Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Martes, 3 de marzo de 2020 Páx. 14333

I. Disposicións xerais

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 18 de febreiro de 2020 pola que se aproba o modelo de declaración responsable para realización de actuacións menores de mantemento e conservación no dominio público hidráulico e zona de policía (código de procedemento AU113C).

A disposición adicional segunda do Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, pola que se aproba o Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, prevé a presentación dunha declaración responsable para realización de actuacións menores de conservación e mantemento na zona de dominio público hidráulico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, o que supón unha excepción ao réxime xeral de autorización administrativa a que está sometida a realización de obras segundo o Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, que desenvolve os títulos preliminar I, IV, V, VI e VII da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas.

O Decreto 42/2020, do 30 de xaneiro, polo que se modifican determinadas disposicións vixentes en materia de augas, modifica a disposición adicional segunda do Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, para delimitar e ampliar as actuacións que teñen a consideración de menores e, por tanto, están sometidas a declaración responsable; e establece o órgano a que debe dirixirse, e remite a unha orde de desenvolvemento a aprobación do modelo de declaración responsable.

A presente disposición aproba o modelo de declaración responsable establecendo o seu contido e regulando a documentación complementaria que debe presentarse, co fin de facilitar a súa presentación, tanto electrónica como presencial, para o que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A orde continúa na liña de mellora e simplificación na tramitación administrativa e responde aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia no réxime de autorizacións no dominio público hidráulico e na súa zona de policía, adaptándose ao escenario normativo que introduciu a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas e, por tanto, tamén na Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia.

Na súa virtude, e no uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar o formulario normalizado de declaración responsable previa á realización de actuacións menores de conservación e mantemento na zona de dominio publico hidráulico e na zona de policía no ámbito da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, que regula a disposición adicional segunda do Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro.

A declaración responsable habilitarase na Guía de procedementos e servizos dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia co código de procedemento administrativo AU113C.

Artigo 2. Forma de presentación

A declaración responsable presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado establecido no anexo I desta orde, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, os traballadores autónomos para os trámites e actividades que realicen no exercicio da súa actividade profesional e as persoas representantes dunha das anteriores.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa declaración responsable presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da declaración aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación da declaración responsable poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a declaración responsable presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa declaración a seguinte documentación:

a) Documentación que acredite a representación do comparecente, se for o caso.

b) Xustificante do pagamento da taxa por actuacións de comprobación e control das declaracións responsables para a realización de actuacións menores no dominio público hidráulico e na súa zona de policía (código 31.30.21).

c) Calquera outra que se considere necesaria para acreditar o carácter menor da actuación.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da declaración. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da declaración deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da declaración responsable e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos documentos elaborados polas administracións públicas, os documentos identificativos (DNI/NIE para persoas físicas e NIF para persoas xurídicas), tanto das persoas que realizan a declaración como das representantes.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de declaración responsable e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións derivadas deste procedemento practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na declaración responsable. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación da declaración

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das declaracións responsables tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Augas de Galicia– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

O modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderá ser modificado co obxecto de mantelo actualizado e adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación deste modelo adaptado ou actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

AU113CG.pdf
AU113CG.pdf
AU113CG.pdf