Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Martes, 11 de febreiro de 2020 Páx. 9440

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 2 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos declarados municipios turísticos e a xeodestinos de Galicia para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU900A).

BDNS (Identif.): 494946.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que conten coa declaración de municipios turísticos galegos.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarios destas subvencións os 18 xeodestinos e subxeodestinos descritos no mapa oficial de xeodestinos de Galicia publicado pola Axencia Turismo de Galicia, que deberán estar representados por algunha das seguintes entidades:

– Mancomunidades e consorcios locais de Galicia constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.

– Agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención aplicable por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponden á agrupación.

Segundo. Obxecto e réxime

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto, en réxime de concorrencia non competitiva, a contratación de persoal nas oficinas de turismo dos concellos declarados municipios turísticos galegos e dos xeodestinos durante os meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos declarados municipios turísticos e a xeodestinos de Galicia para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU900A).

Cuarto. Importe

1. As subvencións obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.460.0, proxecto 2015 00006, cun crédito de 450.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de incoación dos expedientes.

2. As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 7.000 € por entidade beneficiaria, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os citados gastos non acaden os 7.000 €, a contía da axuda será, como máximo, o importe dos gastos.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

O prazo para a xustificación da subvención rematará o 31 de outubro de 2020.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2020

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia