis.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Igape en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou información prevista nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente, logo da correspondente resolución.

3. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014, e que non incorren en circunstancias para considerar unha empresa en crise de acordo coa normativa comunitaria de aplicación antes de emitir informe favorable á concesión.

4. Logo de avaliación favorable do expediente, requirirase informe de validación do proxecto por parte do Comité de Fabricación de Equipamento Sanitario, aprobado mediante Consello da Xunta do 17 de marzo de 2020.

5. Dos expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou non conten con informe de validación favorable do Comité de Fabricación de Equipamento Sanitario, formularase proposta de resolución de denegación, en que se indicarán as causas desta.

6. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Artigo 12. Resolución

1. A Área de Competitividade do Igape ditará proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que correspondan á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o Documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios Europeos do Ministerio de Facenda, co contido previsto no número 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dunha notificación de recibo das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009. Só se admitirán modificacións dentro dos límites xerais establecidos nestas bases relativas a cambios nos investimentos/gastos aprobados para acadar un mellor cumprimento dos obxectivos do proxecto.

2. A solicitude de modificación deberá presentala con anterioridade á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

3. Para solicitar a modificación deberá cubrir previamente o formulario electrónico sinalado no artigo 8 das bases e presentar a instancia de modificación xerada pola aplicación dirixida á persoa titular da Dirección Xeral do Igape. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e manter os investimentos durante os seguintes prazos:

Manter os investimentos en activos fixos adquiridos en propiedade no centro de traballo en Galicia, durante 3 anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído dentro deste período, no caso de obsolescencia ou avaría, durante o período mencionado, e non poderá ser obxecto de subvención.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que realizará o Organismo Intermedio, a Autoridade de Xestión ou a Autoridade de Certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos custos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, polo menos, un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará os beneficiarios da data a partir da cal se iniciará o cómputo do prazo.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos Feder.

e) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa xustificación da execución do proxecto. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere o 100 % dos custos subvencionables aprobados.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o Feder segundo o establecido no anexo III a estas bases.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 16. Xustificación da subvención

1. O beneficiario deberá xustificar a execución do proxecto aprobado dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria presentando o formulario electrónico de xustificación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de xustificación (IDEL) que identificará univocamente o documento de xustificación. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a xustificación mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. Os formularios que carezan do IDEL ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidos, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerado o documento de xustificación na aplicación informática, o beneficiario deberá presentalo obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a xustificación non se presentase en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a esixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto co documento de xustificación, o beneficiario da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do investimento: documentos acreditativos dos investimentos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) A copia –que permita a súa lectura–, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do cofinanciamento público citada no artigo 15.f) destas bases.

d) Memoria técnica, que se deberá cubrir no formulario electrónico de liquidación.

e) Documentación xustificativa do proceso de certificación do produto que se vai fabricar ou acreditación do inicio do proceso. (No caso de produtos non certificables, acreditación da homologación e composición do produto).

f) Copia das tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 6.5 das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

O beneficiario tamén deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario electrónico de xustificación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 15.d), número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 8 para a presentación da documentación complementaria á solicitude.

O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo ca copia electrónica presentada.

6. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña expresamente a que o Igape solicite as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

7. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

8. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de investimento aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de investimento aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

9. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 14 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei 9/2007.

Artigo 17. Aboamento das axudas

O aboamento do 100 % do importe da axuda realizarase anticipadamente unha vez concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario, segundo o establecido no artigo 63.3 do Decreto 11/2009. Exímense os beneficiarios da obriga de constituír garantías, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009.

Artigo 18. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, e o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

g) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 15 destas bases.

h) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

i) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. No caso de que o importe da axuda aboada supere o 75 % dos investimentos e gastos xustificados, procederá o reintegro do exceso percibido sen xuros de demora.

Así mesmo, se o produto obtido pola empresa solicitante non acada finalmente a homologación das autoridades nacionais téndose solicitado, e á beneficiaria lle correspondese só a intensidade de axuda indicada no artigo 7 para este suposto, procederá o reintegro do exceso percibido sen xuros de demora.

5. No período de mantemento dos investimentos, nos casos en que se aplique o artigo 15.a), procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a continuación:

a) Non manter a publicidade do cofinanciamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 15 destas bases, suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida.

b) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

Artigo 19. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 20. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 15, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017.

Artigo 21. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte ao do ano de presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación; o órgano concedente informará da data de inicio a que se refire esta obriga de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o beneficiario da subvención está obrigado a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.

Artigo 23. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais solicitados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)–coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de Organismo Intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola Autoridade de Xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, punto 2, artigo 140, puntos 3 a 5, e anexo XIII, punto 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladoras a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

d) A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

e) Orde HFP/1979/2016, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

f) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

g) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

h) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

i) No resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Requisitos de comunicación do financiamento público

IG415A - Axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas
galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo
Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do
programa operativo Feder Galicia 2014-2020

– Responsabilidade do beneficiario.

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Igape, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional do Igape e da Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia e o logotipo do Xacobeo 2021, e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

Proxecto cofinanciado polo Igape, a Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

missing image file

missing image file

missing image file

missing image file

missing image file

2. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento:

a) Breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, do proxecto, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia e o logotipo Xacobeo 2021.

b) Para os proxectos subvencionados por importe inferior a 500.000 €, o beneficiario deberá colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no cal se mencionará a axuda financeira do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión e a marca turística de Galicia e o logotipo do Xacobeo 2021, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio. Para proxectos subvencionados por importe igual ou superior a 500.000 €, o beneficiario deberá colocar un cartel temporal de tamaño significativo nun lugar ben visible para o público durante o prazo de execución do proxecto.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

missing image file

missing image file

missing image file

missing image file

missing image file

Axudas do Igape a proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario

Operación cofinanciada pola Unión Europea

Programa operativo Feder Galicia 2014-2020

Conseguir un tecido empresarial máis competitivo

Unha maneira de facer Europa

3. Para proxectos cunha subvención superior a 500.000 €, ademais, o beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo nun prazo de tres meses a partir da data de finalización do proxecto. O cartel ou a placa indicarán o nome e o obxectivo principal da operación. Prepararanse de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión de conformidade co artigo 115, punto 4 do Regulamento 1303/2013.

O contido e os modelos da placa permanente serán idénticos aos do cartel temporal. Recoméndase a reprodución da placa permanente en material auto-adhesivo para contra-colage nunha base de metacrilato ou aceiro pulido, latón ou similar.

– Características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo.

De acordo co establecido no artigo 4 do Regulamento (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014:

1. O emblema da Unión deberá figurar en color nos sitios web. En todos os demais medios de comunicación, a cor utilizarase sempre que sexa posible.

2. O emblema será sempre claramente visible e ocupará un lugar destacado. A súa posición e tamaño serán os adecuados á escala do material ou documento empregados. En pequenos artigos de promoción non será obrigatorio facer referencia ao Fondo.

3. Cando o emblema da Unión e a referencia á Unión e ao Fondo correspondente se presenten nun sitio web serán visibles ao chegar ao dito sitio web, na superficie de visión dun dispositivo dixital, sen que o usuario teña que despregar toda a páxina.

4. O nome «Unión Europea» sempre aparecerá sen abreviar. O tipo de letra debe ser: arial, auto, calibri, garamond, trebuchet, tahoma, verdana ou ubuntu. Non se empregará a cursiva, o subliñado nin outros efectos. O corpo do tipo utilizado deberá ser proporcional ao tamaño do emblema e de xeito que non interfira. A cor do tipo será azul reflex, negra ou branca, en función do contexto.

5. Se se exhiben outros logotipos ademais do emblema da Unión, este terá como mínimo o mesmo tamaño, medido en altura e anchura, que o maior dos demais logotipos.

– Características técnicas das placas fixas e dos carteis publicitarios temporais.

De acordo co establecido no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014:

1. O nome do proxecto, o principal obxectivo desta e o emblema da Unión, xunto cunha referencia á Unión e a referencia ao Fondo deben figurar no cartel temporal a que se refire o anexo XII, sección 2.2, punto 4, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e ocupar polo menos o 25 % do cartel.

2. O nome do proxecto e o principal obxectivo da actividade apoiada por aquel, e o emblema da Unión, xunto cunha referencia á Unión e a referencia ao Fondo que deben figurar na placa ou cartel permanentes a que se refire o punto 5 da sección 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 ocupará polo menos o 25 % da dita placa ou cartel.

– Utilización do logotipo da Unión Europea.

O único logotipo válido é o formado polo emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea situada debaixo del.

missing image file

Ben que en toda comunicación relativa a fondos europeos se deberá incorporar, ademais, unha referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, adicionalmente, empregarase o lema «Unha maneira de facer Europa».