Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Venres, 28 de febreiro de 2020 Páx. 14035

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 14 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada da planta de aluminio de Alu Ibérica LC, S.L. na Coruña. Titular: Alu Ibérica LC, S.L. (expediente 2019-IPPC-M-210).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión da autorización ambiental integrada.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro), establecen o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, a documentación presentada por Alu Ibérica LC, S.L. para a revisión da autorización ambiental integrada da planta de fabricación de aluminio que se localiza na Coruña, para que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, presentar dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

Poderase acceder a esta documentación nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medio ambiente e sustentabilidade →prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2020

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2019-IPPC-M-210.

Autorización ambiental integrada: 2005/0272_NAA/IPPC_169.

Categoría principal da instalación: 2.5.

Categoría secundaria da instalación: 11.1.

Titular: Alu Ibérica LC, S.L. (B86848058).

Enderezo do titular e da instalación: estrada de Baños de Arteixo, número 36.

Actividade principal: produción de aluminio.

Actividade secundaria: produción de pasta electrometalúrxica.

Descrición: a fábrica dedícase á produción de:

– Aluminio primario, por electrólise de alumina (óxido de aluminio).

– Aluminio secundario, a partir da refusión de recortes de aluminio.

– Pasta electrometalúrxica.

A súa produción arrincou o ano 1961, coa serie nº 1 de 128 cubas electrolíticas, e foi ampliada en 1971, coa serie nº 2 de 144 cubas, todas elas de tecnoloxía Söderberg.

Verteduras: todas as verteduras da instalación se canalizan á rede de saneamento municipal da Coruña, con destino final na EDAR de Bens.