Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Martes, 10 de marzo de 2020 Páx. 15512

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 19 de febreiro de 2020 pola que se clasifica de interese deportivo a Fundación Sociedade Deportiva Compostela.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Sociedade Deportiva Compostela con domicilio no Estadio de San Lázaro, s/n, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. O 4 de xuño de 2019, Antonio Quinteiro Canedo, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Sociedade Deportiva Compostela constituíse en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 2 de abril de 2019, ante o notario Francisco López Moledo, co número de protocolo 913, polo club Sociedade Deportiva Compostela que actúa representada polo seu presidente, Antonio Quinteiro Canedo.

Esta escritura emendouse por outra outorgada o 2 de decembro de 2019, na mesma localidade e ante o mesmo notario, co número 3.362 do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto: promover e fomentar a práctica do fútbol nas distintas categorías e idades e, con carácter xeral, a práctica de todos os deportes.

4. O padroado inicial da Fundación está formado polos integrantes da Xunta Directiva do club Sociedade Deportiva Compostela: Antonio Quinteiro Canedo, como presidente; Juan Carlos Rodríguez Gesto, como secretario; e Francisco Javier García Vázquez, Carlos Ferreiro Vila, Ramón Castro García, Ángel Luis Espadas Díez, Francisco Javier Ferreiro Vila e José Ignacio Lorenzo Rubín, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Sociedade Deportiva Compostela, en base ás materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese deportivo e a súa adscrición á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 10 de febreiro de 2020.

DISPOÑO:

Clasificar de interese deportivo a Fundación Sociedade Deportiva Compostela, adscribíndoa ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza