Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Venres, 20 de marzo de 2020 Páx. 17086

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 46/2020, do 20 de febreiro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da reformulación do proxecto de acondicionamento da estrada AC-566, treito Valdoviño-Cedeira, de clave AC/18/040.10, no concello de Valdoviño.

Antecedentes:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 197, do 16 de outubro de 2019, publicouse o Anuncio do 9 de outubro de 2019, polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción da reformulación do proxecto de acondicionamento da estrada AC-566, treito Valdoviño-Cedeira, de clave AC/18/040.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 11 de febreiro de 2020 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción da reformulación do proxecto de acondicionamento da estrada AC-566, treito Valdoviño-Cedeira, de clave AC/18/040.10.

Este proxecto ten por obxecto a corrección do trazado da estrada existente actualmente, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 13+100 (0+000)-17+070 (3+970), no Concello de Valdoviño, adaptando as actuacións consideradas ás figuras ambientais presentes na zona.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de febreiro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción da reformulación do proxecto de acondicionamento da estrada AC-566, treito Valdoviño-Cedeira, de clave AC/18/040.10.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2020

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade