Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 30 de marzo de 2020 Páx. 17487

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se amplía o crédito destinado ás axudas económicas dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

O 17 de xaneiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 26 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se convocan para o ano 2020.

O artigo 2 desta resolución establece a contía inicial dos créditos destinados a financiar estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 04.20.461A.470.0, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria.

Na data actual, e coa finalidade de manter esta acción de fomento en niveis adecuados, cómpre ampliar o importe do crédito asignado a esta axuda, con cargo á aplicación orzamentaria 04.20.151A.470.0.

Polo exposto e en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación de crédito

Amplíase o crédito destinado ás axudas económicas dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego en 160.000,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 04.20.151A.470.0. O importe total destinado ao financiamento destas axudas é de 200.000,00 euros.

Artigo 2. Prazo de presentación de solicitudes

A presente modificación non afecta o prazo establecido na referida resolución para a presentación de solicitudes.

Artigo 3. Réxime de recursos

Contra esta resolución poderá interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Alternativamente, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2020

Mª del Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios